Arte

Auga, materia e baleiro

20 anos de Buciños no Balneario de Mondariz

Monumento á auga de Mondariz.

Monumento á auga de Mondariz. / Cortesía do autor

Alberte Reboreda

Buciños é o nome dunha parroquia do concello de Carballedo (Lugo) que adoptou como pseudónimo o seu fillo máis ilustre, Manuel García Vázquez, coñecido por todos como Manuel de Buciños. Amigo do pintor Xabier Pousa, que estivo moi vinculado a Mondariz Balneario durante a súa madurez, o noso escultor recibiu hai vinte anos o encargo de realizar unha obra dedicada á auga que había lucir nunha pequena praza desta histórica vila termal situada á beira do Regato de Valdecide, a mesma corrente de auga que atravesa o predio do antigo Gran Hotel do balneario.

O conxunto escultórico, inaugurado no ano 2002, foi unha iniciativa de amigos do Balneario de Mondariz entre os que se contaban empresarios como Nicolás Alberte Meixengo, políticos como José Antonio Lorenzo ou artistas como Sancho Gracia e o xa nomeado Pousa. O acto tivo lugar despois do nomeamento do empresario Javier Solano, naquela altura conselleiro delegado de Augas de Mondariz, como fillo adoptivo de Mondariz Balneario. “Daquela Mondariz estaba rexurdindo e convidáronme a facer esta obra para enxalzar a auga”, sinala o noso escultor, un dos grandes artistas plásticos galegos de todos os tempos, con obra espallada por boa parte do mundo.

Buciños concibiu un conxunto de figuras alegóricas organizadas en exedra a través de catro parellas de homes ou seres andróxinos (ningún deles evidencia unha anatomía claramente feminina) que se representan encabalgados por parellas e cos brazos erguidos. “Os homes e mulleres” (sic) “aparecen cos pés na terra, de onde sae a auga, que logo sae ao exterior para que todos gocemos dela; é unha homenaxe á xente que o fixo posible”, recorda o artista. Os brazos erguidos dos protagonistas do rexistro inferior confúndense coas pernas dos personaxes que soportan sobre os seus ombreiros, nunha sorte de fusión anatómica formada por materia e baleiro, un dos selos inequívocos do escultor asentado en Ourense. Na cimeira da composición, sustentada polos protagonistas do plano superior, elévanse grupos de dúas e tres pombas que voan á mesma altura, e que o escultor identifica coa liberdade.

Auga,materia e baleiro

Buciños, conversando con Alberte Meixengo. / Cortesía do autor

Os actores do conxunto aparecen semiespidos, cubertos con panos que os cobren parcialmente, unha característica da “súa escultura de panos como húmidos, adheridos ás anatomías adiviñables” en palabras de Francisco de Pablos (2002). O conxunto escultórico foi ideado para alicerzar nuns cilindros graníticos chantados nun estanque que, orixinalmente, fornecía auga a uns aspersores situados á altura das pombas que esparexían o líquido en forma de chuvia cara o regato.

As pombas de Buciños aparecen coroando outras composicións do noso artista, caso dos “Nenos con pombas” que creou para o Parlamento de Galicia, outra obra coral protagonizada por rapaces anónimos que se xuntan para sustentaren cos brazos erguidos un grupo destas mesmas aves. Pero o auténtico antecedente do conxunto mondarizán é unha obra de bronce en pequeno formato, fundida na década de 1990, que representa unha torre humana formada por tres figuras masculinas, cada unha delas cunha pomba sostida na man.

"Buciños xa foi definido pola crítica como 'un clásico moderno'"

Buciños tratou persoalmente a boa parte da intelectualidade galega do século XX, de Vicente Risco a Carlos Casares, pasando por Blanco Amor, Xaquín Lorenzo, Xesús Ferro Couselo ou Otero Pedrayo, que protagoniza dúas esculturas súas en Ourense (1983) e Vigo (2003). “Cando vin a Ourense de estudar Belas Artes en Madrid, tiven a sorte de coñecelo. Eu estaba facendo abstracto pero el faloume de Galicia, da terra, dende un nacionalismo respectuoso que non entende de fronteiras”, dixo Buciños do autor de Arredor de si en 2021.

Carlos Casares, coautor dun libro monográfico sobre o noso escultor, editado en 1997, destacaba que a súa obra non era o produto “de extensas e complexas teorías estéticas elaboradas a partir dunhas cantas lecturas, senón dunhas poucas ideas persoais, contundentes e nidias, repetidas con teimosa seguridade por un home que ten, sobre todo, un gran sentido común”.

[object Object]

En Buciños a representación da figura humana xera anatomías de formas suaves e redondeadas caracterizadas polo diálogo entre a masa e grandes oquedades que dan á súa obra un selo orixinal indiscutible. Na súa obra, sempre figurativa aínda que nunca hiperrealista, as formas humanas debátense entre a insinuación e a fidelidade anatómica, dando lugar a unha escultura rabiosamente contemporánea, pero emparentada co canon de beleza greco-latino.Eduardo Blanco Amor (1966), ao que Buciños axudou persoalmente trala súa volta de América en 1965, dixo do noso escultor que era “dono acometedor de grandes medios expresivos; intuitivo e tenaz, lírico e dramático como só pode ser un galego”.

Tanto ten que sexan de madeira, de pedra ou de bronce, as figuras do Buciños son dondas e suaves, e abordan a curva como expresión dunha escultura amable centrada na expresión dos sentimentos que máis o conmoven: a liberdade, a maternidade, a familia, o amor... Velaí un artista valorado por modelar as emocións armado de sensualidade e lirismo –sen dúbida unha das chaves do seu éxito internacional– un creador aplaudido e multipremiado con sesenta anos de carreira ao que a profesora Mª Victoria Carballo-Calero (2003) definiu acertadamente como “un clásico moderno”.

Suscríbete para seguir leyendo