Ventos de Muros

O Norte segundo os Deleiba

Desde os areais de Muros, os integrantes do grupo Deleiba.

Desde os areais de Muros, os integrantes do grupo Deleiba. / Cortesía do grupo

V. Neira

Préstanos moito Muros; préstanos subirmos ao Monte Louro, contemplar amodo desde a súa altura a marabilla total daqueles areais de dondura e mais o azul incomparable daquel mar de vellas lendas. Préstamos asemade a vila, fermosa e mariñeira, declarada xa en 1970 como Conxunto Histórico-Artístico, a manter arreo todo o pouso dunha aldea de pescadores, cargada de simbolismo, maxia e dun infinito valor patrimonial.

Mais tamén nos presta, e tanto e moito, a xente que alí podes atopar, todo ese xorne auténtico dunha hospitalidade impagable a mostrarse leda cada vez que por alí caemos, e si que nos deixamos caer moito. Préstanos, en fin, a riqueza musical que en toda parte agroma, o fantástico festival Castelo Rock a resistir, afouto, o paso dos anos, dando abeiro a propostas rockeiras chegadas de ben lonxe, pero tamén, imprescindible nas súas táboas, acubillando as referencias galegas que, verán tras verán, visitan a vila para compartiren escenario coas propostas locais que alí hai, e ben boas e recomendables: así, e sen termos que pensalo moito, os Terbutalina e The Rapants ultimamente, por poñermos apenas dous exemplos, ou, desde logo, os Deleiba, dos cales hoxe queremos falarvos nesta crónica, todos eles constitúen outros tantos excelentes exemplos desa saúde musical, e especialmente rockeira, a aboiar na vila.

Os Deleiba veñen de presentar hai uns días o seu último sinxelo, videoclip incluído, baixo o título de Viento del Norte, nunha canción que navega, decidida, por mares ben íntimos e cargados de beleza. Fano, os de Muros, cunha base cargada de solidez e pegada; coa batería de Mauro Gómez Lamela e mais o baixo de Jesús Saborido Garcíade dándolle fantástico acomodo ás guitarras quentes e afiadas de Alberto Romero Pedrosa e Denís Lamela Martínez, mentres, da súa parte, Germán Mosqueira Paris, nas voces, é quen de cargar de emoción, entusiamo e honestidade un texto, sensible, que vén mergullar no existencialismo, nas preguntas que o espello che plantexa e aínda no fracaso e na vitoria como dúas caras da mesma moeda. E todo iso nunha aposta sincera e arriscada que, dende logo, tira a banda fóra da súa zona de confort, conferíndolle ao produto final todo o encanto do risco e da valentía músical dun grupo que parece saber perfectamente o que busca.

Xa que logo, a enerxía do punk-rock, a sensibilidade do rock alternativo e progresivo e mais a crueza do post-hardcore presentes na proposta lévannos por paisaxes intensas e que significan, dende logo, unha nova paleta de cores que achega os muradáns a novos lugares sonoros. Viento del Norte constitúe, daquela, toda unha declaración de intencións. Cociñada a lume lento nos estudios Pouland de Iago Pico, estamos certos de que abofé que levará os muradáns por moitos escenarios dun país que os está a agardar xa como unha das nosas grandes apostas da hora presente e do futuro.

Waterboys

The Waterboys

[object Object]

Claro que existen máquinas do tempo: buratos de verme que son capaces de trasladarte de aquí para aló nun exercicio que se vira tan gozoso como admirable. E non pensen vostedes que un sabe o máis mínimo de física cuántica, pero o que si sabe e de ver caérenselle as agullas a un reloxo diante dun escenario que reparte cancións tan cargadas de maxia e fantasía como de evocadora atemporalidade. Os Waterboys fan 40 anos e andan a celebralo cunha xira polo mundo. Reiventándose disco a disco, golpeando sen piedade a quen teña o atrevemento de colgarlles etiquetas

Si, foron unha banda de folk-rock, de pop, de rock, de big sounds ou calquera outra palabra que queiramos poñer por aquí, pero eles sempre arredan de calquera rótulo. Trinta músicos pasaron pola banda a dar compañia a un Mike Scott sempre fantástico en calquera ministerio musical que se propoña. Discos que non pararon nunca de chegar e tours que os levaron e levan por cada curruncho do mundo, namorando a platea sen demasiadas concesións. Desta volta, incluso prescindindo dunha peza básica no imaxinario do grupo: o violín do até nada, aparentemente imprescindible, Steve Wickham.

Así os miramos hai uns día no Coliseu do Porto: con máis canas pero tamén con máis enerxía que nunca.Vale que todos caemos irremediablemente entregados a mans das frechas de Cupido cos primeiros acordes do “This is the sea”, do “Fisherman blues” ou da altísimamente radiactiva “The whole of the moon”, cancions que o tempo leva ao ceo das obras a venerar.

Mike Scott é un dos grandes xenios deste tempo, guitarrista excepcional, pianista marabilloso, vocalista excelso e sobre todo un compositor á altura dos máis grande, cunha aposta cargada de riscos, de reaquelar arranxos e reformular cancións vellas, que soan coma nunca, e cancións novas que parecen xa clásicos. Co hammond e a personalidade salvaxe de “Brother”, Paul Brown tamén frotando o imán do magnético e compartindo protagonismo como incrible escudeiro de Scott. A estes Waterboys dá a impresión de que lles quedan aínda moitas xiras de repartir talento e de vivir ás costas dunha realidade musical mediática e social que pouco vai con eles. Eles continúan ao seu, emocionando públicos que xa os coñece e outros que non da crédito do que están a escoitar. Francamente, unha das mellores propostas que podes ver e escoitar nestes. O verme do burato vai bailar, e tamén chorar un pouquiño de emoción, pero sobre todo o r&r, e todas as etiquetas que se lle poidan pegar, demostra que aínda está aí para deixar á audiencia aturdida, pedindo papas e de paso pregando que toquen outras tres.

Suscríbete para seguir leyendo