Música

Cancións sen data de caducidade

O 'Salto al vacío' de Germán Prieto

Dende a Arousa, o 'Salto al vacío' de Germán Prieto.

Dende a Arousa, o 'Salto al vacío' de Germán Prieto. / Sue Rainbow

V. Neira

Hai músicos que levan toda a súa vida empeñada en tocar, en estudar e aprender; en pertencer, ademais, a conxuntos e a compartir experiencias e emocións en proxectos que pasean o seu talento polos escenarios do país, dende o amor á música e mais o respecto por unha adicación que, moitas veces, se fai tan complicada, esquiva e caprichosa que converte a militancia nela nunha utopía case imposible. Afortunadamente, moitas e moitos destes músicos basean o seu compromiso nesa devoción pola arte, e polo amor á ela, na máis literal e fermosa das súas acepcións. Músicos que tocan por pracer e por ofrecer goce a quen os escoita mentres buscan outra profesión que complete ou, directamente, cubra as necesidades económicas vitais para poder exercer a de músico sen ser víctima das estreiteces económicas.

Germán Prieto vén resultar, daquela, un bo exemplo de todo isto que estamos a falar: un músico cargado de calidade, un guitarrista de primeiro nivel, curtido en moitos proxectos anteriores e que, nunha escena pouco agradecida cos seus artistas, compatibiliza música e avogacía nun equilibrio que el confesa perfecto para poder seguir ese camiño artístico ao seu ritmo. O caso é que agora, e despois de tantos anos de subirse a escenarios en proxectos ben diversos, achega o seu primeiro disco en solitario e baixo o seu propio nome, reinventándose a si mesmo como cantante e compositor nun traballo titulado Salto al vacío, que vén de ser publicado pola disqueira Xonix Records hai uns meses. Nel, segundo el mesmo relata, conta historias que brotaron na súa cabeza, atendendo as súas necesidades artíscas nese confinamento que tan malo foi para algunhas cousas e tan fructífero para a creatividade artística e musical do país en tantos casos.

Así, Salto al vacío achéganos un monllo de vivenzas e fábulas collidas da man a ritmo de pop, rock, blues ou indie nun disco que ule a oficio e a traballo feito por quen sabe perfectamente como funciona unha canción, como se arranxa e como se toca. Pezas que falan do paso do tempo, da vida e dos seus recunchos emocionais, de amor, de cicatrices e feridas. Tamén de soños, dores, erros, lembranzas e, por suposto, que de esperanzas. Por momentos con retrousos tan cantables como o da canción que dá título ao traballo, ou o da fantástica “Tu recuerdo”. Nin que dicir ten que é destacable o traballo nas guitarras do propio Germán en todas as pezas do disco e especialmente salientable en títulos como “A mirada azul” ou a preferida de quen lles escribe “ La noche llegará”.

Coa colaboración nalgúns dos textos do disco de Beti Piñeiro e, xa na parte musical, acompañado de Manu Rey na batería, Pablo Laranxo no baixo e nos coros, e Thais Suki tamén na parte coral, o disco gravouse e mesturouse nos Estudios As Cortes polo propio Manu Rey, quen coproduciu e deseñou o son do álbum xunto co propio Germán. Así podemos concluir que este Salto al vacío, chegado dende os mares da Arousa, é un deses traballos nos que as cancións mandan e tiran de atemporalidade e cun son clásico e sen data de caducidade, deixando ese gosto doce da calidade musical en cada execución instrumental e en cada composición. Estamos moi certos de que en directo aínda será máis gozable; pero mentres non vos chegue o momento de velo nun escenario, bo é un paseo polas plataformas de internet para botarlle unha escoita e gozalo como se merece.

Canciónssen data de caducidade

Metal-rock de Meis: Calle del Ruido. / Andreia Táboas

[object Object]

A de veces que pensamos e teorizamos sobre o musicalmente pouco transitadas que son esas pontes que cruzan o Miño! Sobre esa case nula explotación de recursos en forma de público e seguidores que tan aparentemente normal semellaría e que tan utópico, e case imposible, se vira no día a día dos nosos grupos e proxectos. Tampouco de alí para aquí acaba de funcionar esa conexión, agás dalgunha e minoritaria excepción, mais hoxe toca celebrar unha desas salvedades que, se ben chama a atención por excepcional, tamén serve de azos e certa esperanza nun posible cambio de tendencia neste eido.

Calle del Ruido son unha banda de metal-rock de Meis, levan picando pedra, como eles mesmos contan, dende o ano 2009 e son desas poucas bandas que pasaron o río para aló e alí funcionan e tocan tanto ou máis que nesta beira. Salas, festivais e un público que cada vez os coñece máis por aqueles lares fai deles uns visitantes asidúos dos seus escenarios. E agora para aínda consolidar máis esa súa relación co país irmán veñen de publicar un sinxelo, co seu vídeo correspondente, a medias cunha das bandas portuguesas máis lendarias e admiradas: Xutos & Pontapés. Unha versión que é unha clara homenaxe ao rock portugués, feita á súa maneira e collidos da man dos seus principais protagonistas. Un roubo consentido, e con sentido, que remata nunha fantástica versión do “Non son o único” dos Xutos pasada pola maquinaria pesada e formidablemente engraxada de Calle del Ruído. A canción é unha marabilla que podedes escoitar polas plataformas de internet cando queirades e a colaboración cos Xutos, que sempre semellan en infinita boa forma, é unha auténtica delicia.

Para nós un pequeno fito que nos fai crer en que realmente estamos moito máis xuntos que separados e que ese Miño máis tería que server de pegamento que de fronteira. Dende logo que Calle del Ruido son un bo exemplo e os Xutos uns deses padriños de máximo luxo e imprescindible referencia. Esta ponte quedoulles ben bonita, ben apuntalada e agardemos que ben sólida para que outros moitos proxectos de aquí, e de aló, poidan transitala con total certeza de éxito.

Suscríbete para seguir leyendo