“Galicia viva, que por viva canta”

50 anos de Fuxan os Ventos

Fuxan os Ventos no Auditorio de Galicia (2008).

Fuxan os Ventos no Auditorio de Galicia (2008). / Judith R. Iglesias

Judith R. Iglesias

“Queremos cantar/ queremos berrar/ coa forza da fe/ que a nosa Galicia aínda está en pé”. Era o ano 1972, e con este tema presentábase o grupo, daquela chamado Folk 72, ao III Festival de Música das San Lucas en Mondoñedo (Lugo). A canción, vencedora do certame e titulada “Fuxan os Ventos”, era de seu toda unha declaración de principios; moi axiña, debido ao seu rotundo éxito, converteríase no nome da formación musical que hoxe coñecemos. Entre folclore popular e compromiso socio-político, comezou a contarse a historia dunha agrupación que, en palabras do músico e colaborador en Terra de soños, Manuel Lustres, “tivo a toda Galicia como auditorio”.

Tratábase, aquel, dun mundo sen redes sociais, que se arrolaban ao vaivén da última década do franquismo e mais o período da “transición”, onde a promoción dunha banda nacente era moito máis complicada do que agora, xa no seu cincuenta aniversario, poidamos imaxinar. Unha nova páxina web conmemora, entón, este medio século dos Fuxan os Ventos, reconstruíndo a súa historia, pola que chegaron a pasar unha trintena de integrantes, ademais dun amplo número de colaboradores. Viñan influídos pola canción protesta que, desde finais dos 60, comezara a xestarse en lugares como os Estados Unidos. “Era un contexto político dominado pola represión coa presenza ameazante da censura, que impedía o normal desenvolvemento das culturas consideradas non oficiais e, polo tanto, cun idioma arreado de prohibicións para o seu emprego social”, contan na web.

Fuxan os Ventos, nacido no seo do Colexio Menor Santísimo Sacramento co impulso do crego Xesús Mato, foise consolidando no seu contexto como unha voz independente que amosaba o camiño para lembrar o orgullo do noso pobo galego. O seu primeiro disco, publicado en 1976 baixo o selo Philips-Fonogram e titulado Fuxan os Ventos, presentábase da seguinte forma: “Este feixe de cancións non quere se máis ca o recordo e a dignificación dunha canción popular de hai anos xa e un esbozo da canción galega de hoxe que, partindo das formas musicais galegas, non adormente, senón que formule a realidade dunha Galicia viva, que por viva canta, pretendendo, polo tanto, ser o reflexo dun pobo que vive uns problemas nun intre crucial e definitivo da súa historia”.

Foi o fogar e mais a vía de expresión dos seus compoñentes, cuxa formación definitiva non chegaría ata 1983, coas voces e instrumentos de Carmen Vázquez, Tereixa Novo e Xoán Luís Fuertes, que estiveron no grupo desde 1972; e de Alonso Fernández, Maruxa Fociños, Moncho Díaz, Antón Castro, Xosé Vázquez e Pedro Lucas, que foron incorporándose co transcorrer da primeira década. Con todo, chegaron a publicar discos como O tequeletequele (1977) ou Sementeira (1978). O tema que lle deu título a este último foi escrito polo xornalista Lois Álvarez Pousa, o cal expresou: “As súas cancións configuran unha parte importante da memoria cultural, mesmo da memoria política, da historia contemporánea do noso país”.

No mesmo disco, Sementeira, atopase a festeira peza “A Carolina” que, como indican na web, constitúe unha “boa mostra da sutileza da literatura popular para tratar temas escabrosos e utilizar o dobre sentido recorrendo ao humor”. Eran as vilas as que amosaban o folclore popular máis puro e onde recollían multitude de materiais en forma de alalás, cantos de arada, regueifas, cantos de cego e romances. O contido social do seu repertorio tiña que pasar, antes de cada actuación, pola Oficina de Información e Turismo, onde un censor determinaba se un tema debía ser autorizado, válido para maiores de catorce anos ou directamente denegado, como aconteceu coa versión en galego, escrita por Curros Enríquez, de “A Emigración”.

Tras a publicación de Noutrora (Fonomusic, 1984), o grupo mantívose activo a través de concertos e festivais, así como das protestas nas que foron partícipes; mais sen publicar novos traballos ata 1999. O seu último disco foi Terra de soños (Boa, 2009), onde adaptaron algúns dos seus clásicos, como o “Alalá da pena” ou o popular “Sementeira”, ao século XXI e no cal participaron artistas como Manuel Lustres, Guadi Galego ou Mercedes Peón. O recopilatorio amosa o traballo que Fuxan os Ventos realizou na procura do patrimonio musical de noso.

“Galicia viva, que  por viva canta”

Mini e Mero, dous dos membros fundadores do grupo, sobre o escenario. / Judith R. Iglesias

Continuaremos a escoitar...

Aconteceu o 22 de outubro de 1972, cando aquel concerto dun novo grupo de mozos e mozas comezou a escribir o que serían os seguintes cincuenta anos da súa historia. Agora, unha ampla selección de fotografías, carteis, instrumentos, poemas, partituras e audios inéditos, testemuñas sempre do seu tempo, percorren a exposición Fuxan os Ventos. 50 anos de historia, no vello cárcere de Lugo. Comisariada por Sabela Fraga, a mostra pode visitarse ata o 22 de xaneiro de 2023.

Fixeron da súa unha carreira chea de luces, esclarecendo momentos en sombra a través da música e artellando o seu compromiso social coa lingua e a identidade de Galicia. Non foron, desde logo, a única banda que se adentrou nos paradigmas dunha canción protesta nun momento no que era preciso escoitala, mais o seu éxito consignou a Fuxan os Ventos como un dos grupos musicais galegos máis emblemáticos da nosa cultura.

Este 2022, e co motivo do seu cincuenta aniversario, os Premios Martín Códax da Música entregáronlle o galardón honorífico da súa IX edición; un premio que non fai senón salientar a necesidade de continuar escoitando e lembrar sempre que esta é unha “Galicia viva, que por viva canta”.

Suscríbete para seguir leyendo