Un texto con forza

Poesía que conmove

Un texto  con forza

Un texto con forza / Héitor Mera

Héitor Mera

Enfrontarse a un poemario como Espíderman implica facer un esforzo interpretativo. Non polo que escribe Lúa Mosquetera. Dende logo a súa poesía non é escura, críptica ou exclusiva para iniciados, senón por todo o contrario. O acto interpretativo implica o prexuízo propio do horizonte hermenéutico. Todos esperamos certas cousas cando nos enfrontamos á lectura. Os nosos canons en canto a calidade implican un certo tratamento da forma, un dominio dos recursos estilísticos canalizados cara a un tema que se poidan amoldar perfectamente a ese continente.

Nunha primeira lectura deste poemario podería sacar o gume para chamar a atención arredor de certas cuestión que percibo… ou que me faltan. Mais vou adoptar outra actitude nesta miña lectura. Vou ser crítico comigo como lector, ou cando menos vou intentar valorar o contexto no que se desenvolve un texto coma este.

Lúa Mosquetera representa outra xeración. Con virtudes e defectos, todos eles propios dos tempos que lle tocaron vivir do mesmo xeito que nos puido pasar os que xa somos algo distantes a estes novos tempos “millenials”. O mundo instagramer, youtubeiro e demais manifestacións propias destes tempos implican unha inmediatez consecuencia destas circunstancias. Ben, coa distancia pertinente e o esforzo inconmensurable de achegamento e comprensión, coido que Espíderman representa iso exactamente. Tanto ten que o presentes en verso ou que o estrutures en parágrafos. O resultado ía ser o mesmo. Nunha miña primeira lectura dicir isto implicaría un dardo absolutamente lapidario cara o texto, mais sopesando o contexto e facendo un esforzo de empatía xeracional e poética este poemario podería terse como unha mostra canónica do que vén e que debemos estar atentos para percibir. Os códigos son outros.

Fóra dos niveis de excelencia formais e conceptuais que eu lle aplicaría a unha lectura crítica, recoñezo que este texto ten forza. Está fóra dos meus parámetros culturais, xeracionais e vitais, mais o zume que lle saca as diferentes historias (si, historias) que nos vai contando poema a poema removen ao lector, implícano e teñen a virtude de conmovelo. Os manuais de teoría literaria aquí non pintan nada. Aquí hai unha nova visión e con moitas cousas que dicir. Vou recoñecerlle a Lúa Mosquetera que, dalgunha maneira, consegue facer conectar con quen xa non se move por latitudes pretéritas. Non innova, non marabilla, pero, insisto, conmove . Que máis lle podemos pedir á poesía?

ESPÍDERMAN (2022): Lúa Mosquetera, Vigo, Galaxia, PVP. 10,93€

Suscríbete para seguir leyendo