Na procura da liberación

Lección de boa escrita

Detalle da portada

Detalle da portada

María Navarro

Outro premio, desta volta o de Xuventude Crea, fallado ao abeiro da Consellería de Política social e Xuventude e que agora publica Edicións Xerais na colección “Redes”, Xoaniña de Deus, da escrita de Alba Guzmán, unha moza ourensá que leva conseguido xa máis dunha vintena de galardóns e que agora se fai co I Premio de Novela Curta no devandito programa da Xunta de Galicia, ocupa as liñas de FARO DA CULTURA para darlles aos lectores a oportunidade de reflexionar sobre partes do relato, de asumir comentarios e actuacións aparentemente inconexas pero que no conxunto cobran unidade.

Apenas unha ducia de textos a modo de capítulos abondan para saber de Xoaniña: a súa mocidade, o seu casamento con Arcadio, os anos de matrimonio, a amizade con Xabier, o sentido das tatuaxes, as súas orixes, seus pais Antonio e Francisca, as andanzas do tío Fermín e, ao final do seu delirio, a liberdade.

Diríase que a través dunha narración fragmentada, isto é, aquela na que o relato se interrompe para referenciar algo que sucedeu anteriormente, a protagonista vai devanando a historia da súa propia vida ata formar un nobelo que se pecha sobre si mesmo na procura dunha liberación que se precipita ata facerse real, de modo que o que imos coñecendo xustifica e explica comportamentos que agora semellan lóxicos e/ou reais.

É, por esta razón, unha novela de personaxe na que a protagonista libera información cunha certa cadencia que permite unha aprendizaxe no que constitúe un bildungsroman: importa o autocoñecemento que leva á madurez e á comprensión do mundo que a rodea e, por extensión, ao equilibrio de total afirmación da personalidade. Todo un acerto o fallo do xurado; toda unha lección, a da autora moza.

Xoaniña de Deus

Portada

XOANIÑA DE DEUS (2022): Alba Guzmán Falcón, Vigo, Xerais, PVP.13,77€

Suscríbete para seguir leyendo