Arte: exposicións

Entre neboeiros

Unha instalación de Edu Valiña

Instalación "Nieblas gallegas", de Edu Valiña, na Galería Patio de Luz (Santiago de Compostela).

Instalación "Nieblas gallegas", de Edu Valiña, na Galería Patio de Luz (Santiago de Compostela). / Cortesía do autor

Acaba de ser aberto en Santiago de Compostela un novo espazo expositivo multidisciplinar con variadas áreas e ambientes e situado en plena cidade vella, unha proposta que amplia a oferta cultura da capital galega. Esta nova galería, chamada Patio de Luz, vén de ser inaugurada cunha instalación do artista, historiador e xestor cultural Edu Valiña, un creador que desde os anos 90 leva desenvolvido un interesante traballo que centra a súa atención nos espazos marxinais de diferentes contextos culturais e vitais. O seu último proxecto é unha instalación intitulada Nieblas gallegas, unha peza centrada na relación entre a identidade, o medio rural e a paisaxe humana, unha obra dotada dun fondo antropolóxico e fortemente evocativa e reflexiva. Nesta peza, o artista ofrece unha serie de visións das realidades afectivas e comunicacionais ligadas ao medio rural que acaban por conformar un magnífico exemplo de como o punto de partida estético permite “abrir a visión” para transformar a percepción e o pensamento, para, en certo modo, recrear o real por medio dun elaborado discurso argumental de forte carga ambiental que posúe tamén un notábel atractivo visual.

Entreneboeiros

Un dos momentos da instalación de Edu Valiña. / Cortesía do autor

Xa no propio título anuncia aspectos reflexivos salientábeis, xogando co significado dun proceso natural -a brétema a a humidade- de poética evocación con esa alusión aos neboeiros, mediante o cal o espazo central da instalación define un límite e ao tempo vai ocupando os diferentes ámbitos da galería, o que lle permite unha recreación ambiental. En certo sentido o artista crea unha consciencia ligada ao medio humano e natural. A brétema -fume- vai ocupando todo o espazo pondo no centro do discurso as persoas que moran no territorio rural e as mudanzas que se producen neste contexto.

TÍTULO

Nieblas gallegas

ARTISTA

Edu Valiña (María Moreno, asistente)

LUGAR

Galería Patio de Luz, Rúa Calderaría 38, Santiago de Compostela

FECHAS

Até o 17 de decembro de 2022

Estamos perante un traballo ligado ao espazo material, xeográfico e fortemente evocativo que nos transporta ao mundo das relacións e dos límites, do aspecto que adoptan as distintas intrerrelacións, abríndose a distintos ámbitos de coñecemento. En conxunto, todo nos leva ao campo da percepción, mais mantendo un duplo valor semántico da imaxe das “nieblas gallegas”, unha que transmite unha carga intensamente física e climática e outra profundamente reflexiva, mais ambas de captación directa, como son os dous ámbitos unidos na exposición, o reflexivo e mais o artístico. Este neboeiro que nos envolve aparece ligado a un mundo simbolicamente evocativo como nos lembra a presenza do noso himno nacional incorporado e distorsionado na instalación, unha peza sonora interpretada pola poeta Yolanda Castaño.

Imagen Darlles a herba...

Detalle da obra. / Cortesía do autor

Estas dúas variábeis, a física e reflexivo-poética, son as que podemos percibir na instalación que quere incidir nesta liña de lectura, permitindo que a peza conforme unha auténtica e peculiar cartografía que reúne prácticas artísticas que promoven ou visibilizan novos escenarios heteroxéneos para vivirmos xuntos e aprendermos os uns dos outros dende a alteridade como vizosa fonte de vida, de creación e de elucidación das nosas máis intensas raíces culturais. Trátase de repensar o que pode significar e implicar unha comunidade a día de hoxe a través dun traballo que posibilita unha comprensión da existencia de conflitos, de inestabilidade e de fraxilidade.

Daquela, Edu Valiña mantén na súa obra unha tensión entre o tema representado e analizado e a linguaxe artística utilizada. Ese mundo ambiguo, alusivo e evocativo aparece nítido ao empregar a palabra e o título como complemento para a comprensión da obra.

[object Object]

Na exposición encontramos aproximacións á realidade relacional desde ben diversas linguaxes: a paisaxe natural e humana, o son e a acción performativa. En resumo, Edu Valiña presenta unha arte que cómpre situar nunha corrente artística para a que a imaxe e a acción expresan un repensar as complexas ligazóns en que actúa o persoal e o social, que desenmascara os procesos de mitificación social que a utilizan como vehículo e que desenvolve procesos que ligan sutileza e poeticidade. Cómpre non esquecer que a imaxe –calquera imaxe artística– debe propender para a excelencia visual, debe ir encamiñada á reflexión sobre as linguaxes, un aspecto que ten que ter un papel central, en especial cando se pretende facer unha eficaz crítica dos procesos sociais e culturais históricos e do noso presente como é o caso deste interesante traballo de Edu Valiña.

En resumo, un meditado proxecto que permiten tamén percibir como o artista se aproxima a temas que tradicionalmente tiveron un forte calado social e que nestes tempos de anestesia social teñen unha percepción e un tratamento distinto ás concepcións tradicionais da arte comprometida, mais que seguen a ser obxecto de análise e interpretación desde a creación artística.

Suscríbete para seguir leyendo