Recreacións dixitais

Unha ollada virtual ao pasado

Recreación virtual da cidade galaica de Lanobriga (San Cibrán de La, Ourense) polo equipo de Paco Boluda.

Recreación virtual da cidade galaica de Lanobriga (San Cibrán de La, Ourense) polo equipo de Paco Boluda. / ARQUIVO

O achegamento a un espazo arqueolóxico por parte de persoas non especializadas pode resultar complexo por ser este un entorno de difícil comprensión. Habitualmente son lugares que se presentan nus, tal e como se teñen atopado nas excavacións. Desde xa hai anos, os profesionais tenden a non intervir nos restos, ou facelo o menos posible, co fin de non danaren as descobertas. Isto, que amosa evidentes ventaxes históricas, afecta nembargantes á comprensión que pode ter o gran público dun xacemento, ou ao potencial didáctico que o patrimonio podería aportar. Certo é que podemos atopar de cando en vez algún plafón explicativo ou mesmo hai espazos onde existe un centro de interpretación que nos axude a comprender as particularidades do lugar, para que logo, unha vez no xacemento, poidamos reparar en certos detalles que ao mellor se nos pasarían desapercibidos.

Pero se a arqueoloxía reconstrutiva suscita receos e controversias, as novas tecnoloxías ofrécennos hoxe poderosas estratexias que poden vir solucionar os problemas interpretativos. A arqueoloxía reconstrutiva dixital, ou as chamadas recreacións virtuais, ábrennos un campo enorme de visualización do pasado in situ que parece que nos permite mesmo unha ilimitada viaxe no tempo. Ao non traballaren coa parte física ou material dun resto arqueolóxico, non o alteran nin introducen nel elementos extemporáneos; cínguense simplemente a crearen espazos non reais ou virtuais que amosan un modelo ou unha imaxe de como debeu ser no seu tempo o xacemento que temos diante de nós. Isto permite unha comparación ou unha vivencia in situ, o que resulta extremadamente directo e de fácil comprensión. Ben sexa a través de códigos QR, lentes de realidade virtual ou calquera dispositivo similar, podemos introducirnos nos pormenores do xacemento e revivilo na súa plena actividade. Todo isto a maiores da importancia que os modelos tridimensionais computarizados proporcionan para os estudosos como medio para tomar medidas e analizaren pormenorizadamente os datos, etc.

Nun mundo como o actual, onde o poder da imaxe é inmenso, este tipo de intervencións virtuais semella un instrumento perfecto cun enorme potencial didáctico e interpretativo. Claro está que tampouco está exento de certos inconvenientes: cómpre ser moi rigorosos nas recreacións virtuais, que deben ter sempre como referencia os datos extraídos sobre o terreo, por moi tentados que nalgún momento piodamos estar nas interpretacións máis libres en aras da espectacularidade. É este outro punto de controversia que suscita dous modelos diferentes: os que prefiren encher as lagoas dos achados de maneira interpretativa (con datos doutros xacementos, por exemplo) ou os daqueles que prefiren deixar espazos en branco alá onde non existen restos arqueolóxicos. Mesmo hai quen di que estas recreacións virtuais poden afectar ao contacto directo que temos cos restos arqueolóxicos (estarmos máis pendentes do virtual que do real).

Podemos atopar un interesante exemplo de todo isto na recreación Lanobriga. Unha cidade galaica, variante posible do que puido ser o Castro de San Cibrán de La (San Amaro, Ourense), por parte dun equipo liderado por Paco Boluda. Este mesmo infografista xa fixera nos anos 90 unha imaxe recreando este mesmo castro e hoxe en día presenta unha recreación que nos permite camiñar virtualmente pola cidade da Idade de Ferro. A reconstrución, que se pode ver en Youtube, pasou por varias fases: nun primeiro momento traballaron portas; a partir de distintas observacións e bibliografía deste e doutros xacementos, concibiron un modelo de torreóns decorados con escudos, armas, cranios humanos…; posteriormente pasaron ás casas e logo aos barrios, completando así o urbanismo. Cáseque dez minutos de paseo virtual que podemos disfrutar na rede. Paco Boluda, Carlos Paz, Miguel Torre e Anxo Miján traballan xa na segunda fase de proxecto: a incorporación das mulleres e homes habitantes da cidade, coas súas roupas e adobíos. O obxectivo é claro: xerar unha serie de materiais divulgativos para achegaren o gran público á cultura castrexa. E non cabe dúbida de que as recreacións virtuais poden axudar moito a acadalo.

Suscríbete para seguir leyendo