Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Tesouros da arte

Museo Machado de Castro, Coímbra

Galería principal do Museo Machado de Castro. Arquivo

No berce dunha das primeiras universidades de Europa, chea de saudade e inspiradora de poetas e artistas, están tamén algúns dos mellores e curiosos museos de Portugal. A cidade do Mondego, cargada de historia, de obras arquitectónicas, monumentos e xardíns, ten tamén fillos ilustres como Machado de Castro, un dos escultores portugueses de maior renome. Na súa memoria deuse o seu apelido ao museo nacional que alberga algunhas das mellores coleccións de arte do país, no que fose antigo pazo episcopal. O acervo procede en gran parte de edificios relixiosos e universitarios da rexión de Coímbra, mosteiros, igrexas e conventos extintos en 1834. Ao longo dos anos foise enriquecendo con adquisicións puntuais e diversas doazóns ata totalizar miles de pezas de arqueoloxía, escultura, ourivaría, xoiería, pintura, deseño, cerámica, téxtil, mobiliario e outras. A de escultura está considerada a máis importante e completa do país.

Vista dunha das salas do museo. Arquivo

A mostra de arqueoloxía procede na súa maioría da época romana e da parte alta da cidade como a muralla, a necrópole, o fórum, a zona habitacional e outros espazos de entón. Canto á escultura, o Museo Nacional Machado de Castro posúe unha colección de referencia que abarca un longo período que vai do XI ao XVIII. As centurias e tendencias artísticas testemuñan a existencia dunha tradición escultórica que converteu a rexión nun dos maiores centros de produción do país. O Mestre Pero (o escultor do túmulo da raíña Sta. Isabel, no Convento de Santa Clara-a-Nova), Gil Eanes; João Afonso; Diogo Pires-o-Velho ou Diogo Pires-o-Moço son algúns dos mestres que están presentes, ademais dalgunhas figuras de Machado de Castro e da súa escola. En fin, a selección de pintura é na súa gran parte portuguesa, dos séculos XV ao XX, incluíndo tamén un interesante apartado de pinturas flamencas do século XVI, entre as que destaca o Tríptico da Paixón de Cristo, (c. 1514-17), de Quentin Metsys. O acervo engloba igualmente un conxunto de pezas de ourivaría, xoiería, téxtiles, mobiliario e cerámica. Ademais complétase cunha sección de artes decorativas procedentes de Extremo Oriente (China e Xapón).

Perspectiva do criptopórtico. Arquivo

O museo ocupa o antigo edificio do pazo episcopal, construído sobre o antigo criptopórtico, unha das máis significativas obras romanas, datada no século I, do territorio nacional. Trátase dunha galería de dúas plantas que sostiña o foro e tamén se utilizaba para a conservación de alimentos, xa que se mantiña fresco e protexido da luz. A experiencia de viaxar polas súas pasaxes subterráneas é fascinante e misteriosa. Entre os séculos XII e XVIII construíronse e remodelaron varios edificios para residencia episcopal. Das numerosas reformas destacan os restos do claustro románico de época condal (c. 1100-1140) pertencente á colexiata de São João de Almedina, a súa clásica e harmoniosa loxia de finais do século XVI e, por último, a igrexa reformada de São João de Almedina de finais do século XVII e principios do XVIII. Un elemento interesante do pazo episcopal é unha porta mozárabe, agora parte do edificio do museo, construída tras a reconquista definitiva da cidade aos musulmáns.

Corredor do Museo. Arquivo

Xa neste século, o museo foi obxecto dun audaz proxecto de recualificación e ampliación de espazos, deseñado polo arquitecto Gonçalo Byrne. O Museo Nacional Machado de Castro é un dos museos de belas artes e arqueoloxía máis importantes de Portugal, con importantes coleccións de pintura, escultura e artes decorativas, que abarcan unha historia de máis de dous mil anos. Fundado en 1911, o espazo museístico abriu ao público en outubro de 1913. O seu primeiro director foi António Augusto Gonçalves e elevouse á categoría de Museo Nacional en 1965.

Calidades premiadas

As instalacións do Museo Machado de Castro están compostas por tres seccións integradas. O referido criptopórtico foi construído pola administración romana para soster o foro, que logo se converteu na sede da vida política, administrativa e relixiosa de Emínio, a Coímbra romana. Coa súa vasta rede de galerías e espazos comunicados, forma parte do percorrido de visita do museo e é un dos seus atractivos máis importantes.

O antigo pazo episcopal está catalogado como Monumento Nacional desde 1910. Na actualidade, reformado e articulado cos novos espazos, alberga unha parte importante da colección, salas multimedia e de exposicións temporais, ademais da tenda e librería.

O novo edificio deseñado por Gonçalo Byrne alberga gran parte da colección do museo (escultura, pintura, xoiería, etc.), incluíndo novos accesos e unha cafetería/restaurante con terraza exterior. Pola súa calidade arquitectónica, esta reconversión do Museo Nacional Machado de Castro foi galardoada co premio Piranesi/Prix de Rome 2014.

É un dos diversos museos de Coimbra, cuxo pasado pode coñecerse en Conímbriga, o asentamento romano máis antigo de Portugal e un dos mellor conservados de Europa. Era só un castro cando chegaron os romanos. Hoxe é un espazo musealizado de visita obrigada, con museo propio e castelo nas inmediacións.

Compartir el artículo

stats