Libros

Horror, beleza e calafríos

Desolador relato

Portada do libro "O gran caderno".

Portada do libro "O gran caderno". / Estro Montaña

Estro Montaña

Agota Kristof (1935-2011) foi unha escritora húngara, que viviu exiliada en Suíza e publicou unha triloxía narrativa coñecida como Claus e Lucas. O gran caderno é a primeira desas tres novelas desoladoras, que aparece agora en galego da man de Rinoceronte. Estamos diante dun libro moi recomendable escrito con estilo seco e descarnado, sen ningún sentimentalismo, que se axusta perfectamente á crueldade da historia. Os protagonistas son dous irmáns que, por mor da guerra, van vivir cunha avoa avara e malvada e para sobreviviren nun mundo hostil van inventar todo un sistema para endurecerse e ser fortes fronte á dor física e as hostilidades. Autolesiónanse, mendigan e, se é preciso, matan de acordo a unha moral propia que substitúe a familia e a escola. Todas as experiencias importantes vannas anotando nun caderno, de aí o título desta novela, que é implacable no retrato da familia, da igrexa, do exército e dos veciños que comparten vivencias cos protagonistas. Descubrimos aquí unha literatura do mal, expresada nunha prosa behaviorista, que ten moito que ver co teatro. Desde a primeira escena, na que a nai deixa os fillos na casa dunha avoa que nin sequera sabe da súa existencia, ata o terrible e sorprendente final no que aparece o pai das criaturas, o ambiente de violencia é constante. Os dous irmáns son vítimas pero de contado serán verdugos.

O gran caderno foi levado ao cine por János Szász; a película, que foi premiada no festival de Karlovy Vary en 2013, tamén pon de manifesto a arrepieante vida de dous rapaces que, sen ilusión nin esperanza, coñecen a fame, a falta de cariño e unha sórdida iniciación ao sexo.

  • O gran caderno

    Ágota Kristóf (Moisés Barcia, trad.)
    Rinoceronte, Cangas, 2022, PVP. 17 €

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents