Música

Pakolas e a Lúa

Rock’n’roll para os máis novos

Paco Cerdeira, Pakolas, sobre o escenario: rock de noso para  os rapaces e mais  as raparigas.

Paco Cerdeira, Pakolas, sobre o escenario: rock de noso para os rapaces e mais as raparigas. / Cortesía do artista

V. Neira

Se nomeamos a Paco Cerdeira, talvez a xente que estea máis familiarizada co universo do rock galego axiña se decatará de que estamos a falar do guitarrista de Zenzar, banda senlleira e imprescindible, unha das decanas da escena de noso. Mais, coa mesma, se a Paco desta volta lle chamamos Pakolas, é moi posible que toda a rapazada do país saiba daodamente quen é e sexa capaz de canturrexar moitas das súas cancións.

Porque Pakolas é músico pero asemade compositor e produtor. Os seus primeiros pasos na música infantil deunos como membro do grupo Mamá Cabra, se ben que despois do 2014 veu formar a banda de música infantil A Gramola Gominola, editando o seu primeiro traballo en 2015 para seguir con Cancións para desafinar (2017) e Bravas, o rexurdir da luz (2019), todos coa Editorial Galaxia, e tendo como eixe central o rock and roll, conformando deste xeito unha proposta didáctica para os máis cativos da casa. No ano 2015 comeza a traballar no seu proxecto persoal en solitario, Pakolas, e tamén presentándollo ao público galego como un espectáculo individual onde a súa conexión coa cativada conquista e arrasa en cada posta en directo. Letras, composicións propias e mais o dominio do conto son os argumentos para dar forma ao seu primeiro libro-CD en solitario, Pakolas (Ed Galaxia - Sonárbore 2017) contando co respaldo do Colexio Profesional de Logopedas de Galicia (CPLGA). Xa no 2020 presentaba Ramona órbita, a dona do tempo (Ed Galaxia), acadando un notable éxito de vendas ao contar a historia dunha labrega cunha horta cibernética e unha máquina do tempo coa que prender a semente da ecoloxía e do respecto pola natureza.

Agora Pakolas vén de presentar nestes días pasados o seu terceiro traballo, A Ramona pequena vai á Lúa (Ed. Galaxia), unha nova entrega das historias da súa labrega inventora favorita, que desta volta viaxa á súa infancia coa súa xenial máquina do tempo. De novo con Laura Romero, compañeira tamén en Zenzar, ilustrando o conto e con moito rock and roll cargado de retranca e intelixencia: trátase dunha sorte de dez cancións que xa nos conquistan dende a primeira escoita, e perfectamente artelladas para que as máis pequenas e pequenos as poidan gozar como se merecen. Así aprendemos a sementar coa “Profe Lupe”; coñecemos a “Hurakán” e a “Nora, a furona bailona”; poñemos en valor “O taller do maxín” e manexamos os hipermotores dunha nave que nos leva e trae de aquí para a Lúa. Cancións feitas, arranxadas e con el só facéndose cargo de todos os instrumentos que se escoitan no disco, Pakolas é quen de propornos directos que se moven entre o xogo, o conto, o bo humor e acadando a gargallada das nosas crianzas.

Agora, máis unha vez, toca aprender e valorar as conclusións sempre atinadas da heroína Ramona: A imaxinación non ten límites, a nosa cabeza é un taller de ideas onde os soños poden tornarse realidade. Na Lúa non se dan as patacas. O ceo é un mapa do pasado do universo e o Sol é máis grande que a Lúa. Imprescindible a súa escoita polas pequenas e pequenos da casa e tamén polos que gostamos de boas cancións e boas historias.

[object Object]

O maio das letras sempre nos enche de luces e argumentos literarios para celebrar. Ese maio é para recordar pero tamén para traer ao noso presente eses autores que tanto deron a unha cultura e a unha língua case sempre coas alarmas de perigo prendidas. Este ano, a figura de Francisco Fernández del Riego poñerá a súa Vilanova de Lourenzá no centro do noso mundo e gozaremos da súa historia e da súa escrita, especialmente recomendable ese “diario de guerra” manuscrito que don Paco escribiu aos poucos, e ás agachadas, nos tempos daquela Guerra Civil que el viviu ben dentro do conflicto.

O caso é que as celebracións das letras deberían de ser cada día do ano e, deixándonos de demagoxia, mellor nos iría poñendo as nosas autoras e autores nos olimpos que se merecen sen agardar a festexos desta índole por moi imprescindibles que sexan. E, xa postos, pois tamén valorar na súa xusta medida esa música galega e en galego que, alén de recoñecementos, de maios máxicos e escasa atención, non só resiste senón que medra exponencialmente canto a propostas chegadas dende cada curruncho do país. Si, nun país que, agás extraordinarias excepcións, mediaticamente dá as costas á música no seu idioma, no que os festivais máis poderosos economicamente, importantes e populares, fan caso omiso, no que as programacións dos concellos, tamén de xeito maioritario, non ven o momento de programalos.

Pero aínda así a música en galego medra, e faino en todos os sentidos: calidade, diversidade e sobre todo cantidade. Este maio celebremos as nosas letras e celebremos as nosas músicas e, xa de paso, intentemos facelo os once meses restantes.

Suscríbete para seguir leyendo