Libros

Cru e duro

Recomendable lectura

Detalle da portada de "O verán no que miña nai tivo os ollos verdes".

Detalle da portada de "O verán no que miña nai tivo os ollos verdes". / Xosé Feixó

Xosé Feixó

O verán no que miña nai tivo os ollos verdes, traducida por Andrea Birsanu e publicado por Rinoceronte na “Colección Nova”, é a primeira novela (2016) de Tatiana Tîbuleac (Chisináu, Moldavia, 1978), reporteira, tradutora e correctora (filla de xornalista e correctora) que empezou a coller sona coa publicación da columna “Historias verdadeiras” no xornal "Flux", un dos máis importantes en lingua romanesa, consolidada logo como reporteira nun telexornal, destacando as súas reportaxes de marcado ton social. Despois de Fábulas modernas (2014), o seu primeiro libro, de relatos, publicou a obra que hoxe comentamos, que tivo un grande impacto entre a crítica e os lectores, chegando a ser no seu país un auténtico fenómeno literario, moi premiado e traducido a varias linguas.

A historia dunha reconciliación imposible entre nai e fillo e a lingua empregada van da man, nun relato cru e duro recomendado polo propio psiquiatra do fillo relator, que en primeira persoa conta o derradeiro verán que pasou coa súa nai. Diso hai xa moitos anos, pero revive esa época como cura e remedio para superar o bloqueo creativo que sofre como pintor. Aleksy, o protagonista, entra entón na memoria dos acontecementos e dos sentimentos que viviu naquel tempo: rabia, tristura, rancor, odio. Durante tres meses nai e fillo tratan de reconciliarse baixando as armas e as defensas, necesitados da paz entre ambos e consigo mesmos. O relato, cru e nu, de altísima intensidade, mostra á par unhas relacións maternofiliais cheas de resentimento, fraxilidade e impotencia, cun chamamento ao amor e ao perdón e o esquecemento.

A pesar de que a súa lectura poida resultar por veces incómoda e brutal, é moi recomendable polo tema e polo estilo.

  • O verán no que miña nai tivo os ollos verdes

    Tatiana Tîbuleac
    Rinoceronte, Cangas, 2022, PVP. 19,47€

Suscríbete para seguir leyendo