As formas do románico

Igrexa de San Martiño de Berselos, Baralla

Vista da igrexa de Berselos.

Vista da igrexa de Berselos. / T.G.

Unha das xoias escondidas do románico rural galego atópase na parroquia de Berselos, no concello lucense de Baralla. De finais do século XII, o templo debeu construírse sobre outro edificio de maior antigüidade. No seu día pertencente ao mosteiro de Santa María de Penamaior; ademais de estar rodeado dunha magnífica vexetación autóctona, conserva numerosos elementos orixinais do seu estilo artístico, con frescos restaurados e dous retablos de interese no seu interior.

Levantada nun ramal do Camiño de Santiago, a igrexa de Berselos ten nave de planta rectangular con ábsida semicircular. Destaca na entrada a porta con arquivolta dórica, rodeada de axedrezado, con catro columnas acobadadas de capiteis decorados e unha inscrición que mostra o nome do mestre canteiro, algo que só pode verse en contadas igrexas galegas: “Pelagius fecit op”. Enriba do tímpano ábrese unha ventá románica para iluminar a nave. Coroa a fachada unha espadana sinxela dun único corpo con oco para unha soa campá.Na iconografía do frontón aprézase claramente un Agnus Dei coa cruz. Á dereita sitúase unha planta que podería ser a Árbore da Vida. Na parte esquerda, unha figura axeonllada porta algo nos seus brazos, sen significarse se é persoa ou animal. Algúns autores relaciónano con Abraham na escena do sacrificio de Isaac; outros ven a Abel ofrecendo o cordeiro, mentres que outras teorías se inclinan cara a un paralelismo coa escena do tímpano da portada da catedral de Jaca, na que un home sostén a cabeza dunha serpe. Pecha a representación a man de Deus bendicindo desde o Ceo.

As formas do románico

Pórtico da igrexa / Tere Gradín

No ano 2005 nesta igrexa descubriuse outro tesouro escondido entre o cal: as paredes interiores da ábsida albergaban catro capas que impedían ver as cores que tiña, ocultas durante séculos. Cando se ía orzar a recuperación do retablo do século XVII, a especialista Vania López Arias propuxo realizar unhas pequenas catas na parte inferior da cúpula, que despois revelaron a presenza de frescos. Tras a restauración saíu á luz a representación do Xuízo Final. Domina a escena Deus en maxestade en actitude de bendicir, con dúas figuras orantes a cada lado do Todopoderoso e dous anxos tocando a trompeta. Na parte media aparecen os resucitados, mentres que a cúpula está coroada co anagrama IHS (Iesus Hominum Salvator). A parte baixa da ábsida está realizada a base de axedrezado en tons azuis. No interior existen dous retablos coas figuras de San Martiño no centro, a Ascensión e Santa Bárbara, do século XVII, mentres que o outro, máis recente, acolle as esculturas de Santa Teresa e Santo Antonio. No fondo da nave hai unha pía bautismal sen datar, aínda que todo indica que debe ter varios séculos de antigüidade.

As formas do románico

Panorámica de Baralla. / Tere Gradín

A igrexa pertenceu no seu día ao mosteiro de Penamaior, no municipio próximo de Becerreá, outra xoia románica agachada no bosque a máis de mil metros de altura. Do cenobio xa hai referencias documentais no ano 922. Primeiramente habitado por benedictinos, uníronse logo á congregación cisterciense en 1203. Na fachada ábrese un arco de medio punto sobre o que figura o escudo da abadía e, na fornela, a imaxe da Virxe.

Ademais doutros detalles, esta construción ten a particularidade de que tanto as xanelas, como os arcos, as columnas e mais as portas son todas elas de distinta factura, coma se a arquitectura deste mosteiro fora utilizada para un estudo de estilo. Tal característica confírelle aínda maior encanto. Conserva encostados os restos dun claustro de dous pisos, o inferior da mesma época que a igrexa e o superior do século XVII; o patio era cadrado, con fonte no centro.

O mosteiro está catalogado como Ben de Interese Cultural cunha contorna de protección que comprende a igrexa, os restos do antigo muíño, o cemiterio e a fragua. Un roteiro chega desde Becerreá ata este fermoso enclave.

[object Object]

O municipio de Baralla é rico en igrexas e pinturas murais, entre as que destacan a de Val e a de Santo Estevo, ambas do século XVI. O concello tamén é pródigo en pazos, torres e casas grandes, testemuño dun pasado polo que desfilaron cabaleiros e fidalgos que viviron en construcións como o pazo da Condomiña, situado sobre o castro do mesmo nome, coñecido igualmente como Casa da Audiencia.

Outro exemplo das moitas edificacións nobres que se alzan no territorio é casa torre de Basille, outrora con carácter defensivo. Ademais da historia que encerra este edificio, o dato anecdótico e literario pono un dos seus habitantes, xa que aquí viviu Tello de Neira, personaxe que Lope de Vega introduciu na súa obra El mejor alcalde, el Rey. Outra casa torre atópase en Vilameixe, brasonada cos seis roeis dos Castro.

Á parte de igrexas e arquitectura solarega, o concello ten na ponte de Covas un dos seus símbolos. Este viaduto permite cruzar o rio Neira ao seu paso por Baralla. Trátase dunha ponte de cantaría con tres vans e arcos de medio punto ao que se atribúe unha antigüidade da época romana. O Neira forma parte da Reserva da Biosfera Terras do Miño, a segunda de España en extensión, con máis de 363 mil hectáreas e numerosos espazos incluídos na Rede Natura 2000.

Suscríbete para seguir leyendo