“...É a vida mellor, non ten comparación!”

Sobre piratas e corsarios (e III)

Fotograma de Piratas do Caribe (2003).

Fotograma de Piratas do Caribe (2003). / STEPHEN VAUGHAN

Alfredo Iglesias Diéguez

A literatura e mais o cine e, en menor medida, a arte, crearon unha imaxe idealizada da vida do pirata que, a dicir verdade, obedece máis a unha recreación romántica que a, moitas veces, dura realidade. Velaí están no noso imaxinario personaxes como o capitán Garfo, John Silver ou Jack Sparrow, que forman parte da nosa cultura popular.

A vida dos piratas no noso imaxinario: literatura e cine: “A vida do pirata é a vida mellor, / non ten comparación, / vivimos borrachos, / e somos moi machos, / e non nos importa a vida”. Así cantaban os simpáticos piratas que actuaban na illa de Nunca Xamais baixo o mando do capitán Garfio na versión animada que rodou Walt Disney no ano 1953. Porén esta imaxe “boista” da vida do pirata vén de moi vello: velaí están as dúas imaxes fundacionais creadas por Espronceda e Stevenson. Efectivamente, esa é a imaxe do pirata dos versos de Espronceda, quen na codia da súa famosa “Canción do pirata” afirmaba “que é o meu barco o meu tesouro, / que é o meu Deus a liberdade; / a miña lei, a forza e o vento; / a miña única patria, o mar”. Unha imaxe romántica na que o pirata é a encarnación da liberdade, do home que vive sen ataduras, do apátrida, de quen se move á marxe dos convencionalismos. E, por suposto, esa é tamén a imaxe que recreou para nós Robert Louis Stevenson na súa novela A illa do tesouro (1883), na que deixa escritos os seguintes versos inspirados nunha vella canción: “Quince homes sobre o cofre do morto. / Ou, ou, ou! / E unha botella de ron! / A bebida e o demo encargáronse do demais. / Ou, ou, ou! / E unha botella de ron!” Esta mesma imaxe que asocia liberdade e ron -e que non deixa nun moi bo papel á muller...-, é a que transmite a banda de heavy Mägo de Oz, na canción “A vida do pirata é a vida mellor!”... “sen traballar, sen estudar...”

“... É a  vida mellor, non ten comparación!”

José de Espronceda. / Alfredo Iglesias Diéguez

Que dicir, por outra banda, da extensa filmografía, iniciada entre outros filmes por A illa do tesouro (1934) ou O capitán Blood (1935), seguindo por O pirata carmesí (1952) ou as diferentes versións de Peter Pan -na que os piratas teñen un papel protagonista-, para chegar á última saga dos Piratas do Caribe, na que a vida do pirata é a vida dun home valente, que se rebela a un sistema inxusto e opresor, e romántico, apaixoado pola vida e as mulleres? Velaí está Burt Lancaster no Pirata carmesí.

Ora ben, era tan feliz a vida do pirata como nola queren presentar? Obviamente se nos achegamos á realidade histórica, os piratas están lonxe de deviren os aventureiros que non obedecen a máis lei que a liberdade e valentes mariñeiros capaces de asaltaren barcos inimigos cargados de ouro e riquezas. Neste sentido, se nos achegamos á realidade histórica, podemos comprobar que a vida do pirata non era tan feliz, pero tampouco é tan cruel como ás veces se quere argumentar dende a beira oposta.

“... É a  vida mellor, non ten comparación!”

Robert Louis Stevenson. / Alfredo Iglesias Diéguez

A vida do pirata: Á marxe das imaxes aventureiras que proxectan os filmes e mais as novelas, inzadas de patas de pau, garfos, parches nos ollos, sombreiros de tres picos ou tricornes e panos no pelo..., homes bravos e valentes con loros ou macacos no ombreiro e con trabucos e sabres pendurados do cinto..., a vida nos barcos piratas era dura, moi dura. De feito, o mar, sobre todo nun barco dos séculos XVII e XVIII, é un entorno adverso debido, tanto as inclemencias do tempo (furacáns, mar calma e sol abrasador...) propias das latitudes habituais para esas naves, como as propias condicións da embarcación (velas, poleas, cordas, vultos pendurados...). Ademais, a esas condicións había que sumar as enfermidades propias da vida en alta mar (escorbuto, que era causa de moitos dentes sucios ou faltantes,...) e, por suposto, os castigos derivados das mostras de indisciplina ou de seren capturados, que podían chegar a implicar a morte, como “camiñar pola táboa”, “pasar pola quilla” ou o abandono nunha illa deserta.

A piratería foi unha das estratexias empregadas polos nacentes estados protocapitalistas, principalmente Inglaterra, Francia e Holanda, para apropiarse de importantes botíns de guerra que, doutro xeito, non podería adquirir. Velaí a razón de ser do corso: a acumulación orixinaria de capital.

[object Object]

No ano 2000 Linebaugh e Rediker describiron o barco pirata como un “espazo democrático nunha era antidemocrática” e como “un territorio igualitario nunha era xerárquica”, razón pola que definiron a organización política do barco pirata co termo “hidrarquía”. En efecto, de acordo con Linebaugh e Rediker, “os piratas distribuíron xustiza de acordo cun código, elixiron oficiais, dividiron o botín en partes iguais e estableceron unha disciplina democrática”, na que a autoridade do capitán tiña uns límites moi claros, os que se establecían no “código”.

Dito código viña ser un conxunto de normas que regulaban a vida nunha embarcación pirata; neste sentido, os códigos establecían as regras que rexían o mantemento da orde e da disciplina no barco, a organización democrática do colectivo pirata, a forma en que se distribuiría o botín -sendo a maior diferenza de dúas partes a unha parte e cuarto-, a compensación no caso de ter que causar baixa... Historicamente, semella que o primeiro código foi o que se aprobou no barco de Bartomeu o Portugués, pero o primeiro do que se ten constancia é o de George Cusak, aproximadamente en 1670.

Suscríbete para seguir leyendo