Ás voltas conMaría Casares

Unha peza de Ernesto Is

Belén Constenla e Nerea Brey en 'Despois das ondas'.

Belén Constenla e Nerea Brey en 'Despois das ondas'. / FDV

Manuel F. Vieites

Cando contra 1996 na Asociación de Actores e Actrices de Galicia, poñen en marcha a iniciativa de crear uns premios de teatro, para promover a escena galega feita en galego, deciden, coa axuda de Lino Braxe, buscar a complicidade de María Casares para darlle proxección, relevancia e mesmo lexitimidade inicial. E así en 1997 convocan a primeira edición dos Premios María Casares. Comeza entón en Galicia un proceso progresivo para incorporar a actriz galega residente en Francia á nosa cultura teatral, e nos últimos anos sucédense accións que buscan trasladar á sociedade a súa vida e o seu legado, con traballos de feitura e finalidade diversa asinados por María Lopo, Arantxa Estévez ou Sabela Hermida Mondelo. E nesa liña de apropiación temos que incluír o texto de Ernesto Is, Despois das ondas, que agora presentamos, reeditado por Galaxia.

No eido da literatura dramática tamén existe unha tendencia biográfica, cunha liña específica que se ocupa das traxectorias vitais e artísticas, e mesmo sociais e políticas, de figuras destacadas no mundo das artes, máis especialmente no da literatura dramática ou a escena. Podemos citar, a modo de exemplo, pezas como Allison’s House (1930), de Susan Glaspell, que se ocupa da poeta Emily Dickinson; Un asunto de estado (2000), de Robins Soans, que mostra o mundo desgarrado en que viviu a dramaturga Andrea Dunbar; ou El techo de cristal. Anne y Sylvia (2017), de Laura Rubio Galletero, que recrea a amizade entre Anne Sexton e Sylvia Plath, poetas inmensas. E esa tendencia presenta dimensións formais ou estéticas moi diversas.

No caso da peza de Ernesto Is hai aínda unha cuestión relevante que el mesmo comenta nos paratextos que se inclúen no volume. Ten a orixe nun conxunto de textos escritos para dúas alumnas de interpretación da ESAD de Galicia, Sonsoles Cordón e Nerea Brey, como esqueleto verbal do seu traballo de fin de carreira. Trátase pois dunha encarga con demandas moi precisas, o que determina o seu formato. Posteriormente o autor reformula o texto, e na súa nova versión obtén en 2017 o Premio Rafael Dieste da Deputación da Coruña, que se publicaría en 2018. Ese novo texto foi estreado en 2019 pola compañía ButacaZero con dirección de Xavier Castiñeira, con Belén Constenla no rol de María Casares e a participación das anteditas Sonsoles e Nerea. Logo da xira do espectáculo, na que o autor participa como técnico de son, este volve sobre o orixinal para preparar esta segunda edición. Así, entre 2017 e 2022 son tres os procesos textuais nos que Ernesto Is concreta a indagación dramatúrxica sobre a figura de María Casares.

Fronte a posibilidades certas de reconstruír o factual ou debruzarse no ficcional, Ernesto Is, aposta polo monólogo confesión. Mais non se trata dun monólogo documental, explicativo, e polo tanto narrativo, senón que, como ben sinala a profesora Inma López Silva na presentación do volume, escolle unha tonalidade máis lírica e decididamente existencial(ista). Fronte aos feitos e as experiencias, Is opta polas sensacións, os sentimentos e as vivencias, que provocaron determinados fitos esenciais na configuración e (re)construción da persoa e da identidade. Con todo, o propio autor, inclúe información cumprida sobre o excelente traballo documental que realiza para fixar eses feitos e experiencias desde os que emerxe a subxectividade e a intimidade de María Casares. Igualmente informa que o texto seu é unha ficción que se constrúe a partir dunha biografía, polo que hai feitos que aconteceron e outros non, e hai palabras ditas ou escritas por María Casares e outras non.

O texto organízase en 12 escenas, que presentan doce monólogos, nos que por veces se mesturan outras voces, figuras e sombras que os complementan, co que van collendo corpo mundos, momentos e vivencias. O decorrer das lembranzas vaise acompasando co andar dun tren Talgo no que a protagonista viaxa na procura da súa memoria, exorcizando o pasado. Non hai continuidade entre as escenas, e a súa orde podería alterarse o que daría lugar a interesantes concrecións escénicas pois a orde dos factores afectaría os conxuntos. Un texto magnífico, sen dúbida.

Os exilios

Nalgún momento María Casares tería dito que a súa patria era o teatro, pois seguramente a escena lle deu un lugar de privilexio no que ser en plenitude, sen constricións nin contricións. Mais patria súa tamén foi a infancia feliz na rúa Panaderas da Coruña ou en Montrove, ou os anos de formación no Instituto-Escuela de Madrid. A partir de 1936, coma centos de milleiros de persoas, pasa a ter a condición de exiliada. Felizmente, ela foi unha residente privilexiada, como recoñecía nas súas memorias, pero moitas outras acabaron coma o pai de Migueliño ou peor, aquel home derrotado que nos presentou Castelao nunha estampa brutal. E por aí asoman os expatriados económicos.

Temos unha débeda pendente coas xentes do exilio e da emigración inducida. Hai países, coma México, que souberon recoñecer o que aquela marea humana lles achegou, pois nela figuraban, a milleiros, as mentes máis lúcidas que ten dado España no seu conxunto. E no que atinxe ás artes da escena queda moito por facer, malia os esforzos encomiables do Consello da Cultura Galega; pois cómpre recuperar a memoria de tantas persoas que mesmo aquí viviron o exilio terrible dunha lingua prohibida, ou das que viven o exilio aínda máis terrible que xeran cenáculos e academias que configuran a (súa) nosa historia. De novo irrompe a urxencia dun Centro de Documentación para as Artes Escénicas. Coma os que hai en calquera país civilizado.

Suscríbete para seguir leyendo