O silencio, a peor culpa

Sen tregua ata a última liña

Detalle da portada

Detalle da portada

Pilar Ponte

É ver o título do último premio Xerais, A culpa, de María Solar, e comezar as preguntas: a culpa de que? por que? Para responder a elas a autora ofrécenos un inquietante dous por un, porque realmente estamos ante unha obra que agacha o que terían podido ser perfectamente dúas novelas diferentes.

Dunha banda temos un thriller que nos atrapa, que nos leva a querer devorar as páxinas primeiro querendo saber e logo xa, temendo saber, que é a peor das intrigas xa que a primeira arranca do descoñecemento do que vén de fóra, pero a segunda é moito máis terrible porque loita co que ti xa tes na cabeza pero temes que suceda. Aquí temos a Amanda, unha empregada de banco que nunha mañá calquera acaba atendendo no seu traballo á señora Gondar “unha vella puta e fedorenta” e mes e medio máis tarde anúncianlle que esta morreu e que a nomeou a súa herdeira universal, unha herdanza de varios millóns de euros que a vai converter nunha muller rica. Por que a ela, a quen só vira unha vez? Como vai cambiar isto as súas perspectivas vitais? Será un agasallo envelenado? Xa por outro lado lado temos un xénero ben diferente, o diario. Mirta Val, a que fora a deusa do espectáculo como Norma Desmond, encerrada nun luxoso piso da capital arxentina rodeada do seu propio museo en vida, e que, no seu crepúsculo, decide escribir movida pola culpa e pola necesidade de liberación, para purgarse dunha vida na que ela tamén foi cómplice, mentres agarda ser asasinada. Mirta recolle no seu diario a súa vida e mais tamén a da súa amiga Marcela, que levan estando xuntas dende que, de nenas, abandonaran a aldea para logo iren buscar sorte a Madrid para finalmente, como tanta outra xente, emprender o prometedor camiño das Américas e rematar en Arxentina onde coa axuda de Marcela se converte nunha grande artista mentres o silencio a converte na maior das culpables.

Na parte do diario, María Solar ofrécenos unha magnífica novela de personaxe. Mirta levou unha boa vida, tivo todo o que se pode desexar, porén a súa existencia estivo dominada por unha emoción, a culpa, unha culpa que vén dende ben lonxe, dende aqueles primeiros anos na aldea. E co paso dos anos tras esa, van vir moitas outras culpas que van aparecendo no seu relato cabo de reflexións en moitos casos enunciadas como leccións existenciais, extrapolables á vida de calquera persoa que está a ler. E experimentamos sentimentos contraditorios, perdoámola ou condenámola?

Curiosamente, nesta novela chea de violencia, hai asasinatos, violacións... o que nos vai alterar o ánimo non son os propios actos violentos senón a súa dimensión psicolóxica, a escritora consegue que aguantemos a respiración e teñamos o corazón nun puño a través do terror que provoca en nós a impunidade. Pero non nos dá tregua e non podemos deternos porque Amanda investiga a procedencia desa fortuna herdada, será ela tamén culpable de algo cando descubra toda a verdade? E soa na cabeza o tema tantas veces reinterpretado de Albert Hammond “Échame a mi la culpa de lo que pase. Cúbrete tú la espalda con mi dolor".

"A culpa"

Portada

A CULPA (2022): María Solar, Vigo, Xerais, PVP.17,57€

Suscríbete para seguir leyendo