2 Billetes de AVE Gratis Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

100 cabodanos de Murguía

Memoria do “cerebro do Rexurdimento”

Manuel Murguía. Arquivo

Un erro frecuente consiste en crer que Cantares gallegos se publicou o 17 de Maio. De aí o Día das Letras Galegas. En realidade, a data corresponde á dedicatoria que Rosalía fai a Fernán Caballero. O libro sairía días despois da imprenta Juan Compañel, enderezo rúa Real-Vigo.

Mais existe outra simboloxía para a data. Nun 17 de maio de 1833, Manuel Murguía abandonaba o claustro maternal nunha aldeíña de nome Froxel (Arteixo). A nai, Concepción Murguía, ía ofrecerse ao santuario da Pastoriza acompañada do seu namorado, Juan Martínez. No traxecto rompeu augas. Dous meses despois do parto casaron.

Rosalía e Murguía coñecéronse en Santiago. Ambos pisaban El Liceo de la Juventud, sito no Santo Agostiño, abeirado ao mercado de abastos, centro de liturxia popular. Logo Murguía viaxará a Madrid para estudar Farmacia. Mais enredouse entre o fume dos xarutos que copaban os cafés e o borboriño metálico dos caixistas que, áxiles, distribuían as letras encol das imprentas. Desertou dos estudos pero atopou a vocación: a escritura. En El Levante, café no Paseo do Prado, reuníase o autodenominado “Comité Borrasca”. Velaí estaban os vigueses Serafín Avendaño, o pintor amigo de Verdi, ou Alejandro Chao, o irmán do emerxente líder republicano Eduardo. E permítasenos lembrar, máis unha vez, que Vigo debera honrar con maior esplendor a quen mirou polo progreso da cidade malia que a fama lle fose arrebatada. Digamos, por exemplo, a chegada do tren ou a Escola de Artes e Oficios. E Juan Compañel rondaba nos mesmos ambientes borrascosos. En 1855 os republicanos de conduta progresista chamaron por el para encargarse da imprenta sita en rúa Real-Vigo. Dende alí sairía La Oliva. Periódico de Galicia. O xefe cultural desta nova publicación foi Murguía.

Dende estas páxinas, o “cerebro do Rexurdimento” presentou as bases da súa colosal obra. Por un lado, os estudos literarios nos cales fixa o criterio filolóxico: a literatura galega é a escrita na lingua propia de Galiza (malgré certas voces roucas); por outro, os estudos históricos que o levarán a afirmar no primeiro volume da Historia de Galicia (1865), dedicado a Rosalía, que Galiza é unha nación. Incluso, Murguía publica a novela Don Diego Gelmírez, a única prosa literaria que ten como protagonista certo o país natal, e tamén o único poema escrito en galego pola súa man, dedicado á viguesa Elina Avendaño, irmá do Serafín do axitado comité matritense. Xa en 1859 Murguía encárgase da imprenta, pois Compañel auséntase de Vigo. Contra final de ano súmaselle Rosalía. Xuntos pasarán a noite vella e xuntos celebrarán a entrada do novo ano nunha cidade aínda sen leds nin bares de praia varios.

A traxectoria de Murguía foi intensa coma un alóstrobo. Militante político no progresismo nacionalista, escritor de infinitas liñas entregadas á nosa terra, defensor en campo aberto da dignidade do pobo galego. Isto traeríalle grandes faenas, insultos públicos e tan enormes como fieis inimizades. A máis soada deuse con Emilia Pardo Bazán, a taxidermista da cultura galega que, en indecoroso acto co corpo quente da defunta Rosalía, bramou contra a lingua do país, as xentes máis humildes e as aspiracións políticas de liberación nacional.

A emigración dende Cuba ou Arxentina soubo que Murguía encarnaba a mente do Rexurdimento. Axúdano na tarefa patriótica de rematar os proxectos historiográficos, protéxeno cando recibe os azoutes da vida laboral e da inmundicia intelectual, aléntano para que escriba El regionalismo gallego e lévano á presidencia da Academia Galega (entón aínda non Real).

Tumba de Manuel Murguía e os seus fillos en Santo Amaro. CARLOS PARDELLAS

Vai un século desque morreu. Daquela unha multitude encheu as rúas da Coruña. O seu corpo dá herba nunha humilde tomba en San Amaro, amoreando as cinsas da súa alma coas dos seus amantísimos fillos. Unha iniciativa, promovida pola Asociación de Funcionarios/as pola Normalización con Pepe González á cabeza, reclama o adecentamento do eterno repouso de Murguía. Nós sumámonos a tan necesaria coma xusta reclamación. Honremos a quen nos honrou. Desertemos da autoxenreira dunha santísima vez.

Compartir el artículo

stats