Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Nas fendas da beleza

Nas fendas  da beleza

Nas fendas da beleza / oriana méndez

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Oriana Méndez

Barroco é a nova achega da poeta, editora e formadora, Antía Otero; un libro de poemas que mantén o equilibrio entre un sólido conxunto e a forza individual de cada texto, entre a técnica e a emoción. Non é difícil advertir unha estrutura para esta edificación poética; unha moi concreta que se vale de elementos característicos da arte barroca para dar nome aos poemas ou a series de poemas: Petimento, Natureza morta, Vanitas, Apoteose, Trompe l’oeil ou Écfrase. Porén, este libro, que procura e encontra a beleza, impugna o preciosismo: “Ningunha perla/nácara irisada/damasco/satén/tulipáns papagaio/xerras con mascaróns (…) So unha táboa de madeira nun recorte de luz/e sobre ela/a tona dunha laranxa de comezo a fin/estendida e salomónica no acabado.” Nós tamén barroco, collendo xa o verso de Xohana Torres –Nós tamén navegar– como forma de erguer unha reivindicación. Nós, é dicir, o mundo primeiro de Otero, o que lle foi dado, o herdado e vivido e gravado e comunicado ás xeracións que veñen, un mundo de mulleres traballadoras, galaico, rural, periférico con respecto ás centralidades canónicas; ese é tamén territorio para a poesía, para a arte, a delicada e precisa imaxe que a poeta retrata minuciosa.

Barroco interróganos sobre a perda –non só a dos seres queridos, senón tamén a dos territorios queridos que se transformaron ou mesmo desapareceron: “onde as tellas quebran medra alí o bosque”–, sobre o amor e o sentido da arte. A imaxe da cuberta, de Julia Llerena, é reveladora: a porcelana fina está escachando diante de nós e nese intre reside a beleza do que se transforma, do que é en tránsito ou pousar a ollada naquilo que a norma desbotaría. Porque este é un libro branquísimo case transparente, con algunha cousa inidentificable que escintila nos poemas; quizais sexa, precisamente, un esplendor que emerxe do mestizo, do claroescuro, desa ollada que Antía Otero descansa nos intersticios, nas fendas da beleza que se reclaman como beleza por si mesma.

  • BARROCO (2023)

    Antía Otero
    A Coruña, Apiario, PVP. 17€

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents