Plástica castrexa

A arte galega da Idade de ferro

Estatua sedente de Pedrafita.  |  FOTOS: CORTESÍA  DO AUTOR

Estatua sedente de Pedrafita. | FOTOS: CORTESÍA DO AUTOR / Carlos L. Bernárdez

A mostra Plástica castrexa presenta na sala de Afundación de Ourense a excepcional colección do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, sen dúbida a máis completa de período da cultura galaica da Idade do Ferro, comunmente coñecida como castrexa.

Nesta cultura unha das principais realizacións artísticas é a que se concreta en obxectos de pedra ben variados. Débese ter en conta que en Galicia, a partir do século II a C., vai desenvolverse a decoración arquitectónica e a escultura monumental, sobre todo no territorio do sur e norte de Portugal, mais non en exclusiva, como manifestan recentes achados no norte de Galicia. Entre os elementos decorativos é de subliñar a presenza das esvásticas, trísceles e espirais, que poden ser representacións solares, símbolos de vida ou teren carácter apotropaico.

Tamén destacan os linteis e xambas de moradas, que son decorados en altorrelevo con deseños xeométricos, entrelazados e sogueados e as pezas discoides e cilíndricas, con motivos decorativos de carácter circular, como as rosetas, esvásticas ou trísceles.

Plástica castrexa

Cabeza de Rubiás. / Carlos L. Bernárdez

Mais, sen dúbida, o máis relevante en pedra son as esculturas, sobre todo de guerreiros, destacadas pezas das cales se poden contemplar na exposición de Afundación importantísimos exemplos. Estes guerreiros supoñen un conxunto excepcional na cultura protohistórica europea e chegaron a nós unhas tres decenas achados en Galicia e o norte de Portugal. Son estatuas de vulto redondo de granito que representan guerreiros en pé, de ollos que parecen fechados, sobrecellas marcadas, nariz prominente e largo e boca resaltada por unha liña que separa os beizos. Levan camisa ou saio de manga curta, cinxido por un cinto que apertaba atrás e puñal e ostentan xoias: torques, brazaletes e o característico escudo redondo e pequeno tipo “caetra”.

Cómpre sinalar, entre as esculturas de guerreiros, os dous torsos do castro de Armea en Allariz e a cabeza de Rubiás, achada neste lugar de Bande, os tres no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense e pezas moi relevantes da mostra.

Este tipo de esculturas deron lugar a unha variada literatura. Para Leite de Vasconcelos estas representacións serían esculturas funerarias e para López Cuevillas espíritos protectores. As investigacións actuais sitúan estas estatuas de guerreiros como parte de escenografías monumentais nas entradas dos castros, reflexo da importancia das representacións de poder armado nestas comunidades, en concreto para Rodríguez Colmenero serían principes, aristócratas indíxenas. A cronoloxía situaríase entre os séculos II e I a. C. Outros autores, como Francisco Calo, explican este tipo de esculturas polo contacto co mundo romano e indican que perviven até mediados do I d. C.; segundo esta análise sería imitación de estatuas públicas romanas que representarían personaxes principais, posibelmente colaboradores dos ocupantes. O mesmo investigador apunta que o auxe da escultura galaica coincidiría coa mudanza de era e coa romanización, tal como acontece coa escultura galorromana.

Título: Plástica castrexa

Local: Sala de exposicións Afundación, Ourense. Organiza: Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense e Xunta de Galicia. Até o 28 de febreiro de 2023.

Suscríbete para seguir leyendo