Retrato vital dunha muller

Impelida polos idiomas

Detalle da portada

Detalle da portada / Francisco Martínez Bouzas

Francisco Martínez Bouzas

A autora desde particular libro de memorias, Carys Evans-Corrales (Londres, 1949-Bradford, Pennsilvania, 2020) foi, ademais doutros labores relacionados coa cultura, unha entusiasta dos idiomas cos que se foi relacionando ao longo da súa vida, pouco menos que nómade: Singapur, Malasia, Xamaica, Sevilla, Salamanca, Estados Unidos onde traduciu ao inglés varios escritores galegos. E finalmente, Compostela. A autora confesa que o seu libro é tamén o relato dunha peregrinación á procura da verdade e da identidade a través do son das palabras. Xunto cos pais abandona Londres e viaxa a Singapur que escintila co sol ecuatorial, e é unha puxante cidade cosmopolita. Xa alí, albisca o seu territorio lingüístico e aprende hainanés coa súa amah. Mais aos tres anos, no primeiro ano sabático do pai, regresa ao Reino Unido, e vólvese unha falante europea. Pouco despois marcha coa familia a Kuala Lumpur, e nesta cidade comeza a malaisianizarse . Na infancia e adolescencia empeza a ser faladeira de varias linguas; na adolescencia sente o engado da estrutura e do vocabulario malaio, os seus sutís matices. Tamén se sente engaiolada polos seus costumes, a súa estética e folclore. Achégase ao galés noutro período sabático do pai con retorno a Inglaterra, e tamén se sente parte da comunidade galesa.

Chega o momento do namoramento, malia que soamente fose unha relación embrionaria, afastada de calquera relación sexual. O seguinte destino nesta peregrinaxe xeográfico-lingüística é Xamaica onde lle cómpre loitar contra os fantasmas e soportar un fervedoiro de tensión racial e estruturas familiares moi diferentes da tradición europea. E mesmo loitar contra profesores simpatizantes do nazismo. Tarda en coñecer os antecedentes históricos do dialecto -o crioulo- que se falaba na illa: mestura de dunha lingua europea e una nativa, africana case sempre. Finalmente estuda español e sente que estaba capturando unha nova realidade. A penúltima parada desta moza viaxeira en España é Sevilla. Todo lle encanta en Andalucía. Mesmo o ceceo da fala. E decátase de que o español ía ser a súa lingua para sempre. Propósito que se consolida cun lectorado de inglés en Santiago de Compostela. E en Compostela enchóupase da identidade galega, da lingua e da literatura de noso e da maxia das nosas historias. Aínda fará un salto polo Atlántico para facer o doutoramento nunha universidade americana. Memorias pois dunha muller polos chanzos da súa vida que son o relato existencial dunha persoa na procura da súa identidade, cos idiomas como principal ferramenta.

Falangueira

Portada

MOZA FALANGUEIRA (2022): Carys Evans-Corrales, Santiago, Laiovento, PVP. 16,11€

Suscríbete para seguir leyendo