Ciencias naturais

Crónicas da natureza

Martín Sarmiento, o primeiro naturalista galego

Cartel conmemorativo do Día do Naturalismo Galego.

Cartel conmemorativo do Día do Naturalismo Galego. / Judith R. Iglesias

Judith R. Iglesias

Cando a paisaxe árida se torna por fin en frondosos bosques e de intenso verde xorde a follaxe das árbores, sabes que entraches en Galicia. Terra de acevos, carballos e carqueixas, “de meigas”, tamén lle din, aínda que isto de bruxería ten máis ben pouco. O pasado 9 de marzo tivo lugar o primeiro Día do Naturalismo Galego, coa vontade de pór en valor o noso medio e impulsar novos e máis profundos estudos arredor das ciencias naturais. Unha data para entendermos a natureza como referente da nosa realidade, no mesmo día en que, moito tempo atrás, nacera un dos primeiros naturalistas de Galicia: Martín Sarmiento (1695-1772).

O frade bieito do século XVIII, ao que se lle dedica esta primeira homenaxe, é considerado, ademais, un dos pais da filoloxía de noso. Porén, tivo tamén un papel determinante en áreas, ás veces menos estudadas, como é o caso da historia natural. O seu pensamento emanaba dos postulados propios da ilustración española e consideraba a natureza fonte de todas as ciencias. Deste xeito, a iniciativa, impulsada polo profesor Rafael López Loureiro, conta co apoio da Real Academia Galega das Ciencias, Adega, a Sociedade Galega de Historia Natural, Hábitat e de representantes de Verdegaia e da Federación Ecoloxista Galega, que manifestaron a súa vontade de “protexer o que aínda se conserva e restaurar o xa estragado”.

O Padre Martín Sarmiento, nacido como Pedro José García Balboa en Villafranca do Bierzo (León), foi un viaxeiro, un humanista errante que tivo unha forte vinculación con Galicia e deixou escritos nos seus diarios e mesmo debuxos que ilustraban os lugares polos que pasaba. Considerado como un cronista da natureza, adoitaba escapar dos libros que tan detidamente lera e completar a información a través da súa experiencia directa. Neste sentido, interpretaba a realidade coa razón, sen afastarse da súa fe, e facía anotacións de todo o que atopaba no seu entorno: as ideas que, primeiro ancoradas á rede da súa memoria, foron escritas logo nos pregos dos seus cadernos de campo.

Ao longo do seu traballo como escritor e investigador, pódese apreciar o grande interese que amosaba pola lingua, a fauna e a flora galegas, así como tamén polas lendas e tradicións que se abrían ao seu paso. No Ano Santo de 1745, realizou a súa segunda viaxe a Galicia, peregrinando ata Santiago de Compostela. Secasí, decantouse por iniciar un itinerario propio, separándose en Pontevedra dos que chegaban de Portugal e aventurándose a rodear O Salnés. Pasou deste xeito por localidades como Combarro e illas como a de Arousa; chegou ata o impresionante istmo da Lanzada, visitou xacementos arqueolóxicos e paseou por pazos como o de Ulloa. A ruta que trazou coñécese hoxe en día como o Camiño do Padre Sarmiento; e chegou a nós a través do seu diario, Viaxe a Galicia, no que tomou nota da toponimia de cada lugar, xunto coa etimoloxía de numerosas palabras galegas, nomes de plantas e descricións do que percibían os seus ollos. Estaba a configurar entre aquelas páxinas unha importante fonte de información sobre este percorrido a mediados do século XVIII.

Cartel conmemorativo do Día do Naturalismo Galego. Na imaxe pequena: frei Martín Sarmiento (1695-1772).

Busto de frei Martín Sarmiento (1695-1772). / Judith R. Iglesias

A finais do pasado 2022, cumpríronse 250 anos da súa morte; e a repercusión que tivo no panorama científico e cultural segue sendo motivo de investigación para moitos estudosos. O Padre Sarmiento traballou en áreas tan variadas como a xeografía, o dereito, a paleografía, a agricultura, a historia ou a filoloxía, eido no que lle gustaba investigar a etimoloxía das palabras. Na súa obra Coloquio de veinticuatro gallegos rústicos defendía a dignidade do galego como lingua cunha identidade propia e mais a necesidade de cultivala no ámbito literario. Asemade, os seus estudos en botánica propiciaron grandes coñecementos sobre plantas medicinais, como as carqueixas, e deron lugar a obras como a súa Disertación sobre las virtudes maravillosas y usos de la planta llamada carqueixa.

Fragmento da edición facsimilar do 'Coloquio de 24 gallegos rústicos' (Monteagudo, 2002)

Fragmento da edición facsimilar do 'Coloquio de 24 gallegos rústicos' (Monteagudo, 2002)

De pais galegos, Martín Sarmiento pasou a súa infancia en Galicia, antes de marcharse a Madrid en 1710. Foi nese momento cando ingresou na orde beneditina do mosteiro de San Martín e adoptou este como o seu nome de pía. A súa cela estaba chea de estrañas plantas ás que observaba cunha admiración botánica, fonte súa de inspiración e análises; e de libros que artellaban as paredes do seu pensamento.

[object Object]

“Tomé y llevé conmigo, un libro en cuarto y blanco para ir escribiendo en él mi Diario de todos mis Viajes”, escribiu Martín Sarmiento. Deixaría así constancia da Galicia que o rodeaba en cada viaxe (1725, 1745 e 1755), da súa sempre esperta e imaxinativa curiosidade e dunha época viva nas testemuñas do seu tempo.

Ademais da súa capacidade innata para investigar, Sarmiento deixaba entrever unha faceta artística, como podemos descubrir no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense; lugar no que se conserva o chamado Caderno de debuxos inéditos do Padre Sarmiento.

As 76 páxinas que conforman esta peza facticia amosan pequenos esbozos e debuxos completos que realizou entre 1725 e 1755, salvagardados como as lembranzas dun pasado perenne. Así, no seu interior están ilustradas, entre outros espazos, a igrexa de Santo Domingo de Ribadavia, a planta do mosteiro de San Pedro de Rocas e algunhas partes da catedral de Ourense, tal e como se percibiran naquel intre do século XVIII. Todo este material configura hoxe unha ventá aberta a unha realidade xa diluída co paso do tempo, que aínda amosa a pegada latente daquela mente empírica, sempre na procura de novos coñecementos.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents