Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

No río da historiavivida

O memorialismo na obra de Del Riego

Acto fundacional da Editorial Galaxia (25-VII-1950). Arquivo

Hai dous libros de memorias fundamentais no noso autor que resultaron no seu tempo extraordinariamente relevantes para o coñecemento tanto do seu propio percorrido biográfico como, por extensión, para acceder á historia e á cultura galegas do século XX. Trátase, primeiro, de O río do tempo. Unha historia vivida (1990, 2023). É este un libro aínda hoxe fascinante que relata as vivencias das que foi espectador mais tamén imprescindible protagonista. Alén disto, o autor non converte este volume nunha exposición aséptica das súas actuacións na Galicia dos últimos sesenta anos, nin tampouco nunha arma afiada para xustificar ningunha actuación. O seu talante e carácter anularían de raíz tal intención. As memorias destacan por relatar un proceder -o seu- que sempre estivo ao servizo do seu país e pola incuestionable lealdade a uns presupostos ideolóxicos e culturais que cultivou desde moi novo.

Nesa mesma liña, algúns anos despois, publica Camiño andado (2003, 2023) e, en esencia, atopámonos diante dunha nova redacción, actualizada e completada, do anterior volume, que prescinde dun amplo corpus de caricaturas incluídos naquel e no que a diferenza fundamental radica en incluír algún novo rescate referido a experiencias persoais, alén de estender o seu percorrido biográfico até momento da súa publicación. Non ignora neste libro, igualmente, algúns aspectos máis controvertidos da súa relación con algunhas persoas ou institucións, mais sempre coa elegancia e discreción que o caracterizou.

Nesta mesma liña incluiríanse por dereito propio algúns volumes máis nos que non hai unha voz en primeira persoa que faga memoria e interprete o vivido mais, quen o dubida, está presente a súa propia experiencia vital e lectora, a súa inmensa bagaxe cultural e, por outro lado, o afán divulgativo que sempre abrazou. Refírome a títulos como Ánxel Casal e o libro galego (1983), A xeración Galaxia (1996), Luís Seoane desde a memoria (1994), O señor da casa grande de Cima de Vila (1988), Álvaro Cunqueiro e o seu mundo (1991) ou Blanco Amor. Emigrante e autodidacta. A súa vida literaria (1992) entre outros.

O seu libro sobre Ánxel Casal cumpriu un papel fundamental na recuperación histórica e posta ao día do traballo que desenvolveu o propietario da editorial Nós para ese segundo rexurdimento da cultura en lingua propia. No momento da súa publicación era –case– un ermo a produción bibliográfica que reparaba na súa figura e este foi o primeiro paso para avaliarmos con rigor o labor profesional e a súa dimensión política de Casal. Libro no que don Paco non agocha, desde as páxinas limiares, a súa faceta como mártir do galeguismo desde un emocionado recordo.

Estas liñas descritivas son aplicables, aínda potenciadas polo manexo dun riquísimo e único fondo epistolar, cos libros amentados sobre Luís Seoane, Álvaro Cunqueiro e Blanco-Amor, impulsados ademais polo feito de apareceren ao fío da celebración do Día das Letras Galegas dedicado a cada unha destas voces. Nos tres realiza un achegamento a todas as facetas culturais polas que transitaron, con datos de primeira man, recorrendo igualmente á memoria persoal. Ao mesmo tempo, dous libros aos que concedo importancia na súa bibliografía, e que poderían encaixarse nesta clasificación da súa obra memorialística serían O señor da casa grande de Cima de Vila (1988) e mais A xeración Galaxia (1996). O primeiro é un dos que o autor probablemente máis coidou e no que evoca conversas e diálogos con Otero Pedrayo para construír un percorrido biográfico deste aínda insubstituíble.

Finalmente, A xeración Galaxia (1996) é un volume ensaístico que, dalgún xeito, bebe na fonte das súas memorias publicadas seis anos antes pero que se orienta cara á interpretación e descrición desa “xeración” da que el formou parte e na que traballou arreo. Afonda aquí o autor nos degaros colectivos dun grupo de persoas que enlazan conscientemente as súas angueiras coa xeración anterior baixo un criterio irrenunciable como foi a revitalización e mais a recuperación da cultura galega. Unha dimensión na que Del Riego cumpriu un papel clave que é unha obriga moral recoñecer.

Eduardo Blanco-Amor. Arquivo

Dous inéditos

Nesa dimensión que arrastra a celebración do Día das Letras Galegas, alén de divulgar a figura da persoa homenaxeada, adóitase contar con algúns rescates bibliográficos póstumos que, sen o pulo que a festa literaria, encerra dificilmente verían a luz. No ámbito que nos ocupa cómpre destacar dúas publicacións recentes na editorial Galaxia. A primeira trátase do Diario da guerra, nunha edición de Lourenzo Fernández Prieto, responsable dunhas páxinas limiares altamente recomendables. Velaquí a recuperación da memoria que Del Riego quixo, ou puido, deixar das vivencias da Guerra Civil incorporado a un bando que non era o seu. As abondosas lecturas, a presenza dunha soidade que se converte en algo tanxible ou o “amarguexo” vital do protagonista constrúen un texto paradigmático da memoria dos vencidos. Por último, o volume Memorias do París literario, editado por Malores Villanueva, afonda na relevancia que as lecturas e a curiosidade por saber tiveron na súa vida. O libro recrea, a través da evocación de dúas viaxes realizadas a París, espazos e presenzas literarias, do seu tempo e de sempre. Nunha liña divulgativa tantas veces ensaiada polo autor deseña un mundo cheo de suxestivas interpretacións de obras e autores de orixe francesa que, por outro lado, sempre foron da súa preferencia.


Compartir el artículo

stats