Pola graza de Deus

Estados e Teocracias

Coroación de Gregorio XI (1371).

Coroación de Gregorio XI (1371).

Diversas noticias recentes situaron as crenzas relixiosas estreitamente implicadas coa política. A asunción da coroa británica por parte de Carlos III, novo rei pola graza de Deus oficialmente, seguía a incluír entre as súas responsabilidades a defensa da fe (Fidei Defensor) por privilexio concedido a Henrique VIII polo papa León X. Unha prerrogativa que, despois da separación de Roma, foi revocado por Paulo III pero conservada posteriormente polos monarcas verbo da Igrexa Anglicana: “Xuro que preservarei a verdadeira relixión protestante”. Xuramento que se fai extensivo á presbiteriana Igrexa de Escocia.

Un mes despois, tras o efémero mandato de Liz Truss, Rishi Sunak asumiu o cargo de primeiro ministro. Na súa toma de posesión, xurou –como xa fixera cando foi elixido deputado- sobre un exemplar da Bhagavad Gita, un texto sagrado do hinduismo.Naqueles mesmos días, unha rapaza kurda, Mahsa Amini, morreu nunha comisaría de Teherán despois de ser detida por un escuadrón da Policía da Moral iraniana por non levar correctamente posto o seu hixab. Finalmente, o papel das novas igrexas evanxelistas no Brasil xogou un papel importante na candidatura do presidente saínte, Jair Bolsonaro.

F72

Festa da patroa dos Carabinieri.

A vinculación da relixión coa goberno político é visto, desde moitas democracias occidentais, como unha manifestación de autoritarismo ou, cando menos, de intromisión. Resulta doado criticar as monarquías petroleiras do Golfo pola persecución que, en nome do Islam, exercen verbo dos dereitos das mulleres ou dos disidentes políticos. Unha converxencia que leva a que a maioría de estados musulmáns lexislen coa sharia, baseada no Corán e non no dereito civil.Tal maneira de proceder, a partir das diversas interpretacións do libro revelado a Mahoma, produciuse a partir da caída do imperio otomán, que exercía de feito a autoridade única e suprema verbo do islamismo coma sucesor dos califatos omeia e abbásida. A oposición á hexemonía occidental viña tamén –lembrando os ataques dos cruzados- por situar a Lúa crecente en contra da Cruz e en aberta exclusión dos seguidores desta malia a presenza de comunidades cristiás seculares –incluso anteriores ao Islam- en países árabes.

Pero tamén democracias que pasan por seren exemplares –polo menos formalmente- invocan a autoridade divina. Israel é tal vez entre elas a que de facto se constitúe legalmente coma teocracia. Malia que oficialmente é un estado laico, a Lei do Retorno aprobada pola Knesset en 1950 só garantía a concesión da cidadanía aos xudeus practicantes. De xeito semellante, os únicos matrimonios válidos son os relixiosos celebrados por rabinos ortodoxos acreditados. Máis recentemente (2018), a “Lei fundamental Israel coma estado-nación do pobo xudeu” definiu esta terra coma “a patria dos xudeus.”

Pola graza de Deus

Khomeini, ao micro. / Joaquim Ventura

A apelación a Deus tamén está presente na primeira democracia parlamentaria do mundo, os Estados Unidos de América. A condición puritana dos primeiros colonos, os “peregrinos” chegados no Mayflower en 1620, impregnou dalgunha maneira a presenza da relixión na vida civil do futuro estado. Na constitución de 1787 non hai referencia ningunha á relixión e na primeira emenda (aprobada en 1791) estableceuse que non haberá relixión oficial nin se prohibirá o exercicio de ningunha. Con todo, o lema nacional é “In God we Trust” (‘Confiamos en Deus’), expresión collida da derradeira estrofa do himno nacional. Este lema foi aprobado polo Congreso e ratificado por Eisenhower en 1956. Presente en moedas de dous centavos en 1864, en 1957 foi adoptado para que aparecese en todos os billetes.

A teocracia en estado puro máis próxima que temos é, sen dúbida o Vaticano, cuxo xefe político é o elixido coma Sumo Pontífice da Igrexa católica. Un caso semellante ao do Tíbet, gobernado durante séculos polos Dalai Lama, máximos dirixentes relixiosos reencarnados, polo cal o seu poder era absoluto e indiscutible. Caso curioso é o do Estado Monástico Autónomo do Monte Athos, en Grecia, exento de cumprir diversas leis gregas e europeas, entre elas o acceso de mulleres ou o espazo Schengen.

[object Object]

As vinculacións que ao longo dos séculos houbo entre a relixión católica e mais os poderes políticos estableceron formas de protección ou padroado que a posterior separación Igrexa-Estado non conseguiu revocar. Xa non só por herdanza do nacional-catolicismo que impuxeron as dúas ditaduras que España padeceu no século XX. Tamén naqueloutros casos nos que a autoridade civil se rendeu á intercesión relixiosa. Así, a Virxe do Pilar é a padroa da Garda Civil desde que Afonso XIII a proclamou como tal en 1913; San Fernando patrocina o corpo de Enxeñeiros do Exército de Terra desde 1805 (o Día das Forzas Armadas celébrase na data do santo); a Virxe de Loreto, o Exército do Aire desde 1920; e a Virxe do Carme, a Mariña desde 1901. A estes corpos militares non lles chegou –malia a condición aconfesional de España proclamada na vixente constitución- unha laicidade que tal vez sería aconsellable. Por iso é habitual a presenza de militares en manifestacións relixiosas como as procesións de Semana Santa. Se serve de consolo, os Carabinieri italianos tamén están baixo a advocación de Maria Virgo Fidelis (establecida por Pío XII en 1949). Incluso a Xendarmería francesa ten de padroa a Santa Xenoveva desde 1962, advocación que por sentenza de 2021 conserva malia a demanda dalgúns xendarmes librepensadores do Gard.

Suscríbete para seguir leyendo