Entrevista | Gogue Humorista gráfico, caricaturista, debuxante....

“Eu sempre digo e plasmo as cousas tal e como as sinto”

Por José Ángel Rodríguez López, casado e pai de familia, xa cáseque só o coñecen na súa casa e no Grove. Pero se dicimos Gogue, “pai”, entre outros, de Floreano e Monchiña, as cousas semellan máis claras. O caso é que, ultimamente, aos seus veciños dáselles por erguer monumentos dos seus personaxes...

Gogue, ao carón da estatua de Monchiña en Cambados.    | FOTO: IÑAKI ABELLA

Gogue, ao carón da estatua de Monchiña en Cambados. | FOTO: IÑAKI ABELLA / Lourdes Varela

–Con Monchiña en Cambados (e, antes, con Floreano no Grove), o caso é que xa ten Vde. dous personaxes convertidos en estatuas. Como se sinte?

–Pois, como non podía ser doutra maneira, síntome afortunado e moi feliz de ver convertidos en escultura os dous personaxes máis importantes da miña vida profesional.

–Agora só falta que se lle faga unha estatua ao cura. Se fose por Vde: que vila do Salnés (ou de fóra do Salnés) elixiría?

–Calquera vila desde onde se divise O Grove, para que Don Ramón poida controlar os devaneos de Floreano polo Salnés.

–Como naceu Monchiña?

–Pois dixo un día Floreano, rodeado de boinas na de Epi, erguendo unha taza de tinto de Barrantes: “Todo home nesesita unha compañeira de fatighas”, e de repente apareceu pola porta unha figura feminina, alta, delgada, cun pano na cabesa e armada cun rolo de amasar, e dixo ela: “Aquí me tes, xuntos perocorremos o Salnés….e o que fagha falta!”

–Xa leva moitos anos de carreira profesional, a xente segue rindo das mesmas temáticas cos que ría hai trinta, corenta ou cincuenta anos?

–A xente quere seguir rindo das temáticas de sempre: de viño, de contos de taberna, de igrexa, de fútbol, de anécdotas e historias cotiás. Desde que comecei, e fai o próximo 9 de decembro trinta e tres anos de aventuras floreánicas, quixen facer sempre o mesmo humor social do día a día, e seguirei na mesma liña ata o final…e aínda diría diría máis: ata que o Celta quede campión da Champions.

–Cales son as temáticas que nunca fallan?

–Desde logo, a parroquia de Don Ramón, os amoríos de Floreano o Celta... e o tinto de Barrantes que non falte.

–E cales son as novas (se oa hai)?

–Aquí non se desperdicia nada.Cando xorde algo da Bolsa, do Goberno ou do Mundial de Qatar, tamén se fai algunha incursión…

–Hoxendía os humoristas atópanse co asunto do “politicamente correcto”. De que maneira afecta, ou non, isto ao seu xeito de facer humor?

–A min non me afecta. Eu digo e plasmo as cousas cómo as sinto, e se alguén se sinte aludido por algún tema concreto, ten o seu dereito a criticar e punto. E se non lle gusta, que non o mire.

–O agro e o mundo mariñeiro son dúas temáticas que aparecen moito nas súas viñetas. Iso quere dicir que non corren tanto “perigo de extinción” como se di por aí adiante ou “ao mal tempo, boa cara”?

–No meu caso, o “perigo de extinción” non me afecta nin me afectou despois de trinta e tres anos de tiras de Floreano;polo tanto, non corren perigo nin penso que correrán.

–De que modo afectou ao seu traballo a etapa dura da pandemia do COVID?

–Paradoxicamente, no meu caso non me afectou, ao contrario: a miña produción incrementouse. As restriccións, a falta de liberdade para poder saír... deron paso a que a xente lera máis os medios e sobre todo os dixitais, onde as tiras de humor foron un bálsamo contra esa etapa tan dura que nos tocou vivir.

Os chistes poden nacer das ocorrencias, das ideas, das experiencias, do que mira, do que lle contan...cal é a súa principal fonte?

– Todas as fontes de inspiración son para min importantes. Pero cando levas tantos anos debuxando e creando, a experiencia é un factor fundamental. As ocorrencias sempre xorden, non hai un momento da miña vida profesional que non pense na tira do día ou na do día seguinte. Ese é o meu día a día.

Houbo algún cambio na súa maneira de concibir o humor desde que comezou a publicar en FARO DE VIGO ata o de agora?

–O único cambio foi o de contido. Cando comencei no FARO, só facía caricaturas. As tiras de Floreano viñeron varios anos despois.

Como recorda aqueles seus primeiros tempos no FARO?

–Con algo de nostalxia, sobre todo polo ilusionado que estaba por ver publicados os meus primeiros traballos no decano da prensa española. Lembro con ledicia porque foi o principio dunha longa e fructífera carreira de fondo, xa que naqueles anos era moi difícil publicar nun medio de comunicación tan importante.

Cales eran os seus mestres naquela época?

–Para min, sempre é inxusto descatar a alguén por enriba doutros, pero foron moitos os mestres que me asombraron: Ibáñez, Quino, Hergé, Ortuño, Quesada, Mingote….

E para Vde., na actualidade, quen son os mellores caricaturistas de Galicia, España e o mundo?

–Son moitos e moi bos…

–Continúa colaborando coa prensa en Estados Unidos? Xa ten a lista dos novos personaxes da política norteamericana?

–Si, continúo. Nestes momentos son o ilustrador de Hoy en Delaware, levo varios anos con eles, desde que deixei o Washington Post. Fago unha caricatura política mensual e trátanme de marabilla. Agora estamos traballando sobre Biden, Trump. Pelosi...sempre dan moito xogo.

–Cónstame que o atrae moito o mundo do debuxo animado. Atreveríase a facer unha serie o unha longametraxe se llo propuxeran?

–Sempre me gustou a animación, os debuxos animados. Xa fixemos unha serie de varios capítulos da Orixe do todos os camiños, e tamén Paseo por Vigo con Floreano e Monchiña, que se presentará proximamente, e ademais estamos cunha serie de varios capítulos sobre o selo de Floreano. Hai varios proxectos en marcha que, se todo vai ben, axiña estarán nalgunha canle de televisión

–Para cando outro libro seu?

–Teño varias propostas que están en marcha, pero de momento hai que esperar e ademais estamos coa produción da animación de Floreano.

–E unha exposición?

–Todo é posible cando atope un sitio axeitado e as circunstancias sexan favorables.

Suscríbete para seguir leyendo