Libros

A pregunta incómoda

O que non nos contaron

Detalle da portada de "Quen non ten un avó fascista?".

Detalle da portada de "Quen non ten un avó fascista?". / Pilar Ponte

Pilar Ponte

A pregunta incómoda coa que Inma López Silva nos presenta a súa última novela cumpre o seu obxectivo e lévanos a revisar esas memorias familiares e ir colocando o crebacabezas de onde estaba cada quen e como e onde viviu durante os corenta anos que durou a Ditadura ou como directamente non viviu porque, como o meu avó, foi asasinado.

En xullo de 2014, nunha columna de opinión, a autora enfrontábase a esa pregunta tras a decisión da Real Academia Galega de dedicar o Día das Letras Galegas a Filgueira Valverde e declaraba “vexo Galicia semellante á miña casa, e procuro non esquecer que algúns dos nosos guieiros foron maltratadores e traidores, cousa que se obvia ante o seu servizo ao país”. Esta nova novela, claramente antifranquista, é o seu exercicio de recuperación do que fomos e igual de válida que outras propostas, e sería un erro deslexitimala porque a figura central sexa neste caso un alcalde franquista que non é sometido a un escarnio público na lectura literaria que fai a súa neta dende o universo familiar.

A liña temporal do texto vai dende os comezos do século XX, ata onde imos para coñecer a prehistoria familiar, atravesa as distintas etapas da ditadura, que lles van dando nome aos diferentes capítulos, e chega ata a actualidade. Alternamos na lectura entre o tempo do pasado e o presente. No primeiro desenvólvese a vida de Avelino López, o que foi alcalde de Santiso (A Coruña) durante case tres décadas; no segundo a escritora procura coñecer a vida do seu avó, unha historia na que vai botar man da ficción alí onde non chegan os datos e que nos fala tamén desa gran chaira erma ocupada por todos aqueles que permaneceron en silencio e que non pertencían inicialmente nin ao bando dos vencedores nin ao dos vencidos.

Dende o presente Inma López Silva exponse dunha maneira fóra do común na nosa literatura e comparte connosco a crónica do proceso de investigación e creación, e ábrenos tamén dun xeito fresco e natural as portas da cotiandade familiar coa súa parella (o editor Francisco Castro) e mais as fillas. Agasállanos mesmo coas fantasías íntimas cando imaxinan que acontecería con eles se hoxe houbese unha situación como a de xullo do 36.

Quen non ten un avó fascista? é unha novela de lectura amena que leva a indagar no que non nos contaron.

  • Quen non ten un avó fascista?

    Inma López Silva
    Galaxia, Vigo, 2022, PVP. 21,56 €

Suscríbete para seguir leyendo