Arte: exposicións

Gravados ao linóleo

Picasso no Museo do Gravado (Ribeira)

Perspectiva da mostra de gravados ao linóleo de Pablo Picasso no Museo do Gravado, Ribeira.

Perspectiva da mostra de gravados ao linóleo de Pablo Picasso no Museo do Gravado, Ribeira. / Carlos L. Bernárdez

Inserido na conmemoración do Ano Picasso, que lembra o cincuentenario da morte do artista, o Museo do Gravado de Artes (Ribeira) presenta unha exposición dedicada á obra en linóleo do artista malagueño, realizada con fondos do propio museo.

O linóleo é un tipo de gravado que ten como soporte un material industrial feito de iute que permite unha realización rápida, con facilidade de traballo, que favorece a creación de obras moi sintéticas, adecuadas para crear ilustracións baratas. Estas características facían do linóleo un instrumento perfecto para a ilustración de revistas, carteis e libros de baixo custe, o que facilitou o seu espallamento nas primeiras décadas do pasado século. No contexto español, o primeiro lugar onde se desenvolve este tipo de estampación é no noso país, en Galicia. A orixe deste fenómeno está na viaxe de formación de Castelao a Francia, Bélxica e Alemaña en 1921 para estudar diferentes técnicas de gravado como a augaforte ou a litografía. En París ve gravado clásico e estampas xaponesas e compra material para gravar e en Múnic aprende a técnica da lineografía.

De volta a Pontevedra, Castelao ensina a técnica a artistas da súa cidade e o novo tipo de gravado logo vai ter unha importante presenza en diversas publicacións. O rápido espallamento da técnica é unha historia coñecida, contada por Xosé Filgueira Valverde que foi testemuña deste fenómeno. Castelao e o seu amigo o pintor Carlos Sobrino desenvolven e melloran o traballo no novo medio, técnica que tamén é aprendida por un núcleo de artistas locais: Pintos Fonseca; Manuel Méndez; Xosé Sesto; Ventura de Dios, Turiñas... Axiña a técnica é tamén utilizada por artistas do movemento renovador da arte galega como Manuel Torres en Pontevedra, Candido Fernández Mazas e Xaime Prada en Ourense, Luís Huici e Francisco Miguel na Coruña ou Ánxel Johán en Lugo.

Nas diferentes imaxes: diversas perspectivas da mostra de gravados ao linóleo de Pablo Picasso no Museo do Gravado, Ribeira.  |  FOTOS: CARLOS L. BERNÁRDEZ

Detalle da mostra de gravados ao linóleo de Pablo Picasso no Museo do Gravado, Ribeira. | FOTOS: CARLOS L. BERNÁRDEZ / Carlos L. Bernárdez

A utilización por parte de Pablo Picasso (1881-1973) desta técnica é moi posterior, o artista malagueño realizou 197 gravados ao linóleo entre 1951 e 1968, a maioría entre 1959 e 1962, e neles salienta a importancia que dá ao cromatismo. Nestas obras asistimos ao retorno á característica iconográfica picassina de etapas anteriores, destacando a reinterpretación dos mestres antigos e de obras primas da arte e a simplificación formal. Cómpre subliñar a intensa presenza dunha extraordinaria serie de naturezas mortas onde a cor é alicerce da composición. En conxunto, os temas destas obras son os mesmos do seus debuxos desta altura: touradas; mulleres espidas; temas clásicos como as series de bacanais; retratos de Jacqueline, a súa compañeira; variantes de Le Déjeuner sur l’Herbe de Manet... Con todo e con iso, o propio Picasso xa se achegara ao linóleo anos antes. En 1939 realiza algunha obra nesta técnica para un volume intitulado Pour la Tchécoslovaquie. Hommage à un Pays Martyr nel presenta un gravado cunha figura coa boca aberta, imaxe que remite ao Guernica, cadro que o artista realizara dous anos antes. Ese mesmo ano tamén insire un único linóleo no álbum de augafortes 40 Dessins de Picasso en marge de Buffon, trátase do mundialmente coñecido “A cría da pomba”, obra que despois da Segunda Guerra Mundial se tranformaría en símbolo da paz.

Gravados ao linóleo

Vista da exposición de gravados ao linóleo de Pablo Picasso no Museo do Gravado, Ribeira. / Carlos L. Bernárdez

A partir de 1945 co traslado definitivo do artista ao sur de Francia, lonxe dos estudios calcográficos e litográficos de París, Picasso procura un obradoiro máis achegado á súa morada. A solución virá da man dun impresor de gravados ao linóleo da vila de Vallauris, Hidalgo Arnéra (1922-2007), que lle pode entregar as probas das obras ao día seguinte da realización. Este encontro entre o xenio da arte e un modesto impresor pasará á historia do gravado.

Título: Picasso. Gravados ao linóleo.

Artista: Pablo Picasso.

Local: Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital, Artes (Ribeira).

Do 24 de febreiro ao 17 de abril.

Encontro en Vallauris

Desde 1951, na imprenta de Arnéra Picasso vai realizar linóleos á cor para carteis como o coñecido “Vallauris-Toro” (1956). Con carteis como este, Picasso esta a pór os alicerces á impresión de gravados posterior. Semella un simple divertimento, mais en Picasso conxúganse con facilidade lecer e experimento. Este proceso atinxirá o cume en obras de notabilísima calidade como o Busto dunha dama segundo Lucas Cranach o Mozo (1958) que interpreta a obra Retrato de dona (1564, Kunsthistorisches Museum, Viena ) do pintor xermano.

Totalmente mergullado na nova técnica, en 1959 Picasso inventa o proceso reductivo consistente en imprimir varias cores nunha prancha única de linóleo. É un procedemento que elimina a materia por sucesivas cores, metodo espontáneo mais irreversíbel, non hai probas de estado nin corrección posterior.

Gravados ao linóleo

Vista mostra de gravados ao linóleo de Pablo Picasso no Museo do Gravado, Ribeira. / Carlos L. Bernárdez

A atracción de Picasso pola técnica do linóleo prodúcese porque o artista acha neste tipo de gravado unha relación colorística axeitada á economía da liña das súas composicións maduras. A igualdade da superficie do linóleo dá lugar a unha cor plana, sen matices de modelado.

A rapidez que o linóleo posibilita provoca en Picasso un notábel entusiasmo por esta técnica de xeito que, durante unha época, algúns dos grandes logros da súa arte están centrados neste tipo de gravado ao que o xenio do artista conseguirá tirar o máximo rendimento

Suscríbete para seguir leyendo