Ante o milagre da vida

Como refacer o mundo coas palabras

Detalle da portada.

Detalle da portada. / Oriana Méndez

Oriana Méndez

Os días, a última achega poética de Ricardo Martínez Conde, pretende dar resposta a algunhas das preguntas fundamentais do xénero: como refacer o mundo coas palabras, como escribir diante das dúbidas. A voz poética presenta unha actitude introspectiva que indaga na perplexidade do mundo e da vida, un talante inquisitivo que se fascina ante o enigma do destino, que é o mesmo que o do paso do tempo: “Mana o río, a súa sorte no tempo/que nos nutre/pero non acerta a dicirnos o que é real”. A ollada existencialista e extrañada sobre as cousas ou sobre as ideas avanza con alento elexíaco, pois non se detén a interrogante sobre a memoria, sobre a soidade e a fraxilidade da que o ser humano se envolve. Está presente a incerteza de todos os momentos, a transitoriedade inherente: “Memoria, esquecemento: que ceo é o seu reflexo, o seu espello?”

O poema desenvólvese valéndose da columna versal en textos breves que procuran a sinxeleza e a concentración do sentido, sen deixar por iso de introducir incisos entre parénteses serven para matizar o sentido central ou, ao contrario, para se converter eles mesmos en sentido central, pois, nesta poética que procura unha ollada delicada, aquilo que é revelador pode abrollar no máis inesperado, no menor, naquilo case inadvertido que a voz poética recolle para llo facer chegar a quen lea, buscando a comunicación.

En definitiva, do mesmo xeito que a simplicidade se combina co coidado da lingua, o abraio existencialista aparece subitamente no contexto realista da experiencia: “Aí están o escritorio, as flores/no seu vaso, a paciente tristeza”. Porque o que se procura é dar conta da admiración ante o milagre da vida cotiá.

Os días

Portada.

OS DÍAS (2023): R. Martínez Conde,A Coruña, Medulia, PVP. 15€

Suscríbete para seguir leyendo