Retallos, fotogramas, imaxes

Pausado e gozoso

Detalle da portada

Detalle da portada / Héitor Mera

Héitor Mera

José Carou é autor cunha xa dilatada traxectoria. Tanto no eido da crítica cinematográfica como no ámbito da creación, a súa obra hai xa tempo que é recoñecida. Hoxe ofrécenos un novo poemario co título de Diorama no que, a medida que te vas adentrando decátaste que é compendio de varias das inquedanzas intelectuais do autor de Rianxo.

Poemario extenso, o primeiro que chama a atención é a preocupación por facernos ver dende o mesmo título a importancia que lle dá á canle para expresar os seus sentimentos e reflexións. Para entender o poemario haberá que ter presente o que é un diorama. Logo xa vén adscribir este concepto ao poemario. Segundo a RAG é : “Representación pictórica que se realiza sobre unha superficie transparente pintada polas dúas caras, de xeito que, segundo a iluminación que reciba, produce diversas imaxes e efectos”.

O autor leva este concepto fundamental á súa poesía. Retallos, fotogramas, imaxes poéticas que fecundan cada unha das partes nas que está estruturado o libro. Esas fendas lumínicas pretenden deixar na retina unha idea da que se serve para a construción dun entramado poético e filosófico. Diorama é o plurisperpectivismo e a inmediatez lumínica. Un xogo que pon en constante diálogo ao eu lírico e ao lector. É esa canle á que nos referíamos anteriormente e que determina por completo a mensaxe. Se noutros textos a importancia se carga noutros elementos do esquema de comunicación, sexan a propia mensaxe, o contexto… neste poemario chamar a atención sobre a canle dálle un punto innovador e orixinal. A proposta de Carou facilita que o lector se recree na súa poesía concisa, case lapidaria, conscientemente entalada nunha proxección versal continua, pero ao tempo fugaz.

É neste marco no que o eu lírico expón todo tipo de sentimentos e expón moitas das súas querenzas e desventuras. Diorama é un poemario para o amor e para a filosofía. Tamén para a reflexioón lingüística vencellada á ontoloxía como dúas caras dunha mesma moeda. Sinestesias cruzadas entre os diversos campos do saber que conforman o mundo neste poemario de lectura pausada e gozosa.

Diorama

Portada

DIORAMA (2022): José Carou, Vigo, Galaxia, PVP.15,67€

Suscríbete para seguir leyendo