Laxeiro en contexto

Unha mostra no MARCO

Laxeiro en contexto.

Para ver este vídeo suscríbete a Faro de Vigo o inicia sesión si ya eres suscriptor

Suscríbete

¿Ya eres premium? Inicia tu sesión aquí

@eliregueira

Laxeiro e a arte da súa época, mostra que pecha o ano de dedicado ao pintor por mor da celebración do Día das Artes Galegas, ofrece un diálogo atraente entre a pintura de Laxeiro (Donramiro, Lalín, 23 de febreiro de 1908-Vigo, 21 de xullo de 1996) e unha importante selección de artistas que serven para situar a obra do pintor nun tecido de relacións e contextos que enriquecen a percepción da súa arte. Para esta finalidade están presentes nas salas do MARCO desde pintores e escultores de xeracións anteriores, como é o caso de Ignacio Zuloaga, Xesús Corredoyra, Francisco Asorey, Castelao, José Gutierrez Solana, Benjamín Palencia, Joaquín Torres García ou Daniel Vázquez Díaz, até o informalismo de posguerra de Antonio Saura ou Rafael Canogar, pasando por unha ampla representación de pintores galegos coevos como Carlos Maside, Arturo Souto, Manuel Colmeiro ou Maruja Mallo. Ao mesmo tempo, a proposta curatorial de Miguel Fernández-Cid, enfatiza, por medio da presenza de Goya e Rembrandt -representados con gravados-, o pouso deixado en Laxeiro por figuras que foron referencias especiais para o pintor de Lalín.

Desde esta perspectiva -e desde estes diálogos- as obras de Laxeiro que se poden enxergar na exposición, en todo tipo de formatos e técnicas, permiten seguir aspectos fundamentais do mundo creativo, da evolución estilística e das obsesións, evidenciando o inicial peso da tradición da arte galega medieval, barroca e popular, influenciada por un expresionismo singular, debedor da pintura europea que a partir dos anos vinte recupera plenamente a forma figurativa. Con igual rotundidade tamén se pode percibir a evolución posterior que manifesta a súa obra, na cal mantén a ruda expresividade dos seus traballos anteriores, que podemos recoñecer nas figuras deformadas e na paleta escura e traballada con densidade esgrevia, pero na cal, simultaneamente, se abre a influencias do informalismo e da nova figuración, aspecto que destaca durante durante todo o período dos cincuenta e sesenta. Finalmente, a principios dos anos sesenta a obra de Laxeiro volve a sufrir unha mudanza significativa. Experimenta continuamente e adéntrase en terreos moi achegados a unha abstracción orgánica e colorista en que a liña do debuxo, tan importante para el, ás veces desaparece. Faise evidente unha especie de retroalimentación entre Laxeiro e a realidade que estaba a vivir no Buenos Aires dos anos sesenta, onde estaba instalado desde inicios da década dos cincuenta.

O efecto de conxunto da exposición Laxeiro e a arte da súa época resalta o proceso construtivo do pintor de Lalín e permite unha experiencia inmersiva para mergullarse no sentido fondo da pintura de Laxeiro. A sensación que nos provoca como espectadores é a de estarmos totalmente ocupados na presenza intensa das obra e das súas personaxes e motivos, que encontran un paralelismo, un intermediario e a súa confirmación, na rotundidade da pintura -evidente na construción do cadro e na elección dos materiais- coa pincelada que concede valor á materialidade do pigmento e á acción física do pintor, esa pulsión tan característica do artista en todas as facetas da súa creatividade e da súa vida.

www.farodevigo.es

Espectadora da mostra "Laxeiro e a arte da súa época". / @eliregueira

Esta intensa presenza física obríganos a lembrar que estamos perante unha obra de arte material, unha pintura, unha representación. A imaxinación do artista convértese no poder de representar o mundo, sen excluír a fantasía, mais sempre desde unha fonda materialidade. De feito a insistencia en tonalidades, tan característica de Laxeiro, modula a representación e fai que a pintura funcione como unha especie de transcripción singular da experiencia das cousas.

Múltiples rexistros

Desde a perspectiva dos temas, esta experiencia está marcada polo recurso a múltiples rexistros temáticos: mitolóxicos, satíricos e o sempre presente fondo da cultura popular galega.

Outro aspecto que a exposición do MARCO tematiza, ao pór a obra do noso pintor en relación co contexto do seu tempo, é a simultánea ligazón e independencia de Laxeiro a respecto dos movementos de vangarda canónicos, o que pode explicar a dificultade para seren asimiladas e integradas desde o relatos balizados da historia da arte xeral propostas como as do noso artista. De feito, se Laxeiro pode ligarse a procesos homologados da arte do século XX é desde os moi xenéricos expresionismos, pola súa vontade de traducir por medio da pintura determinados estados de ánimo do seu tempo histórico e da súa experiencia vital e por certos recursos formais.

www.farodevigo.es

Vista da mostra "Laxeiro e a arte da súa época". / @eliregueira

Nesta liña, o seu compromiso reflíctese en cada unha das súas obras e sitúao como testemuña do seu tempo. Este posicionamento moi libre e, sen dúbida tamén a súa inserción no espazo cultural galego, pode explicar a dificultade de recepción do seu traballo fóra do noso país que mostras como a presente e moi diversos proxectos tentan corrixir.

Título: "Laxeiro e a arte da súa época".

Artista: Laxeiro e varios artistas.

Comisario: Miguel Fernández-Cid.

Local: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo.

Até o 21 de xullo de 2023.

Suscríbete para seguir leyendo