Libros

Ser galego: un amoado de historias

Para alén dos lectores

Ilustración da portada do libro "As voces amadas".

Ilustración da portada do libro "As voces amadas". / Francisco Martínez Bouzas

Francisco Martínez Bouzas

Cómpre ter os dentes ben aguzados e o padal sensible aos sabores más infrecuentes para achegarse a este último libro de Lois Diéguez e gorentar dun estilo de prosa que é un primor. O alumno de Manuel María, enxeñeiro, político e escritor, volve á narrativa de formato longo despois dunha ducia de anos. Lonxe queda A canción do vagamundo (Premio Blanco Amor no ano 1986). E tamén moi lonxe a súa expulsión do Parlamento Galego na súa condición de deputado nacionalista. Ten practicado a poesía, a narrativa, a literatura infanto-xuvenil e o ensaio. E son moitas as súas colaboracións en obras colectivas.

O mesmo autor define As voces amadas como un compendio dos libros anteriores, aínda que os personaxes son máis libres, máis conscientes e maduros. Porén, todos eles andan perdidos nos abouros do capitalismo e na dinámica da robotización social. Todo iso nese ronsel de investigar verbo do que é ser galego, obxectivo principal da súa obra. Se ben ao longo da novela se reiteran os actantes, A voces amadas é a antítese dunha novela lineal. No seu conxunto forman posiblemente unha novela, mais cadanseu dos trinta e seis capítulos pode ser lido como unha historia independente, historias que por veces pouco lle din ao lector.

Así, ao un ritmo demorado, avanzan os relatos de As voces amadas que, dalgunha maneira, pretenden inserirnos na esencia galega, saber o que é ser galego. Atopámonos, como tal, con Telmo Oreán e Berta Cardoso que teima que Telmo se agacha con ela por medo as tronadas de Gondar que sempre son un bramar do ceo que chega facer tolear os animais. Noutro capítulo, Lopo Barral, sendo rapaz metíase en canto fregado había. A nai quería educalo a forza de labazadas e el fuxía coa súa panda na que vive un inferno de miserias. Livio Bigallo, outro personaxe destas historias, vaise prexudicando dun xeito rutineiro e foxe da xente. Non comía, durmía todo o día para non pensar. Nas primeiras páxinas do libro relátanse os contactos e relacións dos personaxes amentados, mais as de outras persoas, entre elas Tito Sampil. Hai outras historias como a da Héitor Durán que controla a auga dun xeito obsesivo e as conversas co sirio Samer nas que se reflicte a guerra de Siria. Tamén hai un relato que é un mestura de sexo e pintura e ten como protagonistas Heitor e Simona Pastor. O lector tamén atopará un percorrido nostálxico polo río Sil e a súa contorna, ateigada de socalcos con viñedos abandonados e casas baleiras e estragadas que amosan a decadencia do agro galego. Unha novela que é un amoado de historias de lectura intricada, á que o autor lle pon remate na casa de Uxío Novoneyra en Parada do Courel.

  • As voces amadas

    Lois Diéguez
    Galaxia, Vigo, 2023, PVP. 20 €

Suscríbete para seguir leyendo