Francisco Fernández del Riego, desde a súa mocidade, foi construíndo unha intensa ligazón cun número notábel de pintores. No fondo de ambos os mundos, o literario e o artístico, estaba o proxecto rexenerador da cultura galega co cal mantiña un forte compromiso.
Na dura posguerra Del Riego reafirma estas ligazóns, algo que testemuñan as iniciativas editoriais e xornalísticas e que se reflicte na correspondencia do escritor, en especial na que mantén con Luís Seoane e Manuel Colmeiro, ambos fóra de Galicia, Seoane na Arxentina e Colmeiro en París. De feito hai cartas en que os artistas plásticos e as publicacións de arte atinxen un papel central. Así, nunha carta sen datar, con certeza de 1954, Del Riego solicita a Seoane reproducións dos seus cadros para unha monografía -trátase do volume publicado na colección “Monografías de Arte Novo” de Galaxia que sairía con data de “15 de Nadal de 1954”- e as referencias aos volumes de Colmeiro e de Carlos Maside -ambos de 1954- e ao albúm Catro poemas pra catro grabados de Luís Seoane, con poemas de Lorenzo Varela, ocupan case a totalidade da epístola.
As “Monografías de Arte Novo” son, pois, un exemplo da ligazón entre o ámbito artístico e o literario, con Del Riego como factótum, sempre presente nos contactos e na xestión de toda a colección. Este interese pola plástica galega está no cerna do proxecto de Galaxia, de feito xa en 1951 as publicacións da nova editorial dan fe da integración da arte no tecido cultural galeguista, así é importante a publicación do volume Pintura actual en Galicia, número 2 da “Colección Grial”, onde se insiren ensaios sobre arte e un inquérito dirixido aos pintores galegos.Porén, son as “Monografías de Arte Novo” da editora viguesa a achega senlleira desta altura ás artes plásticas desde o campo cultural galeguista. Trátase dunha iniciativa de inicios dos anos cincuenta, década en que son editados catro dos cinco volumes da colección que contan co deseño de Seoane: Colmeiro (1954), con texto de Antonio Bonet Correa; Maside (1954), con textos de Álvaro Cunqueiro e de Ricardo García Suárez (Xohán Ledo); Seoane (1954), escrito por Domingo García-Sabell; Eiroa (1957), cun ensaio de Seoane e Seoane Grabados (1965), tamén con texto de García-Sabell.
O primeiro é o libro dedicado ao pintor Manuel Colmeiro que leva un ensaio dun historiador da arte naquela altura aínda moi novo: Antonio Bonet Correa, que coñecera o pintor en París a comezos dos cincuenta. Sobre a monografía e o autor xa fala o propio Colmeiro en cartas enviadas desde París -en 1951 e 1952- a Del Riego. O curioso proceso de publicación desta monografía é moi representativo do modo de traballar dos galeguistas do interior, e de Fernández del Riego en particular, e pódese seguir pola correspondencia enviada desde París por Colmeiro a Del Riego que se conserva na Biblioteca Penzol en Vigo. O 9 de xullo de 1951 Colmeiro pídelle a Del Riego información sobre o futuro historiador de arte e nunha carta do 22 de decembro xa encontramos o contacto realizado, o traballo avanzado e a mediación de Del Riego nítida, aínda que fica claro que o estudo é anterior á definición dunha colección de monografías de arte galega.
O 17 de maio de 1952 Colmeiro manifesta a Del Riego a ledicia por que lle guste o traballo de Bonet Correa e ese mesmo mes o manuscrito chega a mans de Ramón Piñeiro, como comenta Colmeiro a Del Riego en carta o día 21 de maio.A edición, no entanto, vai demorarse ano e medio máis. Ao longo de 1953 Del Riego visita París e está en estreito contacto persoal con Colmeiro. A finais de ano, o 2 de decembro de 1953, Colmeiro dille a Del Riego que esperen algo polas fotografías e algún debuxo para ilustraren o volume e comenta a posibilidade de que o libro sexa editado tamén en castelán e non só en galego.
Finalmente os volumes foron publicados todos só en galego, a excepción, moi posterior, foi o libro Seoane grabados, que saíu en 1965 con texto bilingüe de Domingo García-Sabell. Máis que un desencontro por razóns lingüísticas, que non existe, o que se percibe son diferentes expectativas entre o escritor e o pintor.
Poemas Rosalía-Pondal-Curros
Na correspondencia entre Colmeiro e Del Riego aparecen máis testemuños da confluencia dos ámbitos plástico e literario de expresión lingüística galega e vontade galeguista. Así hai que entender a solicitude de Ramón Piñeiro a Colmeiro dun texto sobre a paisaxe na arte galega, que non terá concreción (27/01/1954), e a edición en París, o mesmo 1954, do volume Poemas Rosalía-Pondal-Curros, Editorial Monte Medulio. Trátase dun libro con poemas dos tres grandes autores do noso Rexurdimento acompañados de textos de Cabanillas, Otero Pedrayo e García-Sabell e ilustrados con gravados e debuxos de Colmeiro, Laxeiro e o escultor español exiliado en París Baltasar Lobo. En conclusión, podemos afirrmar que Fernández del Riego, dentro da súa escrita polifacética e do seu activismo, desenvolveu un esforzo de divulgación e apoio á proxección das artes visuais, labor que non era de ningún xeito alleo á totalidade do proxecto cultural galeguista, unhas ligazóns plásticas que están nitidamente representadas no acervo do museo que leva o seu nome (Colección de Arte Francisco Fernández del Riego, Praza da Princesa 2, Vigo) e que custodia a súa colección persoal, froito das relacións do autor no campo cultural galeguista e tamén da súa proxección posterior como personalidade de referencia na última etapa da súa vida.