Libros

A maxia dun xardín balsámico

Canto á amizade

Detalle da portada de "A maxia dun xardín balsámico".

Detalle da portada de "A maxia dun xardín balsámico". / Estro Montaña

Estro Montaña

Entre as numerosas novelas que escribiu Frances Hodson Burnett (Manchester, 1894- Nova York, 1924) ningunha é tan coñecida coma "O xardín secreto", que foi levada ao cine, á televisión e ao teatro, e que vén de ser verquida ao galego por Moisés Barcia, que se converte así no seu terceiro tradutor na lingua de Rosalía.

Quizá sexa a causa do seu éxito a alegría que transmite, malia que a novela comeza coa morte dos pais da protagonista, quen deberá abandonar a India para se trasladar a unha mansión inglesa, na que un tío seu, viúvo, non lle fará ningún caso. Viviu a autora nos mesmos anos que Kakfa, pero "O xardín secreto" é un canto á amizade, e ten a virtude de crear no lector unha ilusión de esperanza; mentres o escritor checo imaxinaba pesadelos que reflectían os tráxicos sobresaltos da Europa do seu tempo, a autora anglosaxoa crea un personaxe desagradable, malencarado e consentido, que vai evoluíndo co tempo e que se acabará convertendo nunha nena encantadora. O contacto de Mary -ese é o nome da protagonista- coa criada Martha, con Dickson, cun paporroibo, e co aire do páramo no que viven, vai propiciar unha transformación no seu carácter. Nese cambio inflúen sobre todo o coñecemento do seu curmán Colin -un rapaz enfermo desatendido polo pai- e o descubrimento dun xardín secreto, cheo de marabillas, no que a maxia pode mudar todas as adversidades e favorecer a felicidade das persoas, mesmo a do desgraciado Carven, tío de Mary.

En definitiva, un libro balsámico, con ecos da biografía da autora, recomendado polo Ministerio de Educación francés no terceiro ciclo de primaria.

  • O xardín secreto (2022)

    Frances Hodson Burnett (trad. Moisés Barcia)
    Sushi books, Cangas, 2022. PVP 20,90 €

Suscríbete para seguir leyendo