O esplendor da natureza

Lección de vida

O esplendor da natureza

O esplendor da natureza / María Navarro

María Navarro

Achegármonos a culturas alleas bríndanos a oportunidade de ampliar a nosa visión do mundo, afondar na beleza do que nos rodea e deixármonos interpelar por ela condúcenos a ser mellores persoas; escoitar o berro da natureza permite reverter, quizais, situacións irreparábeis no futuro. Somos razón, emoción, paixón e conmoción e o texto que nos ocupa Asali e a lenda do baobab, asinado por Paula Merlán e ilustrado por Nívola Uyá, amosa a natureza no seu esplendor e o poderío da moza que se nega a aceptar a derrota e nese percorrido, ademais de amosar a súa perseveranza, introduce o lector no coñecemento de realidades afastadas que aquí se revisten de explicacións máis ou menos románticas pero que poden ter unha base real, que forma parte das crenzas populares e que afunde as raíces no imaxinario colectivo.

Así, en forma de lenda, sabemos como medran os baobabs, por que adoitan a forma que teñen e cal é o misterio que agochan porque o avó Anuar cóntallo á súa neta Asali e esta actúa levada pola curiosidade e polo desexo de descubrir que hai máis alá do que ven os ollos e así dá coa solución precisa non sen antes ter que poñer a proba as súas habilidades que suporán para ela a súa liberdade.

O mundo dos contos ten o capacidade de fomentar valores e actitudes prosociais que promoven a identificación e o recoñecemento de destrezas imprescindibles para afrontar diversas situacións. Logo a ensoñación e o desexo aderezan o texto ao mesmo tempo que axudan a construír a estrutura da fantasía do lector reforzando a capacidade de imaxinar e, con iso, participar no crecemento e no desenvolvemento dos cativos que verán estimulada a imaxinación e a creatividade, que os fará reflexionar sobre a súa identidade, as súas aspiracions e sobre o seu comportamento o que se converte nuna auténtica lección de vida.

ASALI E A LENDA DO BAOBAB (2022): Paula Merlán (Ils. Nívola Uyá), Vigo, Triqueta, PVP. 15,67€

Suscríbete para seguir leyendo