Ruidoso,frenético, trepidante

Na xeira de Wilko Johnson

Wilko Johnson á frente de Dr. Feelgood.  |  FOTOS: ARQUIVO FARO

Wilko Johnson á frente de Dr. Feelgood. | FOTOS: ARQUIVO FARO / V. Neira

V. Neira

Ao mellor, naqueles 70, o mundo do rock comezaba a estar algo necesitado de novas perspectivas aínda que, iso si, asumindo os riscos xustos canto a estéticas e sonoridades. Igual o rock ía, daba voltas, paseos en espiral e viña e ía arredándose de Bod Diddley ou Chuck Berry mentres realmente, e no fondo, sabía que aí era onde podía e debía atopar a esencia toda da súa propia pedra filosofal. O blues e mais o rhythm and blues saltaban de continente a continente e admitían maternidades e paternidades sen moita necesidade de probas de adn, polo menos a pouco que un vira o branco e negro de cada foto. E foi alí, naquela altura, cando uns rapaces da Illa de Canvey (condado de Essex, na Gran Bretaña), pouco negros e pouco americanos, decidiron darlle uns caldeiros de crema rockeira e ben graxenta a un cuarteto de rock con pouca ansia de casar coas correntes da moda, sobre todo rock progresivo, glam e demais disfraces.

Foi así, pois, como comezaron a tocar blues acelerado, polos pubs de Londres, uns tipos liderados por un guitarrista tan xenuíno como diferente e pouco convencional. Vestidos coma o carallo, que diría o outro, como chegados a tocar sen cambiar, o traxe e mais a muda, despois dunha interminable noite de farra en garitos lixosos e ben afumeados. Os Dr. Feelgood eran ruidosos, frenéticos e magneticamente trepidantes. Cun Wilko Johnson atado a un jack, dende unha telecáster a un vello ampli Fender, coma un can de palleiro asañado con demasiada visita na eira e demasiada parvada. Eles mudaron moitas cousas na escenas londinense e británica da época; incluso moitas máis das evidentes. Foron referencia clave para o punk que veu despois pero tamén para poñer na órbita dos máis novos que chegaban o xeito de facer e tocar cancións dos rockeiros vellos e sobrados de oficio e eficiencia. Intención, actitude e calidade e, se tal, unhas paladas de carisma. Pose de tipo normal que non se mira moito ao espello e total ausencia de respecto polos grandes escenarios en prol do contacto máis directo e orgánico dunha sala pequena en forms de pub, de whisky e cervexa. Foron aqueles anos duns Feelwood referenciados e idolatrados, aínda a día de hoxe en activo con algúns sobreviventes. Maís Wilko, xenial e indomesticable, así continuou despois da súa saída do conxunto, apostando polo seu, polo rock de tres tipos en puro estado de efervescencia: iso si, igual despois máis virtuosos, se cabe aínda, e sen perder nunca nin media miga de esencia. Co seu socio, o incumbustible e xenial Norman Watt-Roy, comezou a deixar alucinado a cada presente en cada un dos seus concertos, e así foron anos e anos e xiras e xiras. Aínda lembro un xuño do 2007 nun teatro na vila da Estrada, Wilko e Norman repartindo calidade e marabillosa musicalidade a metrallazos ante a atónita mirada do seu Dylan Howe, na batería, que parecía tan fascinado ante tal ver coma todos os alí presentes no público.

Despois chegou aquela mala nova sobre un aparente mortal cancro de páncreas que decidiu non tratar para morrer cando fose, pero que cadrase baixando dun escenario. Tamén aquel fantástico documental de The Ecstasy of Wilko Johnson, dirixido por Julian Temple, e que poñía os pelos crespos ante a maneira de tomar a enfermidade que tiña o bo de Wilko. Finalmente unha operación inesperada e unha bóla extra de tempo que chegou até hai uns días nos que o mundo se enterou da tráxica nova.

O anecdotario de Wilko é tan inmenso como o seu legado musical e daría para un millón de follas a dobre cara, mais agora igual toca reescoitalo e gozalo como o excelso guitarrista e compositor que foi, tamén como o subterráneo e extraterrestre que sempre semellou. Con cara de verdugo, lembren aquel xogo de tronos, e con eses máxicos espasmos corporais con mirada de tolo e cara de tío encantador mentres a súa man dereita esmagaba nas cordas da súa vella telecáster con tanta vehemencia como impresionante precisión. Igual non volvemos a escoitar en directo a outro coma el.

Ruidoso,frenético, trepidante

Pablo Milanés en compañía de Luís Emilio Batallán. / V. Neira

Eternamente Pablo

Aló se nos foi outro deses músicos que parecían eternos e que sempre estaban, estiveron e estarán en tantos recunchos emocionais da existencia de varias xeracións. Xunto a autores como Silvio Rodriguez, Leo Brouwer ou Noel Nicola, entre outros, consagrouse como figura imprescindible da chamada “Nueva Trova Cubana”, asinando algunhas das cancións máis universalmente coñecidas do xénero. Distinguido, referenciado e respectado, a súa carreira veuse sempre cargada de distincións, premios e seguimento fiel e masivo dun público fascinado pola súa aparente, e tan difícil, sinxeleza lírica. Idealista, romántico e de extrema delicadez compositiva e interpretativa, rexistrada en máis de corenta discos, agora, co seu pasamento, a súa obra aínda se confirma, maís se cabe, con toda esa atemporalidade que só acadan os escollidos e, ademais, con todo o peso da súa historia persoal e coa historia de Cuba destilando por cada verso e por cada acorde. Xa dende a súa adolescencia, marcada coa chegada de Castro e coa nova Cuba medrando canda el, mentres a canción cubana entraba de cheo na comtemporaneidade buscando orellas e receptores de emocións alén da illa. E el alí, ao timón de moitas cousas, “De qué callada manera”, “El amor de mi vida”, “Yo pisaré las calles nuevamente” ou a imprescindible “Yolanda” quedarán como liña da fronte dunha colección que fai del un dos músicos máis inesquecibles dos que tocaron neste planeta.

Conectado coa nosa Galiza: amores, amizades, músicas, colaboracións... A parroquia xa tiña ganas de escoitalo en febreiro na Coruña pero esa mala saúde dos últimos tempos rematou coa nova do seu pasamento o pasado día 22 de novembro. Dende logo que aló se vai un dos músicos máis queridos e admirados do noso tempo. El descansará. mais ás súas cancións aínda lles queda moito por sementar.

Suscríbete para seguir leyendo