Patrimonio

Granito de aldea

Monsanto, “a máis portuguesa”

Vestixios do castelo.

Vestixios do castelo. / Tere Gradín

De Monsanto fálase moito, e con razón. Empolicada na cima dun outeiro, a “aldeia mais portuguesa de Portugal” –título que ostenta desde hai case un século– vive entre grandes penas de granito que se funden coas rúas e casas nas que asenta. Lugar con séculos de historia, segue envellecendo e conservando, porén, a beleza de outrora, co seu desafiante castelo e monumentos como a capela de San Miguel ou a igrexa de San Salvador.No municipio de Idanha-a-Nova, na rexión Centro e sobre unha elevación que marca a transición entre o norte e o sur, levántase a máis de 700 metros a que tamén leva o título de Aldeia Histórica e foi sede de concello ata 1853.

Granito  de aldea

Unha das rúas da aldea. / Tere Gradín

Foron os romanos os que denominaron a esta elevación como Mons Sanctus (Monte Santo), nome que sería adoptado para denominar a poboación que logo sería vila. Este enxeño de pedra está coroado polo castelo templario e mais as súas murallas que a 758 metros de altitude protexeron a aldea durante séculos. Na zona da fortaleza está documentada a presenza humana desde o paleolítico. Os estudos arqueolóxicos dan conta dun castro lusitano, da ocupación romana e tamén do paso visigótico e árabe. A fortificación foi construída no século XII pola Orde dos Cabaleiros Templarios tras recibila en doazón en 1165 por Afonso I co obxectivo de defender a fronteira. Máis tarde pasou a ser posesión da coroa e foi experimentando reformas cos séculos.

As paredes da construción delimitan dous recintos: un interior, de planta rectangular, onde estaría a cidadela; e outro, externo, de planta ovalada, delimitado polas murallas.

Nas alturas tamén resisten a capela de San Miguel e mais a igrexa de Santa María do Castelo, preto da que se atopan sepulturas antropomorfas e covas escavadas na rocha de orixe incerta. A tradición popular relaciónaas con lendas de mouros e con damas caritativas que na oquedade mandaban servir sopa aos pobres.

Na imaxe grande: vestixios do castelo.  De arriba abaixo:  unha das rúas da aldea; restos do castelo; outra perspectiva das rúas.

Restos do castelo. / Tere Gradín

A subida ata o castelo compénsase cun dos miradoiros máis cegadores da rexión. Despois, xa na vila, continúa a sinfonía de pedra. Ás veces son laxes de granito as que serven de pavimento, outras son grandes penas as que se utilizan de parede ou de tellado. Cada bloque rochoso aprovéitase para unha función, ben sexa para os muros das habitacións ou para dar forma ao tellado, razón pola que se di que en Monsanto as casas son “de uma só telha”.Entre rúas estreitas e sinuosas o granito segue incrustando a arquitectura e aparecen xoias como a igrexa matriz ou a de San Salvador, con altares que relocen de talla dourada. E cunha obra moi especial, a Torre de Lucano, cuxa cuberta remata cun galo de prata, trofeo atribuído a Monsanto no concurso realizado en 1938, cando foi declarada a “Aldeia mais portuguesa de Portugal”. O premio tiña en conta o lugar que menos cambiase ao longo da historia, alleo ás influencias externas e que maior grao de pureza reflectise no seu aspecto tradicional. E así continúa porque, grazas ao recoñecemento, Monsanto erixiuse como un exemplo de respecto e protección ao seu patrimonio, salvagardando a súa autenticidade. O galo loce na torre, un campanario construído en 1420 que é un dos monumentos máis significativos da aldea.

Granito  de aldea

Outra perspectiva das rúas. / Tere Gradín

No traxecto aparecen tamén algunhas casonas brasoadas, fachadas manuelinas e construcións como onde viviu e exerceu o médico e escritor Fernando Namora, que aquí se inspirou para a súa obra Retalhos da vida de um médico. Namora exerceu actividade como facultativo municipal en Monsanto entre outubro de 1944 e outubro de 1946 e levou para sempre o encanto desta aldea, das súas xentes e as súas historias.

Nos arredores hai outros lugares de visita, como a ermida de São Pedro de Vir-a-Corça –unha capela do século XIII situada nun apracible lugar cun orixinal campanario sobre unha rocha– ou a emida de Nossa Senhora da Azenha e a súa romaría.

[object Object]

En Idanha a Nova atópase outra Aldeia Histórica, Idanha a Velha, xurdida a partir dunha cidade de construción romana, que máis tarde se erixiu en sede episcopal baixo dominio suevo e visigodo. Foi ocupada polos musulmáns no século VIII e reconquistada polos cristiáns no século XII. Chea de vestixios de diferentes épocas e pobos, conta cunha das maiores e máis representativas coleccións epigráficas romanas do país, recollida en varias fases de exploración arqueolóxica. O Arquivo Epigráfico, situado no patio da antiga presa de aceite, expón 86 do total de 210 pezas recollidas na aldea a través dun percorrido interactivo no que a tecnoloxía serve para explicar e contextualizar os obxectos expostos.

Nesta aldea chea de pasado está moi presente o rei Wamba e a súa lenda, monarca que reinou en Egitânia (nome polo que se coñecía entón Idanha-a-Vellha) entre os anos 672 e 680. Vivía nun castelo ás portas de Ródão, aínda hoxe coñecido como Castelo do Rey Wamba, na beira norte do Tajo. O outro marxe, na beira sur, estaba dominado por un rei mouro. Tolo de amor pola esposa de Wamba, o mouro decidiu escavar un túnel baixo o río para rescatar á súa amada. Wamba, furioso e ofendido, foi á fortaleza inimiga disfrazado de esmoleiro, e desde o interior abriu as portas ao seu exército. A raíña, sentenciada a matar, pronunciou a súa maldición: ningunha vexetación volvería crecer no camiño que ela seguiría. E din que a condena continúa.

Suscríbete para seguir leyendo