Libros

Legado Castaño

A poesía, espazo crítico

Detalle de la portada del libro de Yolanda Castaño.

Detalle de la portada del libro de Yolanda Castaño. / Oriana Méndez

Oriana Méndez

O último libro de Yolanda Castaño é xa, nesta altura, un fito na poesía galega contemporánea. Sabido que a autora é unha das nosas poetas máis internacionais; pero Castaño non é só principal embaixadora, senón tamén anfitrioa, a principal acolledora de poetas doutros países co seu proxecto Residencia Literaria 1863, na Coruña; iniciativa cultural impulsada polo seu propio tesón.

O libro que nos ocupa tece unha rede na que se encontran reflexións sobre as relacións familiares, sobre a creación literaria e tamén arredor da memoria histórica. Nunha visión global, son estas as tres dimensións que se imbrican no libro. Aínda que a cuestión da maternidade acabou sendo, aos ollos da crítica e na recepción xeral, unha cuestión central; non podemos afirmar que ese fose o obxectivo principal da autora que, non por nada, titula este libro "Materia" e non "Matria". Quizais a vontade estea en, precisamente, desacralizar o concepto de matria, tanto no sentido que remite á nai, como naqueloutro político.

Encontramos aquí os tres estados da materia: o pasado, a memoria histórica, moi especialmente das mulleres e tamén da cidade de Santiago, é un río subterráneo. O presente, aquilo que somos, o fogar construído, o círculo emocional que nos constitúe, é sólido, é o Iceberg. En terceiro lugar, o futuro -nube ou o peso da ingrávida- é a parte gasosa da materia, a que non se pode tocar, a que é necesariamente cambiante.

Unha vez máis, Castaño demostra que a poesía é un espazo crítico, un terreo no que investigar, cuestionar e permanecer disposta a dar a volta ás cousas tal e como viñan sendo concibidas. É a voz da ingrávida que se alza: “Recóndita filla miña: / o teu futuro queda atrás”.

  • Materia

    Yolanda Castaño
    Xerais, Vigo, 2022. PVP. 12,30 €

Suscríbete para seguir leyendo