Hasta 64% DTO Suscríbete Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Por un novo Museo de Vigo

Honrar o noso pobo

Fachada do Museo de Castrelos. @ELIREGUEIRA

Se eu tiver ocasión de poñer unha mensaxe á entrada do museo, escribiría: “Prohibido consultar o reloxo”. Nesta axitada vida, entre o plin do Whats e os likes do Insta, consúmesenos o tempo. Pásanos diante dos fociños con todas as alarmas acesas. Pero nós, prosmeiros en exceso, adoitamos desprezala. E por vida refírome á vida carnal, sensorial, emocional, táctil… En definitiva, a vida humana.

Noutrora un viaxaba no Vitrasa mirando polas fiestras o ir e vir de xentes dispares, como persoas-insectos na Colmea de Cela. Un descubría os trocos dunha cidade-estrépito (con licenza, Ferrín) urbanisticamente caótica mentres as árbores mudaban o rostro por cada estación. E agora? Agora entregámonos, cunha ansiedade mórbida, ao teléfono reconvertido nun falso oráculo do termómetro vital.

Internet constitúe un mundo infinito de saberes. Mais non hai filtro que xebre o importante do inútil. Memorizamos rexoubas de aparente lucidez ou datos de usar e tirar, ese modelo de infoservible para dárnolas de sabichóns. Mesmo me atrevo a dicir que obras de divulgación cultural son parrafeos parafraseados dese combo que é Wikipedia. Porque tras dos cristais dos aparellos electrónicos, falta a materia viva. Se quixeren, a alma; e entendan o que cadaquén queira. Esa alma material (permítanme o oxímoron) percíboa nas pegadas dos pobos antergos en forma de peza arqueolóxica ou palabra transmitida de voz en voz. Digamos queiroa, beizo, veiga ou lousa para que o padal do ceo se encha de evocacións antiquísimas, compartidas deica nós.

O Museo Municipal de Castrelos acubilla unha considerable mostra do enxoval dos vellos moradores de Vigo. Pero, coma nunha adega mal estivada, a acumulación das pezas nunha diminuta sala (para a envergadura deste patrimonio) réstanlle lúcida exposición. Penso, por caso, nas laudas funerarias da época romana, apiladas unhas a carón das outras, sen esas marxes que tanto agradecemos na lectura dun libro; eses espazos baleiros que permiten concentrar os ollos nun só obxecto, sen distracción nin elementos que, de maneira involuntaria, interrompen esta relación entre peza e espectador. O depósito do Museo supera a área expositiva. E queda gardado sen acceso público. Pero Vigo, coa fascinante historia que leva ao carrelo, precisa redimensionar o seu Museo Municipal. Cómpre darlle outro habitáculo, organizalo por períodos ou cunha lóxica secuencial que nos leve da man por feitos como a vida castrexa, a presenza romana, as torres medievais, as batallas navais, a explosión industrial, a aparición do movemento operario e labrego, o rexurdir cultural (repítase: Rosalía, Cantares, Vigo, 1863), o románico deica Gómez Román ou Palacios, a fotografía histórica de Cándida Otero ou Pacheco, a arte feita lenzo ou mural de Avendaño a Lugrís, o tesouro da lírica medieval (louvado sexa Martín Códax), a Reconquista como rebeldía popular, a Escola de Artes e Oficios (beizón, camarada Chao!), a prensa con FARO DE VIGO na proa…

O Museo de Castrelos abriu en triste ano 37. X. Mª Álvarez Blázquez, cronista con especial sensibilidade, iimpulsou a sección de arqueoloxía en 1959. Aínda é a sala que máis brilla no presente. O seu nome debera figurar con letras de ouro.

Non cren que Vigo precisa dun museo didáctico á altura do que somos? Comparten connosco a necesidade de termos un espazo de encontro arredor da cultura local en conexión con Galiza e Europa? Cómpre honrar o noso pobo máis inmediato, dos homes e mulleres do mar e da fábrica, do terrón e do ferro, da cultura e da imprenta? Hai pouco que falara cun amigo sobre esta posibilidade. Unha idea viva por moitos antes ca nós que amamos Vigo cos pés nesta terra galega. Un deles foi Ceferino de Blas, a quen despedimos hai unhas semanas. Por iso chamamos a institucións de toda tipoloxía a xuntar esforzos e unir vontades. Vigo precisa fundar un museo local no cal divulgar as razóns polas cales hoxe somos a urbe que somos. Para este fin precísanse as mellores mentes, os máis sabios de cada materia e un proxecto museístico común.

Confeso que os dispositivos móbiles me arrastran a esa cadencia de vida antes denunciada. Sempre atento a unha mensaxe ou chamada mentres camiñan entre min xentes dispares, as árbores mudan de pel, a cidade transfórmase aquí ou acolá… e os meus propios fillos medran para lembrarme que a vida, esta vida, é un puro suspiro no arco da historia.

Compartir el artículo

stats