O espello da arte

Vangardas, a exposición inmersiva

Un visitante contempla un aspecto da mostra 'Vanguardias'.

Un visitante contempla un aspecto da mostra 'Vanguardias'. / RICARDO GROBAS

Judith R. Iglesias

Unha noite berlinesa, a xornalista Sylvia von Harden foi atopar por casualidade o artista Otto Dix. El quedou rapidamente fascinado e, segundo recollen as súas memorias, espetoulle: “teño que pintarte, de verdade. Representas unha época”. Era 1926 e a imaxe andróxina daquela muller ficou inmortalizada no que foi, máis ben, un retrato psicolóxico: o pitillo na man, o pelo masculino, un excéntrico monóculo e coa súa independencia e profesión. Respirábase no ambiente. O ronsel que deixaran tras de si as últimas décadas do século XIX tornábase canto máis efervescente, irrompendo con forza na nova centuria. Anunciaban a voces que algo no mundo estaba a cambiar.

O Auditorio Palacio de Congresos Mar de Vigo acolle ata o 26 de febreiro a exposición inmersiva Vanguardias. El arte que soñó con cambiar el mundo, unha experiencia audiovisual que nos sitúa nunha época convulsa e axitada, onde a creatividade foxe de toda imposición. Producida por Art Apart, amosa o traballo dos artistas Juan Gris, Robert Delaunay, Vasili Kandinski, Ernst Kirchner, August Macke, Kazimir Malévich, Franz Marc, Amedeo Modigliani, Edvard Munch, Egon Schiele e Alexej von Jawlensky. Moitos deles situados no que Hitler definiu no seu momento como “arte dexenerada”, pero que cambiarían para sempre os parámetros das artes plásticas. En palabras de Esteban Balaguer, director comercial de Art Apart, “estas obras non son semellantes as unhas das outras, pero todas elas respiran un aire de revolución”.Mediante imaxes en movemento, música e unha ducia de pantallas xigantes de catro metros de alto e ata vinte catro de ancho, o visitante pode mergullar nestes movementos xurdidos no primeiro terzo do século XX. Todos os artistas que compoñen a mostra respondían aos cambios de mentalidade que xurdían por mor de novas concepcións, como a teoría de relatividade de Einstein ou as investigacións sobre o inconsciente de Sigmund Freud que influirían no surrealismo, expresionismo e dadaísmo; así como o aumento masivo no uso das telecomunicacións, o desenvolvemento do cinema ou a aparición da aviación. Neste contexto estábase a romper coa tradición artística anterior. As formas comezaron a fragmentarse, as cores abandonaron a realidade e os obxectos baleiráronse do seu sentido para encheren de novos significados.

“Eliximos Vigo para inaugurar a mostra porque nos parece unha cidade chea de vangarda”, comenta Isabel Bello-Morales, directora xeral de Art Apart. “Camiñas polas rúas e descobres elementos como un ascensor; e ves que, ao seu arredor, hai cubos de cores e murais. Vigo ten algo máis”. Artellada en torno a dous espazos, a exposición comeza cunha serie de paneis informativos colocados ao xeito da arquitectura brutalista; co emprego, ademais, da tipografía “Futura”, deseñada en 1927 coa intención de transmitir a idea de progreso. Nesta antesala, podemos facer un percorrido polos aconteceres socio-políticos nos que emerxeron estes movementos. “Había guerra, gripe... Unha descomposición social moi grande. Era todo tan brutal que ata os artistas cambiaron a súa forma de traballar e de ver as cousas”, conclúe.

Con carácter experimental, efémero e rupturista, correntes como o fauvismo ou o cubismo foron a culminación dun proceso que tivo a súa orixe no impresionismo e marcou o camiño cara á abstracción. O pintor ruso Vasili Kandinski adoitaba contar que descubriu esta nova vertente ao admirar un dos seus cadros que, por casualidade, estaba colgado do revés. Era imposible aprezar ningunha forma, mais o espiritual engadía tamén, prevalecía na linguaxe secreta da cor. Axiña levaría á súa pintura o ritmo da música para crear a abstracción lírica pola que hoxe é coñecido. Agora, as súas famosas Composicións proxéctanse en movemento, nunha mostra que reúne 700 obras e que supón unha gran complexidade tecnolóxica. “O que buscamos é achegar a arte a todo o mundo. Á xente que tal vez non estea afeita a ir a un museo e prefire algo máis dinámico; e á xente que xa é asidua ás exposicións e pode atopar aquí unha forma diferente de narrar”, afirma Bello-Morales.

Algo no mundo estaba a cambiar. Parecían anuncialo a voces, mentres desfacían con trazos novos os límites das artes.

Futura

Futura

Futura: a letra da modernidade

As imprentas aínda se debatían entre as tipografías góticas e romanas cando, en 1927, o deseñador alemán Paul Renner presentou a fonte Futura, que moi cedo conquistaría o mundo das artes gráficas. A exposición inmersiva Vanguardias, que acolle o Auditorio Mar de Vigo, emprega esta letra como unha forma máis de achegarnos á efervescencia cultural de ruptura daquela época.A fonte Futura foi realizada para a Fundición Bauer en pleno auxe do “Das neue Frankfurt” (“o novo Frankfurt”), expresión referida á modernización social, cultural e arquitectónica que tivo lugar na cidade alemá entre 1925 e 1930. Paul Renner admiraba a funcionalidade modernista que conectaba directamente coas ideas das primeiras vangardas do século XX. Así, a tipografía Futura, de pau seco e inspirada nos principios constructivistas da Bauhaus, baseábase nas formas puras da xeometría, como o cadrado, o círculo e o triángulo. O éxito desta letra pasou por numerosos carteis, logos, publicacións e catálogos nas décadas posteriores á súa creación e hoxe en día continúa a estar presente en numerosas marcas; así como nos créditos da maioría das películas de Stanley Kubrick. É tamén a tipografía da placa conmemorativa que Neil Armstrong e Edwin Aldrin deixaron na Lúa na misión do Apolo 11.

Suscríbete para seguir leyendo