Ciencias sociais

Do espolio á abordaxe

Sobre piratas e corsarios (I)

Captura dun navío español por un corsario  (J. Clevely o novo).

Captura dun navío español por un corsario (J. Clevely o novo). / Arquivo

Alfredo Iglesias Diéguez

No ano 1856 as potencias belixerantes na guerra de Crimea reúnense en París para asinar o Tratado de Paz que puña fin ao conflito. Nese contexto, negociouse unha Declaración sobre o Dereito Marítimo que, asinada polas potencias belixerantes o 16 de abril de 1856, quedou aberta á adhesión posterior doutros estados, o que supuxo unha innovación radical no dereito internacional. A Declaración puxo fin á actividade corsaria: “O corso está e permanece abolido”, recóllese no artigo primeiro da Declaración. Ora ben, que poder tiñan os estados para pór fin á actividade corsaria?

Corsarios fronte a piratas

Se ben no noso imaxinario colectivo temos unha idea rebelde da piratería, de homes -e mesmo tamén mulleres-, sen patria nin lei: “Que es mi barco mi tesoro, / que es mi dios la libertad, / mi ley, la fuerza y el viento, / mi única patria la mar”, que dicía José de Espronceda na 'Canción do pirata' (1835), o certo é que o corsario é un tipo de pirata que estaba protexido por un estado mediante a patente de corso.

Piratas e corsarios abordaban barcos para apoderárense das mercadorías que transportaban, normalmente metais preciosos, pero tamén outras, mesmo escravos e escravas; porén, existía unha clara diferenza entre piratas e corsarios. Os piratas actuaban por conta propia e para beneficio da tripulación do barco pirata; os corsarios, pola contra, actuaban baixo a autoridade dun estado, do que eran parte da súa mariña. Neste sentido, a “piratería corsaria” foi a estratexia das nacentes potencias capitalistas (Castela, Portugal, pero sobre todo Francia, Inglaterra e Países Baixos) para supliren as carencias das súas ben cativas flotas. Velaí a razón pola que o corso podía ser abolido mediante un tratado internacional.

O corso como fonte de riqueza nacional

No ano 1521 un grupo de seis barcos ao mando do capitán corsario Jean Fleury asaltou, nalgún punto situado entre o arquipélago dos Azores e o cabo de San Vicente as tres naves nas que se transportaba o “quinto real” que lle correspondía ao rei de España Carlos I do famoso tesouro de Moctezuma, aproximadamente 26 mil castellanos. Eís o primeiro acto de piratería do que se ten coñecemento; daquela, o botín que ía recaer nas mans do monarca español rematou nas mans desoutro, francés, Francisco I. Velaí un eficaz mecanismo de acumulación orixinaria de capital nos albores do capitalismo europeo: América puña os recursos naturais, inicialmente ouro e prata -primeiro procedente de tesouros locais, como o de Moctezuma, e posteriormente das minas, entre as que salientaron Potosí, Zacatecas e Guanajato-, logo virían os produtos procedentes das plantacións -algodón, azucre e tabaco-; África puño as escravas e os escravos; e Europa apropiábase das riquezas e producía manufacturas de maior valor engadido. Así funcionaba o comercio triangular, que determinou o papel periférico de América e África.Ora ben, como chegaba o botín do corso á coroa?

A patente outorgaba aos corsarios un marco legal de actuación que os protexía nas súas accións e, a cambio, unha parte do botín estaba destinado á coroa. Neste sentido, a medida que se consolidaba a piratería corsaria no Atlántico, as principais potencias promotoras do corso (Inglaterra, Francia e os Países Baixos) desenvolveron unha importante lexislación arredor da cuestión do botín (que podía ser obxecto de recompensa polo ataque), as normas de auxilio e protección das persoas que caían en mans dos corsarios... É neste contexto normativo, que tan estraño pode resultar nun mundo que nos imaxinamos fóra da lei, no que se establece que parte do botín ía destinado á coroa e de que xeito se distribuía o botín entre a tripulación corsaria.

Con todo, o mundo corsario tiña os seus límites: o corso tiña patente para actuar libremente, de acordo coas regras estipuladas, só en tempo de guerra e só fronte buques de bandeira inimiga. Por esa razón, en tempos de paz os corsarios, polo xeral, acababan converténdose en piratas, que actuaron á marxe da lei, pero contribuíron a desenvolver a riqueza das nacións metropolitanas grazas ao comercio que desenvolveron no Caribe.

Francis Drake

Francis Drake (1540-1596).

Drake e María Pita

Corría o ano 1589 cando, en castigo polo apoio que a cidade ofrecera á Armada Invencible, o corsario Francis Drake asaltou a cidade da Coruña. Foron tres días de intensa loita nos que as xentes da Coruña se refuxiaron entre os muros da cidade vella. Todo era válido para frear o ataque corsario; porén, malia a determinación do pobo coruñés por defenderse, os ingleses lograron penetrar na cidade, que non sucumbiu en mans alleas grazas á actuación heroica de María Pita, quen cunha pica na man lograba derribar o alférez ao mando das tropas de ataque e, logo de arrebatarlle a bandeira inglesa, provocar a fuxida dos corsarios que, de xeito precipitado, abandonaron a cidade herculina para sempre. Ou iso conta a lenda histórica.

7bba98e8 746a 40f6 9222 983e86a8dec4 9 16 aspect ratio default 0

Monumento a María Pita (A Coruña). / Arquivo

No historial do corsario inglés sir Francis Drake, alén do fracasado asalto á Coruña, que lle valeu a retirada do apoio real durante uns anos, xa que toda a expedición fora un fracaso -non lograron facerse cunha illa dos Azores, non deron tomado Lisboa...-, figuran algúns dos maiores éxitos da mariña inglesa. Velaí están a captura da flota das Indias no ano 1573 co seu cargamento de ouro e prata, a súa circunnavegación á Terra entre os anos 1577 e 1580 ou á primeira expedición ás Indias occidentais entre 1585 e 1586, que sentou as bases da colonización inglesa de América.

Suscríbete para seguir leyendo