Simétrico xardín epistolar

Otero, Cunqueiro e a sega do 36

Simétrico xardín epistolar

Simétrico xardín epistolar / Estro Montaña

Estro Montaña

Publica o nº VII da Colección “Selva de Esmelle”, que dirixe Armando Requeixo, o epistolario entre Cunqueiro e Otero Pedrayo, cun interesante estudo de Patricia Arias Chachero. Nesta fermosa edición, comprobamos a admiración e a amizade que se profesaban os dous autores e descubrimos aspectos reveladores da súa vida e da literatura do seu tempo. Entre outras, as circunstancias nas que accederon á Academia Del Riego e o propio Cunqueiro, que, segundo D. Ramón nunha carta a Carballo Calero, debería entrar nela “por unha especie de aclamación conxunta de Galicia”, mentres que o autor de Mondoñedo noutra carta amosa a súa alegría porque Del Riego, amigo entrañable, entre en 1959 antes ca el.

Neste asimétrico xardín epistolar, na que non é raro que Cunqueiro solicite algún favor, a flor máis sorprendente agroma na colleita de 1954; D. Álvaro, a petición de varios amigos, pídelle a D. Ramón que renuncie a dar unha conferencia na Asociación da Prensa da Coruña, porque a dirixe Santos Bugallo, un personaxe que “ao estalar a insurrección da sega do 1936 levou unha campaña antigaleguista, contra (…) todo o que nos era e nos é caro”. Cualificar de “sega” a traxedia iniciada en 1936, atacar nun documento que podía caer en mans da policía a baixeza moral dun xornalista do réxime é, como afirma Patricia Arias Chachero, un intento de expresar os sentimentos de Cunqueiro e reescribir a súa historia, que non era allea á de 1936. Sen dúbida, este documenta obriga aos biógrafos de Cunqueiro, home afable, conservador e relixioso, a ter en conta en que medida o galeguismo estivo sempre no seu corazón.

No apéndice aparecen dous poemas cataláns de Cunqueiro, estudados no seu día por Xesús Alonso Montero e Gemma Avenoza.

CUNQUEIRO E OTERO PEDRAYO 2022): Patricia Arias Chachero, Casa Museo de Mondoñedo, PVP. 14 €

Suscríbete para seguir leyendo