Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Literatura insólita

Magostos literarios

Castañas eixidas, castañas saídas

Castañas no lume na celebración do San Martiño en Ourense. Iñaki Osorio

Poucas festas tan entrañadas e xenuínas no noso país como o magosto. As galegas e galegos levamos séculos gozando desta tradición gastronómica que ten a castaña como auténtica raíña da celebración.

É controvertida a etimoloxía do termo, tamén a súa concreción histórica entre o pagán e o cristián, mesmo a data concreta na que se desenvolve, que varía segundo os territorios e costumes. Mais no que hai total coincidencia é na vivencia lúdica e festeira que casa castañas e viño novo no tempo outonal, especialmente por Todos os Santos e San Martiño, pero tamén ao longo de todo o mes.

Tan senlleira celebración ten, como é lóxico, o seu eco literario entre nós, pois a presenza da castaña como motivo remóntase xa á lírica medieval, como pode lerse na cantiga de João Garcia de Guilhade “Dom Foam disse que partir queria...”, quen fala das “castanhas eixidas” e aínda das “castanhas saidas”.Do mesmo xeito, a literatura galega de tradición oral conserva coplas seculares que confirman o inveterado costume dos magostos. É o caso da cuarteta que rexouba “Non chas quero, non chas quero,/ castañas do teu magosto,/ non chas quero, non chas quero,/ que che cheiran ao chamosco”, documentada xa en 1790.Seguindo nesta mesma liña, cando a nosa escrita recuperou o folgo no Rexurdimento os magostos volveron aos versos dos poetas. E velaí como se un le a “Panxoliña de Nadal” (1857) de Francisco de la Iglesia ha de atopar como naquel tempo unha boa troula estaba adornada “de sopas e de pantrigo, de magosto e de mazás”, o mesmo que recordaba Antonio Fernández Morales nos seus Ensayos poéticos cando lembraba as ledas xuntanzas nas que os mozos sentaban “ao redor do magosto e co galleiro escagallan as castañas para que non queimen os dedos”, engadindo como “para facer boca, un gotín cada cual bebe”.

Antonio Fernández Morales.

Antonio Fernández Morales. Arquivo

Sumándose aos amentados, unha das figuras referenciais do XIX, Francisco Añón, deixou escrito o poema “O magosto” (anterior a 1862), o primeiro centrado protagonicamente nesta celebración, ao que logo seguiron outros, como o titulado “De magosto”, incluído polo non menos célebre Valentín Lamas Carvajal no seu libro A musa das aldeas (1890); as prosas de Heraclio Pérez Placer en Contos da terriña (1895), nos que moito se cotizaba o “cobizado magosto”; ou o traizoeiro magosto no que a protagonista de Esclavitú (1906) de Manuel Lugrís Freire toma un bebedizo que lle vira o sentido complicándolle a vida a mans do infame Toribio.

Ramón Otero Pedrayo.

Ramón Otero Pedrayo. Arquivo

Coa chegada do século XX continuou rexistrándose o celebrar dos magostos na nosa escrita, igual no tempo de Nós que no da II República. Exemplos disto son o “acostumado magosto que nos montes e nas eiras fan as xentes triscadeiras con castañas e con mosto” ao que se refire Xavier Prado ‘Lameiro’ en Cóxegas e moxetes (1928) ou o ben coñecido poema “O magosto” de O galo (1928) de Luís Amado Carballo, onde “na fogueira dos magostos/ queimárase un aturuxo/ que se caíra das nubens/ abafado polo fumo”, tamén “os eixidos nos que rebrilan fogueiras de magosto” que campan polas Xornadas de Bastián Albor (1931) de Álvaro de las Casas.

Este magostar literario continuou tras a paréntese bélica e no libro auroral da recuperación da nosa escrita de Posguerra, Cómaros verdes (1947), xa Aquilino Iglesia Alvariño, ofrecía “o magosto dos meus versos para moulalos no inverno”, da mesma maneira que Ángel Sevillano en Terra liñar (1947) recreaba como “nas brasas, facemos un magosto; xa as castañas se debullan en restrelos e os rapaces ándanas a apañar”.

Ánxel Fole.

Ánxel Fole. Arquivo

Agora ben, aínda que poden amentarse outros exemplos como o de Ánxel Fole en Terra brava (1955) que sitúa a personaxes como Xan de Brais, Vicentiño de Freituxe e outros comendo un magosto “veña mougar bullós e pasar o xarrote”, o certo é que a obra na que esta presenza se fixo canónica foi o libro de relatos Entre a vendima e a castañeira (1957), de Ramón Otero Pedrayo. O fidalgo de Trasalba definía co arco temporal do título as vinte historias que compoñen esta obra, na que poden lerse relatos de nome tan transparente e alusivo como “Co luar escornado do San Martiño”.

Castañeiras para a mocidade

Nos últimos lustros ten sido o eido da literatura infantoxuvenil aquel no que máis visiblemente ten espellado a presenza da escrita arredor do magosto; boa mostra disto é a peza Indo para o Samaín (2002), dos irmáns Carlos e Sabela Labraña, que reivindica a celticidade da tradición desta nosa festa fronte á alleante do Halloween e incide na necesidade de promover tamén magostos, pasarrúas etc.Nunha coordenada semellante sitúase O vento de Antón (2004) de Xosé Antonio Perozo, imaxinativo relato no que, durante a celebración do magosto, o neno Antón colle unha enchente de castañas asadas con chocolate que case lle fai estoupar o bandullo coas flatulencias.

Argumento parello presenta Rato Pincho (Ou a verdadeira historia dos ourizos) (2004) de Gloria Sánchez, onde o rato protagonista ten que se enfrontar a un temible gato para conseguir asistir á festa do magosto da escola.

Máis didácticos e discursivos son O magosto (2008) de Jacobo Fernández e Os bolechas fan un magosto (2009) de Pepe Carreiro, pensados ambos dende o mundo da ilustración para visualizar pedagoxicamente a realidade desta festa entre o lectorado máis noviño.

Un último exemplo deste tipo de obras podería ser A casa do rato Renato (2010), conto fantástico de Manuel Castro e María Mar Ameixeiras que narra a historia dun rato que, na loita por recuperar a súa casa, vive unha apaixonante aventura durante a noite do Samaín que lle fai descubrir as tradicións das festas.

Compartir el artículo

stats