Anatomía do océano

Breve e intenso

Anatomía do océano

Anatomía do océano / Oriana Méndez

Oriana Méndez

Xosé Iglesias, poeta e patrón de pesca, “mariñeiro da Galiza”, vén de publicar o seu terceiro libro: Atlántico Norte, chamádeme Ismael. Un prólogo de Eva Veiga revela con extraordinaria habelencia algunhas claves fundamentais. Entramos no “Diario de navegacións ao cráter”, un breve e intenso texto que, en prosa poética, nos dá a benvida a este universo mariño. Estamos no interior do Atlántico, a zona na que o patrón-poeta desenvolve o seu labor. O corazón do mar é tamén o territorio do narrador de Moby Dick, aínda que a lendaria historia da caza da balea se sitúa fronte ás costas de Xapón. Estamos ni mirada cara a terra e non dende a terra cara ao mar. E, dende aí, a voz poética trasládanos as vivencias, as emocións, o efecto das memorias ao longo da travesía, o amor. O amor é pedra angular deste libro que está dedicado, cómpre lembralo, a Paco Souto, poeta percebeiro que deixou a súa vida traballando no mar.

“Coma se o capitán Ahab se reencarnase en min”: é a potencia da voz avanzando. No caso que nos ocupa non existe unha obsesión vingativa, senón un afán por descubrir, coñecer e fundirse coas augas nunha pulsión de supervivencia. E ao longo da lectura, unha forte e irresoluble tensión entre a infinitude do territorio mariño e a imposibilidade de chegar a terra en calquera momento. O paradoxo: unha gaiola líquida que ten a porta pechada. Poetízase, polo tanto, continuamente un imposible, un abismo no que se ergue con paixón a voz poética e faino trasladándonos a un contexto de certa ensoñación e sensación de ebriedade seguramente provocadas pola soidade nunha travesía. En definitiva, un libro que tamén fala de nós, como pobo mariñeiro que aínda somos.

ATLÁNTICO NORTE (2022): Xosé Iglesias, Malpica, Caldeirón, PVP. 18€

Suscríbete para seguir leyendo