Eloxio do silencio

Silverio Rivas no Museo de Pontevedra

A través dunha atraente selección e relectura do seu traballo, a exposición Silverio Rivas. Eloxio do silencio, revé os diferentes camiños percorridos pola obra do escultor Silverio Rivas (Ponteareas, 1942) desde os anos setenta, altura en que iniciou unha evolución que o conducirá a unha linguaxe persoal absolutamente inserida na modernidade.E este aspecto é claramente perceptíbel na coidada mostra presentada no Museo de Pontevedra -comisarada por Beatriz de San Ildefonso- que desenvolve o proxecto tendo ben en conta as múltiples escalas, as variacións cromáticas e as texturas para crear así un percorrido ricamente modulado que ofrece unha abordaxe concisa á obra do noso escultor, unha síntese aberta que máis do que esgotar a visión da súa obra, o que permite é abrir novas percepcións do seu traballo.

A escultura de Silverio Rivas chama a atención, a primeira vista, pola materialidade refinada, mais esas formas son sempre rexidas na súa concreción por unha vontade e unha análise conceptual, fenómeno que se torna cada vez máis evidente a medida que se ve o conxunto de obras de momentos moi diferentes presentes na exposición. No labor de Silverio Rivas ás influencias iniciais de Brâncuși, Moore, Calder, perceptíbeis desde os seus traballos dos anos setenta, hai que acrecentar desde a primeira estadía en París o achegamento á obra de Arp e Julio González e o forte interese pola linguaxe escultórica exipcia. Neste camiño Rivas vai chegar a unha profunda análise e comprensión da estrutura da linguaxe escultórica. Alcanza este punto por un proceso depurativo, que tende a reducir as formas ao seu carácter máis esencial, cun sintetismo e unha vontade de esencialismo formal que estará nel ao servizo dunha visión, dunha concepción artística fortemente monumental. Esta concepción escultórica vai atinxir a plenitude sobre todo a partir dos anos noventa nos complexos proxectos de ámbito público e dimensións monumentais -que teñen un reflexo nos espazos e na montaxe do Museo de Pontevedra-, unha escala onde normalmente máis problemas acaban por ter os escultores.

Eloxio do silencio

Visitantes na exposición "Eloxio do silencio". / Gustavo Santos

Silverio Rivas, lonxe de considerar a dimensión monumental un problema, móvese con comodidade neste terreo, ten, pois, un enorme dominio da escala, unha concepción solidamente asentada que se alicerza nunha idea inicial, nunha suxestión rigorosamente traballada, que parte dun profundo respecto polo que é o traballo construtivo e que é consciente da dificultade formal en que se move. Porque acontece que as pezas de Rivas funcionan moi ben no espazo público, un territorio que se ben foi tradicional para os escultores desde a mesma orixe da arte, é tamén o lugar máis difícil e esixente. A combinación de lóxica construtiva e unha atinada organización espacial é a chave do éxito neste ámbito tan complexo e sutil. No seu caso, o éxito aséntase nun notábel dominio da escala, mais tamén na posibilidade de reformulación, de revisión, de intensa flexibilidade, con que trata o material e desenvolve os distintos traballos, que acaban por destacar pola súa simplicidade e estilización, lonxe de calquera retórica, posibilitando no espectador novas lecturas desde a sutileza, alleo a estratexias artísticas que utilizan a espectacularización do obxecto como alicerces do discurso estético. Velaí a chave para chegar a logros dunha escultura que se asenta, como indica o título da exposición, no eloxio do silencio, con ese equilibrio entre un meditado e intenso sentido analítico e unha linguaxe plástica sólida en que a suxestión alegórica abre as portas á emoción.

Título: Silverio Rivas. Eloxio do silencio

Artista: Silverio Rivas

Comisario: Beatriz de San Ildefonso

Local: Museo de Pontevedra, Edificio Castelao

Até o 5 de febreiro de 2023

Eloxio do silencio

Espectador perante unha das obras expostas. / Gustavo Santos

[object Object]

Diante das obras de Silverio Rivas situámonos como espectadores perante “obxectos”, na acepción máis física do termo, percibindo a identidade, a solidez, a lixeireza ou a textura dos diferentes materiais, sentindo a súa presenza como algo tanxíbel. A obra de Rivas encádrase, neste sentido, na cerna do debate escultórico contemporáneo.

Concibida neste contexto ineludíbel, a obra do escultor galego afírmase no seu proceso tendente a reducir as formas ao seu carácter máis esencial, cun sintetismo e unha vontade de esencialismo formal que está nel ao servizo dunha visión, dunha concepción artística fortemente monumental, mesmo nas obras de pequeno formato e en materiais tan diferentes como o metal, a madeira ou a cerámica.

Na obra de Silverio Rivas as preocupacións formais vincúlanse ao mundo das tensións entre espazo e forma, desenvolvendo unha escultura construtiva que provoca diferentes puntos de vista no espectador, e que ten un dos alicerces no diálogo plano, volume, espazo. O noso escultor opta na súa obra por unha actitude fortemente contida, modulando, valorando a presenza e textura do material, a solidez e o acabado. Inserida nestes procesos, a súa obra chega por depuración a un punto de equilibrio absoluto. Toda unha riqueza de matices e unha vizosa complexidade que este “eloxio do silencio” nos permite enxergar.

Suscríbete para seguir leyendo