Desde logo, é doado vaticinar que na RAG ten garantida D. Francisco F. del Riego memoria futura pola súa proposta, compartida con Ferro Couselo e Gómez Román, da celebración do Día das Letras Galegas no ano 1963 malia ter a mesma unha confesada motivación comercial de promoción do libro galego.
A filosofía da proposta, efectivamente, apunta en dúas direccións: promoción do libro galego como depositario simbólico e como expresión do noso labor intelectual. Pero, pasados os anos, será a sociedade galega a que irá modelando o evento, nomeadamente no seo do mundo escolar e académico, para magnificalo ata convertelo nun acto celebratorio nacional. Como no xogo da Galicia emigrante do “truco”, poetizado por Borges, o “envido” inicial foi “revirado” polo pobo multiplicando o seu valor inicial.
Previamente ocorrera o desembarco dos membros máis significados do grupo Galaxia na RAG, avalados e presentados en gran parte por Otero Pedrayo: Ferro Couselo (1951), Carballo Calero (1858), García Sabell (1959), del Riego (1960), Piñeiro (1967), Casares (1978), Queiruga (1980) etc. A presidencia de Sabell foi, digamos, a consolidación do grupo que se fai co control da institución.
Como é sabido Fernández del Riego sucedeu a García Sabell como presidente da RAG no ano 1997. Remataba así unha longa etapa (1977-1997) caracterizada polo silencio da Academia, afastada da loita e do compromiso pola nosa cultura. Ata o Boletín, publicación e voceiro histórico da institución, deixa de publicarse entre 1980-2000. Todo un síntoma.
D. Francisco F. del Riego accede á presidencia da RAG apoiado no seu prestixio como galeguista histórico e cos votos da gran maioría dos numerarios. Pero sabedor xa das súas minguadas forzas, cede desde o primeiro momento a responsabilidade da xestión en Xosé Ramón Barreiro, tesoureiro na súa executiva completada co profesor Constantino García como secretario e con D. Antonio Gil Merino como arquiveiro-bibliotecario. Notoria é a ausencia na executiva de membros do grupo Galaxia, premeditadamente afastados polo coxuntural distanciamento de del Riego con Sabell e Casares.

Será o profesor Barreiro, como xestor de absoluta confianza do presidente, quen consigue fondos para o Boletín, para rehabilitar o museo Pardo Bazán, en deriva ruinosa, e para crear unha infraestrutura organizativa na administración, biblioteca e arquivo que permanece intacta a día de hoxe.
O gran mérito de del Riego como presidente foi confiar na xestión de Barreiro fronte das aspiracións iniciais do secretario D. Constantino García, que comezaba a amosar un certo declive físico. O acceso á presidencia de Barreiro foi posible, en primeiro lugar, pola súa eficaz xestión que gañou a confianza do anterior mandatario; en segundo lugar, porque Constantino García non contou coa confianza en bloque do ILG que, malia teren accedido á RAG pola súa intercesión, estaban magoados pola creación do Centro de Estudos Ramón Piñeiro, considerado unha escisión inexplicable. E, unha terceira razón, porque o trío que protagonizará en 2013 o linchamento a Ferrín, estaba a piques pero aínda non accederan á RAG como numerarios.
O caso é que Barreiro protagoniza desde 1997 unha espectacular renovación da RAG baseada no compromiso coa lingua, coa independencia plena e autonomía de acción conseguidas con diálogo e argumentos históricos sólidos que foron mostrando aos poderes políticos e á cidadanía a súa utilidade e capacidade. Contou para logralo con dúas plataformas importantes: un proxecto de nación divulgado por medio de actos simbólicos sen precedentes; anteriormente os argumentos circulaban a través do libro e o profesor Barreiro fíxoos visibles en actos populares: Mártires de Carral, Xogos Florais de Tui, centenario da RAG e saídas ás vilas emblemáticas de toda Galicia.
A ruptura definitiva con este esperanzador florecemento da RAG, continuado pola presidencia de Ferrín, bendicida por Barreiro, que vía nel a continuidade, partirá de intereses mesquiños: por unha parte o sector do ILG que se vía na obriga de cumprir os compromisos adquiridos, fraudulentamente aprazados sine die, de publicar a Gramática e mais o Dicionario de Apelidos Galegos, xenerosamente compensados; e por outra banda,a constatación de que o piñeirismo perdía adeptos nunha institución viva e que estaba daquela a eclipsar o todopoderoso Consello da Cultura Galega.