Libros

Poética da supervivencia

Experiencia e feminismo

Detalle da imaxe de portada de "Ben sabe o mar que posúo o botín das piratas".

Detalle da imaxe de portada de "Ben sabe o mar que posúo o botín das piratas". / Oriana Méndez

Oriana Méndez

Ben sabe o mar que posúo o botín das piratas é o terceiro libro de poemas asinado por Luz Campello, un conxunto escrito desde a experiencia de quen coñeceu as máis afiadas arestas da vida, as que se manifestan coa enfermidade, e de quen se recoñece na resistencia. “O meu corpo é un memorial” é o poema que abre o libro e, ao mesmo tempo, funciona coma un prólogo, anunciando o eixo arredor do que xira toda a obra: o corpo propio como territorio no que librar, sen tempo apenas para o descanso, a conquista da supervivencia. Escrito nunha primeira persoa que poetiza, valéndose sobre todo da metáfora, as experiencias atravesadas, Campello entrega a súa voz a todas as mulleres: as piratas, as náufragas, as que quedaron coa ganancia da vida ou coa ganancia das derrotas. Esta é unha escrita consciente que, a partir do eu, reivindica as numerosas batallas enfrontadas polas mulleres ao longo da historia para conquistar unha lexítima posición de igualdade. A poesía da experiencia mestúrase, xa que logo, coa ollada feminista. Neste sentido, as reinterpretacións de mitos clásicos son salientables. Encóntranse aquí Andrómeda, os argonautas, Perseo e tamén: “cómplice de Medusa/o meu corpo é un estremecemento/de forza megalítica/até converterme en illa/coas augas abríndose para facerme espazo”.

A lingua deste poemario coida a súa expresión, foxe dos coloquialismos e os poemas sucédense baixo formas clásicas nas que abundan as reiteracións dos versos para procurar a claridade no sentido. E, coma o fío de inicio a fin, un certo ton épico celebra a madurez e mais a supervivencia ás feridas: “e coma esfinxe ceibe/co corpo leónido planeando no voo/albergo a memoria dos sapos nos ollos”.

  • Ben sabe o mar que posúo o botín das piratas

    Luz Campello
    Galaxia, Vigo, 2022, PVP. 13,25 €

Suscríbete para seguir leyendo