Entretida, lixeira e comprometida

Se non è vero, è ben trovato

Detalle da portada de "A gran novela galega", de César Cequeliños.

Detalle da portada de "A gran novela galega", de César Cequeliños.

Xosé Feixó

César Cequeliños vén de publicar en Edicións Morgante A gran novela galega, que non é a gran novela galega, aínda que A gran novela galega e a gran novela galega sexan ambas un conto, que non novelas, ou máis exactamente un conto cada unha delas. Precisamente, o conto da gran novela, neste caso galega, é o leit motiv d´A gran novela, sexa de onde for esta. Hai xa algúns anos, callou por aquí ese conto, que de vez en cando reagroma, de que un país e unha lingua non son nada se non teñen unha gran novela. Tanto é así que moitos se lanzaron a escribila, e mesmo a publicala, pero sen dicir que era a gran novela que Galicia necesitaba, por se tal; e tal sucedeu, claro, e mesmo algúns aínda seguen a esperar a gran novela de país. E así, vimos/lemos moita trapallada, que mellor é non lembrala. Sucede en todas partes, e non temos espazo para máis concrecións.

Na novela, a conto por conto, vén Cequeliños -sempre entretido, lixeiro e comprometido, de lectura amena e narración ás veces tan fantástica e ás veces tan realista que, se non è vero, è ben trovato-, por veces cheo de retranca e humor, e por veces parece que con resaibo e escaldazo, e mesmo con xustificación adiantada de autoridade literaria (véxanse as citas íntrodutorias), expoñer o noso panorama, real e caricaturizado. Son tantos os exemplos, porque non queda títere con cabeza, que non sabemos que exemplo escoller, pois comeza xa antes do libro, coas críticas a editores e editoriais, ata mesmo o final, coa crítica á RAG (“Tareixa Meicende entrou na Academia. O seu discurso versou sobre “A linguaxe simbólica, histórica e literaria da fachada de Santa María a Maior de Pontevedra”. Contestoulle Xesús Alonso Montero. A resposta demorou sete horas e vinte e dous minutos”. Lean, queridos lectores, teñen horas divertidas por diante.

  • A gran novela galega

    César Cequeliños
    Morgante, Cangas, 2023, PVP. 19 €

Suscríbete para seguir leyendo