'Un poema para Laxeiro': unha dialogada homenaxe

José M. Barreiro e Antón Pulido presentan unha exposición conxunta como tributo ao pintor de Lalín

Nas imaxes, dous momentos da exposición "Un poema  para Laxeiro".

FOTOS e VÍDEO: @ELIREGUEIRA

A viguesa Fundación Laxeiro continúa, na súa sede da Casa das Artes (Policarpo Sanz, 15), cos proxectos expositivos ligados ao Ano Laxeiro, con motivo do acordo da Real Academia Galega de Belas Artes de dedicar ao pintor de Donramiro (Lalín) o Día das Artes Galegas 2022, celebración que estará vixente até o 1 de abril deste ano, data que marca o inicio dunha nova homenaxe a unha figura das nosas artes.

Ao longo deste ano de celebración a Fundación dedicou dúas exposións a presentar obra inédita de Laxeiro. Co título xenérico Laxeiro descoñecido, e co comisariado do director da fundación Javier Pérez Buján, presentouse unha selecta escolma de obras inéditas, localizadas en colecccións privadas despois da publicación do Catálogo Universal do artista en 2009. A primeira achega, subtitulada Obras inéditas de primeira época, estivo formada por un conxunto de pezas datadas entre inicios dos anos trinta e comezos dos cincuenta e a segunda completouse con traballos inéditos da etapa de madureza do artista, todos procedentes de distintas coleccións privadas. Nesta ocasión, o que se nos ofrece é algo ben diferente, trátase dunha exposición de homenaxe. Co título de Un poema para Laxeiro presenta unha mostra de dous pintores que coñeceron e trataron a Laxeiro: José M. Barreiro (Forcarei, Pontevedra, 1940) e Antón Pulido (Amoeiro, Ourense, 1944) e que presentan unha exposición conxunta como tributo ao pintor de Lalín. O proxecto contén citacións explícitas á obra de Laxeiro mais, como non podía ser doutra forma, faise desde as linguaxes características do momento presente de ambos os creadores: a figuración expresionistas de Barreiro e a abstracción planimétrica de Pulido, algo que sinala o comisario Antón Castro no texto curatorial.

Algunhas das obras de Barreiro que se poden ver na exposición.

Algunhas das obras de Barreiro que se poden ver na exposición. / Eli Regueira

Desde o punto de vista formal, as pinturas de José M. Barreiro distínguense pola emancipación dos esquemas compositivos e debuxísticos e por un tratamento que o liga, no seu punto de partida, á estética postimpresionista. Barreiro toca temas moi diversos -paisaxísticos, interiores con figuras e retratos- cun marcado gusto polo cromatismo en espazos íntimos, como parte dunha ambientación ou decorado, a xeito de posta en escena, conformando escenografías con evocacións clasicistas. Son habituais nel, como se pode ver na mostra, as meticulosas composicións de interiores con naturezas mortas e figuras, abertos á paisaxe desde unha xanela, recurso polo que o pintor separa nitidamente interior e exterior coa vontade de conseguir unha construción clara, síntese da visión paisaxística e da natureza morta. Nestes traballos a súa linguaxe pictórica mostra a proximidade á tradición francesa. Son obras que delatan, na súa linguaxe pictórica e nas escenas representadas, o referente matissiano e picassiano, unido a certo tratamento expresionista. Presenta unhas escenas cunha notábel preocupación pola composición e o efecto lumínico.

Obras de Antón Pulido na mostra.

Obras de Antón Pulido na mostra. / Eli Regueira

Instalación pictórica

Ben diferentes son as obras de Antón Pulido, a recrearen na súa linguaxe algunhas pinturas emblemáticas de Laxeiro, facendo súas as referencias do mestre de Lalín, un pouco ao xeito en que o Picasso maduro revisaba obras primas da arte universal, pensemos nas Meninas de Velázquez ou nas Mulleres de Alxer de Delacroix. 

Pulido traballa nunha abstracción para a que o artista propón un novo tratamento espacial das formas, esmiuzándoas, analizándoas e relacionando de diferentes xeitos as variadas partes representadas e citadas para conectalas máis intensamente co espazo circundante, co tratamento da liña e a cor como fundamentos dun xestualismo sempre dirixido, o que non exclúe a tensión, que agroma na solidez dos negros e na vibración das manchas de cor. O artista dota cada cor da súa intensidade, outorgando un papel especial ao ton pola modulación da súa densidade, sendo para o pintor a cor unha materia en permanente mudanza. Completa esta ambientación unha traballada complementariedade das cores e a utilización de grosas liñas ou facetas, trazos múltiples, que se converten nas súas mans en instrumentos de análise, mantendo un delicado equilibrio entre a simplicidade e a habilidade do trazo, creando unha certa harmonía nocturna que non exclúe que resalten as cores vivas.

O resultado conxunto toma forma nun diálogo a tres bandas, con José M. Barreiro, Antón Pulido e Laxeiro como protagonistas, este último mesmo funciona -xa foi sinalado- como substrato dalgunha das obras. Configúrase daquela unha especie de instalación pictórica sen marcos, coas obras dispostas a xeito de polípticos, un recurso co que se potencia a expansión da luz e mais da cor, a partir do trazo xestual, aspecto que, como sinala o comisario, caracteriza os dous artistas.

Título: Un poema para Laxeiro.

Artistas: José M. Barreiro e Antón Pulido.

Comisariado: Antón Castro

Fundación Laxeiro, Policarpo Sanz, 15, Vigo

Até o 19 de febreiro de 2023.

Suscríbete para seguir leyendo