Allons enfants...!

De himnos e de patrias

Xogadores do Celta e do Deportivo e mais o público cantando o Himno galego.

Xogadores do Celta e do Deportivo e mais o público cantando o Himno galego. / José Lores

O triunfo de Giorgia Meloni nas lexislativas italianas pasadas deu popularidade ao seu partido, refundado en 2017 co nome do primeiro verso do himno nacional italiano, Fratelli d’Italia. Danse dous paradoxos: o primeiro é que este himno, coñecido tamén como Il Canto degli Italiani, só é oficial desde hai cinco anos (se ben foi cantado polos xogadores azzurri no Mundial de fútbol de 2002); o segundo é que foi prohibido durante o fascismo, sendo asumido pola resistencia en 1943 e nos anos seguintes pola emigración italiana nos Estados Unidos de América. Canto patriótico composto en 1847 a prol do Rissorgimento, tivo un carácter irredentista contra Austria na I Guerra Mundial. Concretamente, a súa quinta estrofa (“Già l’aquila d’Austria le penne ha perdute”) que non se canta pero que segue vixente.

Os himnos representan –xunto coa bandeira- a máxima expresión colectiva dun país en tanto en canto pode ser executado pola cidadanía. Excepción afortunada é o caso español xa que a orixinaria Marcha de Granadeiros nunca tivo letra malia os intentos de Marquina, de Pemán (1928) e a petición de J. M. Aznar (1997), de J. Juaristi, L. A. de Cuenca, A. Linares e R. Fonte.

O inimigo aludido é estranxeiro as máis das veces, como sería o caso da Marsellesa cando, en referencia ás tropas da coalición realista europea, canta “contra nós, a tiranía (...) aqueles feroces soldados veñen (...) degolar os vosos fillos e esposas”. Abertamente belixerante é o Het Wilhelmus, o himno neerlandés, composto no século XVI, que proclama: “(...) Cando penso nos Españois desgarrándote, oh nobres Países Baixos”.

Os himnos que son de exaltación do país ou do soberano tamén conteñen ou contiveron textos contra alguén, aínda que fosen de maneira retórica. Sería o caso do Deus salve o Rei (ou a Raíña) británico que tivo unha estrofa omitida na que se clamaba: “Oh Señor, Deus noso (...) dispersa os seus inimigos e fai que caian”. Entre as exclusións de estrofas cabe salientar o caso de Das Deutschandlied, o himno alemán desde 1922. A súa primeira estrofa, que comezaba co verso “Alemaña, Alemaña por riba de todo”, era o único fragmento que se cantaba durante o dominio nazi. Coa fundación da RFA, foi a terceira estrofa a cantada. Xa no caso dos Estados Unidos de América, o inimigo a combater eran –sen citalos- os ingleses pero non pola Guerra da Independencia senón pola de 1812-1815. Do himno The Star-Spangled Banner só se canta a primeira estrofa; a segunda di “onde a horda do inimigo en pavoroso silencio repousa”. Ou o caso lusitano con A Portuguesa, composto como resposta ao ultimato británico de 1890 e adoptado coma himno nacional pola república en 1910.

Nunha liña semellante, temos un himno cuxa melodía e título comparten tres países: Gales (Hen Wlad Fy Nhadau), Cornualles (Bro Goth Agan Tasow) e mais Bretaña (Bro gozh ma zadoù). É un canto á terra ancestral (“Vello país dos meus pais”) que no caso galés di que “se inimigo oprime a miña terra (...), o vello idioma seguirá sempre vivo”. Outro himno con séculos de historia é o Dio vi salvi, Regina corso, un canto composto en 1675 e adoptado cando a illa conseguiu a independencia de Xénova. Malia a súa condición relixiosa, engadíronlle unha estrofa – sempre se canta- que apela á Virxe María: “Voi da nemici nostri à noi date vittoria”.

Entre nós, o himno catalán Els Segadors fala, en referencia ás tropas de Filipe IV, dunha “gent tan ufana i tan superba” que “tremoli (...) en veient la nostra ensenya” porque “com fem caure espigues d’or, quan convé seguem cadenes”. Máis prudente resulta o himno galego, Os Pinos, que limita a cualificar de “ignorantes e féridos e duros, imbéciles e escuros” aos que, no interior e no exterior, non son favorables aos dereitos do pobo galego.

A habitual retórica contida na letra dos himnos foi posta en cuestión coa súa habitual ironía polo grupo arxentino Les Luthiers en 1972 con Ya el sol asomaba en el poniente: “Ya el odiado enemigo se distingue alejándose deprisa en la llanura. Nos pasaron por encima y nos ganaron, nos dejaron en derrota (...). Perdimos otra vez”.

Suscríbete para seguir leyendo