Entrevista | Pedro Feijoo Escritor e músico

“Nunca como agora houbo tanto interese pola memoria de Vigo”

Pedro Feijoo, na  súa casa.     | FOTO: FDV

Pedro Feijoo, na súa casa. | FOTO: FDV / Lourdes Varela

Que mellor maneira que conmemorar os fastos da semana da Reconquista de Vigo que convidar a Pedro Feijoo? O escritor vén de publicar Pequena historia de Vigo (Embora), libro que presentará o venres, 28 de abril, no Club FARO, xunto co ilustrador do volume, Xosé Tomás, nun acto que será moderado por Manuel Bragado.

–De todos os períodos da historia de Vigo que inclúe Vde. neste libro, en cal deles lle gustaría ter vivido?

–Se teño que escoller, quedo sempre co presente. Creo que en Vigo nunca antes houbo un interese tan grande e evidente por parte da cidade por coñecer a súa memoria. Alén das iniciativas particulares, ou mesmo administrativas, o que realmente importa é a xente, o seu movemento, a súa verdade. A xente, sempre. E, sinceramente, que os vigueses de hoxe sintan esa curiosidade, é algo marabilloso. Unha cidade que se interesa polo seu pasado é unha cidade con futuro. Esa é a miña cidade.

–A que Vigo elixiría viaxar mañá mesmo?

–Ocórrenseme moitos, e de certo que non, non son os que a xente pensa. Estes días mesmo, que ando enleado na cousa da rima e o metro, pensei en como me gustaría espiar por unha fenda o momento en que Martín Códax empezou a escoitar na súa cabeza unha voceciña que lle dicía “Ondas do mar de Vigo. Que, ademais, rima con amigo! Dálle, Martiño, que isto se escribe só!”. Ou nos días da Reconquista, vendo como os veciños me respondían con cara de non saber de quen carallo lles falo cando lles pregunto por unha tal Aurora. Ou aqueloutro, en que Xulio Verne, fastidiado, murmura para si unha especie de “Oh, mon Dieu..!”. ao verse de novo en Vigo, de novo sen remedio, e de novo sen ningún interese pola súa parte. Ou, talvez, un café coa viúva de Pacewicz, cinco minutos antes de que a muller colla o tren para non regresar xamais, e preguntarlle “Pero, a ver, Madame... que foi o que pasou realmente?”

–Quen é o seu personaxe favorito da historia de Vigo?

–O meu favorito non sei, pero o primeiro que agora me vén á cabeza é Vázquez Varela, o tipo ao que lle tocou o papelón de asumir a alcaldía da vila precisamente agora, nos días da Reconquista. A pouco que un se deteña a observar con atención a verdadeira crónica daquel episodio, verá que el foi o verdadeiro xenio deses días. De feito, case diría que debeu de ser o único que se detivo a pensar as cousas cun pouco de xeito. E, con todo, nin o seu tempo nin a historia posterior lle deron o recoñecemento que tan ben merecía...

  • Pequena historia de Vigo

    Pedro Feijoo / Xosé Tomás (ils.)
    Embora, Ferrol, 2022, PVP. 14,95 €

–E o seu personaxe máis odiado: aquel que, se puidera, borraría da Historia?

–A ver;,odiar é moito dicir, e eu tampouco teño tanta autoridade como para odiar a ninguén. Pero, desde logo, se hai un personaxe que non merece ningún tipo de respecto histórico por parte da cidade ,ese é sen lugar a dúbidas Pablo Morillo. Un arribista, un trepa ao que a vila, primeiro, a cidade despois, lle importaba un carallo. Tanto é así que, de feito, a segunda vez que veu de visita foi para meternos na cadea. E nós que facemos? Poñelo no alto dunha estatua! Vamos, algo así como o que logo fixemos coa Movida, pero no século XIX...

–Que tivo que ver ese tal Gundraed con Galicia?

–Gundraed -Gunderedo para os amigos- foi o caudillo viquingo por excelencia, o chamado Rei dos Mares do seu tempo. Un tipo que a finais do século X chegou á conclusión de que as augas norueguesas eran demasiado frías, e decidiu facer turismo polo sur. E así foi como chegou ás nosas praias. Diga vostede que igual as súas formas non eran as máis apropiadas (non en balde, non me custa nada imaxinalo regresando ao seu drakkar, laiando o malestar deixado ao seu paso á voz de “se xa saben como me poño, para que me convidan...?”). Pero mira, grazas a iso, agora temos unha festa tan chula como a da romaría viquinga de Catoira. Que máis se pode pedir?

–De todos os que invadiron a cidade, a quen se parece máis o carácter dos vigueses de hoxe: viquingos, turcos, franceses...?

–Polo xeito en que nos gusta a festa, diría que fomos quen de quedar co mellor de cada un deles...

–Que foi (en realidade) do ouro de Rande?

–Moi lamentablemente, amigos, para todos os que aínda vos metades nas praias de Rande, Redondela ou Vilaboa esperando saír cun pedazo de ouro entre os pés, teño algo que dicirvos: abandonade toda esperanza. O ouro marchou para a Corte, cargado en toda canta carreta se puido requisar. E si, xa sei que a raíña Ana de Inglaterra mandou acuñar moedas para festexar a vitoria. Pero xa se sabe como son os que mandan: moito falar, pero, á hora da verdade... Non, non remexades máis cos pés na area, que antes que con ouro daredes cunha faneca brava. E iso si que non!

"Vázquez Varela, alcalde durante a Reconquista, é o meu personaxe favorito da historia viguesa"

–Como é posible que unha figura como Buenaventura Marcó del Pont sexa case un absoluto descoñecido hoxe en Vigo?

–Pois precisamente polo mesmo que sinalaba antes ao falar de Vázquez Varela, de Verne ou da Movida. Porque durante moito tempo, na oferta entre a realidade e o mito, escollemos a segunda opción. E así nos foi. E iso que, no caso de Buenaventura en particular, daba para ambas as opcións. Pero durante moito tempo escollemos vivir así, aferrándonos á “crónica oficial”, repetida ata a extenuación. Por fortuna, e como comentaba ao principio, iso agora está cambiando. A xente quere saber, e os medios actuais permítennos afondar máis na nosa memoria.

–Sinceiamente: cando se celebra a Reconquista, de que parte está Vde.?

–Nun principio, recordo que a miña arrogancia e mais eu respondiamos que da parte francesa, claro. Ao fin e ao cabo, aquel era o país da Revolución, da Ilustración, do progreso... A porta de entrada á modernidade, ao que hoxe é Europa. Pero logo, a medida que vas estudando con máis detemento a historia, empezas a comprender que, como con Gundraed, igual as formas empregadas non foron as mellores... A Guerra de Galicia non foi precisamente unha festa da escuma, e a ferocidade empregada polas tropas napoleónicas aínda hoxe asustaría a máis dun. Iso do progreso está moi ben, pero pasar unha vila enteira a ferro e lume... que queres que che diga? Por fortuna, hoxe podo quedar cunha terceira vía: a do choripán, e que aí mas dean todas...

–E cando lle preguntan (como é o caso), se lle gusta ou non o Sireno, en que bando se sitúa?

–Sempre que sae esta cuestión, lembro que a Manuel de la Fuente non lle gustaba nada en absoluto. De feito, recordo que, cando por fin se descubriu a peza de Leiro, De la Fuente publicara unha das súas famosas Postais neste mesmo xornal, titulada “¡Ni Sireno ni farrapos de gaita!” Sempre que vexo o Sireno, lémbrome tanto da anécdota como daqueles impagables e divertidísimos cabreos que collía Delafú. E se a escultura da Porta do Sol serve para arrincarme un sorriso en lembranza doutro dos grandes esquecidos da cidade, daquela si: a min gústame o Sireno.

Suscríbete para seguir leyendo