Literatura insólita

Paraugas de palabras

De chuvia e literatura

Julie Andrews como Mary Poppins (1964).

Julie Andrews como Mary Poppins (1964). / Arquivo

Armando Requeixo

Os paraugas, ese imprescindible invento que tanto nos protexe, leva acompañando a humanidade dende hai miles de anos. Está documentado que xa no Antigo Exipto da Quinta Dinastía (no terceiro milenio antes de Cristo) —e tamén na Nínive mesopotámica e en Persépolis, amais de na China do Período dos Reinos Combatentes— este prodixioso elemento, ou o seu primo irmán a antuca, acompañaba o pasar das clases máis elevadas como signo de distinción e aínda flabelo. Tanto é así que xa na epopea sánscrita do Mahabharata (circa 400 a C.) aparece a esposa do heroe Jamadagni protexida do astro rei por un catasol.Das súa parte, a literatura da Grecia clásica contén igualmente mostras da presenza do “skiadeion”, un parasol que era complemento indispensable da moda de muller de finais do V a. C. De feito, nas comedias de Aristófanes aparecen e tamén son descritos polo xeógrafo Pausanias.E como tantas outras cousas, esta peza refinada pasou á cultura latina en forma de “umbraculum” e non son poucas as referencias que se constatan na literatura de Ovidio, Marcial ou Xuvenal.

Poderiamos seguir así século tras século, mais anotarei apenas un caso paradigmático antes de avanzar á contemporaneidade: o Robinson Crusoe (1719) de Daniel Defoe. O célebre náufrago fabrica na illa na que está perdido un rudimentario paraugas e explica: “Cubrino con peles, coas sedas cara a fóra, para que repelese a choiva como un teito e me protexese do sol con tanta eficacia que podía camiñar baixo o clima máis cálido mellor ca nunca”. Tanto relevo adquiriu aquela súa creación que durante moito tempo na Inglaterra da época pasou a chamarse “robinson” ao paraugas máis pesado e de estrutura máis ríxida.

Paraugas de palabras

Portada dunha edición de 'Robinson Crusoe'. / Arquivo

Mais alén de todas estas referencias históricas, non cabe dúbida de que foi no último século e medio cando a cotidaneidade do paraugas se fixo, por dicilo con termos actuais, viral e, polo mesmo, a súa presenza acabou por infiltrarse de xeito destacado en diversas obras literarias, moitas veces popularizadas mercé ao cinema, que as fixo mundialmente coñecidas. O caso máis notorio é o da famosísima Mary Poppins, personaxe creado pola xornalista británico-australiana Pamela Lyndon Travers, que escribiu unha serie de oito volumes infantoxuvenís entre 1934 e 1988 e converteu nunha icona inmorredoira a institutriz que chegou co vento do leste á casa dos nenos da familia Banks en Londres, un ser adorable que posuía un paraugas máxico e que foi inmortalizado pola factoría Disney nun filme de 1964 protagonizado por Julie Andrews que, a ritmo de paraugas, entoaba cancións que forman parte xa da banda sonora de varias xeracións.

Son moitos os exemplos dos nosos días que poderían aducirse para demostrar a importancia literaria do paraugas, a maioría deles entre a escrita dedicada ás e aos máis novos, pero non só (pénsese, poño por caso, no supervendas Paraugas de Will Self, finalista do Man Booker Prize for Fiction 2012). Secasí, rematarei nesta ocasión referindo dous eventos que coido confirman o natural vincallo que une os paraugas e as letras.

Foi no último século e medio cando o paraugas se fixo viral

O primeiro destes exemplos vén da man da Fira del Llibre de Valencia. Todos os anos, dende hai máis de medio século, nos xardíns de Viveros da cidade é costume que os visitantes da feira agasallen ás súas xentes queridas libros alí mercados e, tamén si, paraugas, pois a primavera mediterránea por veces cubre de auga as casetas.

E a segunda mostra que evidencia como, ata hoxe mesmo, o paraugas é un dos mellores amigos do libro viviuse en Compostela este mesmo ano, cando polo mes de xaneiro a cidade se encheu de paraugas literarios que promocionaron os libros e autores da Semana da Novela Europea Traducida e tamén do Premio de Novela Europea Traducida. Deste xeito, centos de paraugas ilustrados co rostro e obra das gañadoras do certame circularon polas rúas santiaguesas, atopándose en librerías e outros comercios. Literatura e paraugas irmandados pola arte da chuvia en Compostela.

Julie Andrews como Mary Poppins (1964). Nas imaxes pequenas: Álvaro Cunqueiro; portada dunha edición de Robinson Crusoe.  |  FOTOS: ARQUIVO

Álvaro Cunqueiro. / Arquivo

[object Object]

Un país como Galicia, por forza ha de ter unha literatura na que o paraugas espelle por toda parte. E así é, con certeza. Mais como a relación de casos notables é longa dabondo, conformareime con amentar dúas mostras que resultan paradigmáticas de dous tempos diferentes, dúas xeracións literarias distantes e tamén de dúas escritas ben diversas.

O máis achegado a nós no tempo sería o de O ladrón de paraugas (2021), álbum infantil creado por Xosé Lueiro e Sara Valcárcel que nos regalou a fermosa historia de Fazulas, o gato persa de dona Adelaida, que quere saber de que cor é o vento e inicia unha fantástica viaxe para descubrilo collido da empuñadura do seu paraugas, ata que finalmente atopa o personaxe que dá título ao libro.

Mais se de paraugas e literatura galega falamos, a voz canónica é, sen dúbida, a do Álvaro Cunqueiro do Merlín e familia (1955), libro no que inclúe o xa clásico relato “Os quitasoles i o quitatrevas”. Nel, uns emisarios do bispo de París chegan cabo do Mago Merlín nas Terras de Miranda para que este repare tres máxicos paraugas que se desaxustaron e non cumpren co seu milagroso cometido. A saber: o quitasol branco, de nome ‘Sal el sol’, que ao abrilo pola Nosa Señora de Agosto, aínda que chova a mares, fai que escampe e brille o sol; o marelo, coñecido como Mirabilia, que fai que pola Pentecoste o señor bispo entenda baixo del todas as linguas do mundo e que aínda sexa quen de se comunicar cos mudos; finalmente, o colorado, Luceiro, que é propiamente un “quitatrevas”, pois ilumina a noite como se fora día para poder andar todos os camiños.

Tres paraugas, certamente, inesquecibles do xenial mindoniense que, non por acaso, alcumou a nosa terra como “o reino da chuvia”.

Suscríbete para seguir leyendo